Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 3 de xullo de 2012 Páx. 26327

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xuño de 2012 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

Con data do 1 de marzo de 2012 foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 43, a Orde do 31 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria. A dita orde foi modificada por outra do 30 de marzo de 2012, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 71, do 13 de abril de 2012.

Con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Así pois, cómpre modificar esta convocatoria de axudas, co obxectivo de cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público, modificando as contías establecidas para o financiamento da realización dos proxectos de iniciativas xuvenís.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Minórase o crédito orzamentario destinado ao financiamento das axudas convocadas mediante a Orde do 31 de decembro de 2011, pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procedía á súa convocatoria, que se recollía no su artigo 2, pasando a ser este de 430.620 euros.

Modifícase igualmente a distribución establecida no devandito artigo para cada órgano competente na tramitación e resolución dos expedientes, quedando do seguinte xeito:

Ámbito provincial

A Coruña

30.000 €

Lugo

20.000 €

Ourense

20.000 €

Pontevedra

30.000 €

Ámbito autonómico

Servizos centrais

138.760 €

Ámbito autonómico

Grupos informais

191.860 €

Artigo 2

A modificación non afecta os prazos establecidos para a presentación de solicitudes nin o resto do articulado.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar