Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 21 de xuño de 2012 Páx. 24692

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación da Resolución do 29 de decembro de 2010 pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo sobre os dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais.

Con data do 27 de novembro de 2009, os representantes da Administración da Xunta de Galicia e os representantes das organizacións sindicais CC.OO., UGT e CSI-CSIF asinaron o acordo sobre dereitos de participación do persoal ao servizo da Administración de Galicia en materia de riscos laborais, que foi ratificado con data do 12 de abril de 2010 pola Comisión de Persoal, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representatividade, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas.

O dito acordo foi obxecto de inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia mediante Resolución do 29 de decembro de 2010, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, de acordo co disposto no artigo 8.3 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

O día 27 de marzo de 2012 aprobouse, na sesión extraordinaria da Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, a solicitude de adhesión da organización sindical CIG ao citado acordo e foi ratificada con data do 12 de abril de 2010 pola Comisión de Persoal.

Por todo o anterior, e de acordo co establecido no artigo 8.3 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais