Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 28 de xuño de 2012 Páx. 25694

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 27 de xuño de 2012 pola que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 28 de xuño de 2012.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño de 1988).

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

Ante o carácter de folga xeral, que afecta a todo o persoal da Administración autonómica, parece máis axeitado regular os servizos mínimos mediante unha única norma de aplicabilidade para todos os centros, dependencias e servizos desta.

A central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria de folga xeral, que afectará a todas as actividades desempeñadas polos traballadores/as de empresas privadas e polos/as empregados/as do sector público con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, San Sadurniño, As Somozas, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, A Capela, Ares, Mugardos, Cabanas, Moeche, Cerdido, Monfero, Miño, Mañón, Vilarmaior, Valdoviño, Neda, Ortigueira e Cariño, e que se desenvolverá entre as 9.00 horas e as 15.00 horas do vindeiro 28 de xuño de 2012.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais.

Así pois, establécense os mesmos servizos mínimos garantidos mediante o Decreto 93/2012, do 22 de marzo, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 29 de marzo de 2012, circunscritos ao ámbito temporal e territorial dos concellos indicados na correspondente convocatoria de folga, e cuxa regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta de Galicia e que poden afectar o desenvolvemento ordinario da actividade cidadá, no sentido do artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, é dicir, sanidade, seguridade, protección civil, transportes e comunicacións, medios de comunicación social, rexistros públicos, edificios, bens e instalacións públicas, asistencia social e educación, servizos de vixilancia e extinción de incendios e bombeiros.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da conselleira de Facenda, oído o comité de folga

DISPOÑO:

Artigo único.

A folga que se desenvolverá desde as 9.00 horas ás 15.00 horas do día 28 de xuño de 2012, e que afectará a todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial dos concellos de Ferrol, Narón, Fene, San Sadurniño, As Somozas, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, A Capela, Ares, Mugardos, Cabanas, Moeche, Cerdido, Monfero, Miño, Mañón, Vilarmaior, Valdoviño, Neda, Ortigueira e Cariño, deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos garantidos mediante o Decreto 93/2012, do 22 de marzo, polo que se ditan normas para garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 29 de marzo de 2012, e circunscritos ao ámbito temporal e territorial indicados na correspondente convocatoria.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela Elena Muñoz Fonteriz

Conselleiro de Presidencia, Administracións Conselleira de Facenda

Públicas e Xustiza