Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 13 de xuño de 2012 Páx. 23000

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Os artigos 27.1 e 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúen competencias á Comunidade Autónoma galega en materia de réxime xurídico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e organización das súas institucións de goberno, dentro do respecto á lexislación básica do Estado, de conformidade co artigo 149.1.18 da CE.

Antes da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (en diante LOFAXGA), e con base nos citados artigos do Estatuto de autonomía, aprobáronse distintas leis autonómicas que crearon organismos autónomos ou entidades de dereito público suxeitas ao dereito privado, que contaban con distintos réximes de organización e funcionamento, con distinta configuración dos seus cadros de persoal e cun réxime diferente das condicións de traballo do seu persoal.

A dita situación cambia tras un proceso de reformas estruturais iniciado na Administración autonómica, que culmina coa aprobación polo Parlamento galego da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, que regula por primeira vez, dun modo conxunto, estruturado e ordenado, a organización e réxime xurídico da Administración autonómica e das entidades que van integrar o sector público autonómico.

A LOFAXGA regula, xunto á Administración xeral da Comunidade Autónoma, dúas categorías de entidades instrumentais: as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios) e outras entidades instrumentais integrantes do sector público (sociedades mercantís públicas e fundacións do sector público). A lei regula as características esenciais de cada tipo de entidade, así como as peculiaridades do seu réxime, e dota a Comunidade Autónoma dun marco normativo completo.

No que atinxe á regulación que afecta o persoal que pode prestar servizos nas entidades instrumentais do sector público autonómico, a LOFAXGA tamén opta por uniformar o réxime de persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma co réxime das entidades públicas instrumentais, ao sinalar que o persoal ao seu servizo poderá ser funcionario ou laboral da Xunta de Galicia, e enténdese que, residualmente, persoal laboral propio desas entidades.

Prevese, así mesmo, que os instrumentos de ordenación dos postos de traballo dos empregados públicos da Administración xeral sexan tamén aplicables ás entidades públicas instrumentais co fin de favorecer a mobilidade horizontal e vertical do persoal.

Nesta liña de homoxeneizar as relacións de emprego no ámbito do sector público autonómico co fin de mellorar a eficacia na xestión do persoal e gañar así en eficiencia, a disposición adicional décimo primeira da LOFAXGA dá un paso máis ao prever un procedemento de integración para que nas entidades instrumentais o réxime de prestación de servizos como persoal laboral se faga baixo a categoría de persoal laboral da Xunta de Galicia suxeito ao convenio colectivo propio do persoal.

Así a lei, a citada disposición establece a facultade do Consello da Xunta de regular (mediante decreto e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos) os procedementos que habiliten a progresiva integración como «persoal laboral da Xunta de Galicia» do persoal laboral fixo das entidades instrumentais, procedemento de integración que se regula neste decreto.

No que atinxe ao momento en que se pode iniciar a posta en marcha do procedemento de integración, débese ter en conta que a LOFAXGA, consciente de que antes da súa aprobación existían diferentes tipos de entidades instrumentais que se rexían pola súa normativa propia, reconduce tales entidades á tipoloxía de entidades instrumentais que establece no seu artigo 45, dispoñendo na súa disposición transitoria terceira que tales entidades se deberán adaptar á LOFAXGA nun determinado prazo mediante decreto do Consello da Xunta, rexéndose nese momento pola súa propia normativa específica. Consecuentemente, será no momento en que se produza tal adaptación á nova regulación legal do sector público autonómico cando se poderá acometer o procedemento de integración do persoal laboral da entidade que corresponda como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Ademais de regular a posibilidade de que o persoal laboral fixo das entidades instrumentais do sector público autonómico se reconduza a unha clase única de persoal, o persoal laboral da Xunta de Galicia, a LOFAXGA tamén recolle o suposto do persoal daquelas entidades instrumentais do sector público que se extingan, pero cuxo persoal poida seguir vinculado co sector público autonómico. Vinculación que pode ser consecuencia do mecanismo de sucesión empresarial, ou ser consecuencia dunha previsión normativa que dispoña a continuidade do persoal das entidades extinguidas en atención á continuidade das súas funcións na Administración xeral ou noutra entidade instrumental.

Nestes supostos, a disposición transitoria sexta da LOFAXGA tamén prevé que o Consello da Xunta poida adoptar as medidas necesarias con respecto ao persoal laboral fixo de tales entidades en atención ás características da súa relación de servizo. Neste sentido, o Consello da Xunta poderá dispor a extinción da relación laboral pero tamén poderá, de ser o caso, dispor a continuidade da prestación de servizos e a correspondente adscrición do persoal ao sector público autonómico.

Neste último caso, e de se adscribir o persoal das entidades extinguidas ao sector público autonómico en atención ás características da súa relación de servizo, tamén poderá o Consello da Xunta, polas mesmas razóns de eficacia e eficiencia, regular a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

Levar a cabo este procedemento de integración como persoal laboral da Xunta do persoal laboral das entidades instrumentais non significa en absoluto o descoñecemento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. Antes ao contrario, tense en conta que a selección do persoal de tales entidades foi realizada conforme a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas participadas, que establecía a necesaria aplicación ao persoal laboral ao seu servizo dos principios de mérito, igualdade, capacidade e publicidade.

Polo demais, cabe destacar que na disposición adicional primeira se recolle o caso particular do persoal procedente de determinadas entidades que están en proceso de liquidación.

Así, en primeiro lugar, as fundacións para o desenvolvemento das comarcas foron extinguidas por acordo do Consello da Xunta de Galicia conforme o disposto no artigo 16.tres da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. Ao persoal indefinido destas fundacións, seleccionado baixo os principios de publicidade, mérito e capacidade, concedéuselle a opción de integración en entidades públicas adscritas ou con participación maioritaria da consellería competente en materia de medio rural, segundo o previsto na indicada disposición legal.

Dado que a integración deste persoal se efectuou en entidades ás cales non era de aplicación o convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, a disposición adicional primeira refírese, en aplicación do previsto no artigo 16.sete da Lei 15/2010, ao procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia para o persoal procedente destas entidades.

Tamén se alude na mesma disposición adicional ao persoal que actualmente presta os seus servizos na Fundación Galicia Emigración e na Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, entidades, así mesmo, en proceso de liquidación. Nestes casos, disponse a adscrición do persoal á Dirección Xeral de Exteriores e á Secretaría Xeral de Emigración, que asumen as súas actividades e medios de conformidade cos respectivos acordos de extinción e precisan de persoal das características de que se trata.

De acordo co indicado, nace o presente texto normativo co fin de regular dunha forma común e homoxénea o réxime de persoal dos entes integrantes do sector público autonómico así como establecer os procedementos que habilitarán esta progresiva integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo das entidades instrumentais do sector público autonómico cando así se decida dentro da potestade de autoorganización que ten atribuída a Administración autonómica.

Por todo o anterior, por proposta conxunta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da conselleira de Facenda, convocadas e oídas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos, e tras a negociación correspondente, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta e un de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Réxime de persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto:

a) Regular o réxime aplicable ao persoal das entidades públicas instrumentais previstas no artigo 45.a) da LOFAXGA, creadas conforme o previsto na citada lei.

b) Regular o réxime do persoal das entidades públicas instrumentais previstas no artigo 45.a) da LOFAXGA, creadas con anterioridade á súa entrada en vigor, que adapten as súas determinacións ao título III da LOFAXGA conforme o previsto na disposición transitoria terceira da referida lei.

c) Regular o réxime do persoal das entidades instrumentais que se extingan, creadas con anterioridade á entrada en vigor da LOFAXGA, de conformidade co previsto na disposición transitoria sexta da referida lei.

d) Regular os procedementos para a progresiva integración, como persoal laboral da Xunta de Galicia, do persoal laboral fixo das entidades instrumentais que non estea sometido á normativa xeral da función pública ou ao convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia, conforme o previsto na disposición adicional décimo primeira da LOFAXGA.

CAPÍTULO II
Persoal das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico creadas conforme a LOFAXGA

Artigo 2. Réxime do persoal

1. O persoal das entidades públicas instrumentais incluídas neste capítulo poderá ser, no marco do artigo 58 da LOFAXGA, persoal funcionario ou laboral da Xunta de Galicia. En todo caso, as funcións que impliquen a participación directa ou indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico corresponderán, exclusivamente, aos funcionarios públicos.

2. O persoal funcionario da Xunta de Galicia ao servizo destas entidades rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral da Xunta de Galicia destas entidades rexerase polo convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O persoal destas entidades quedará sometido ao réxime xeral de incompatibilidades aplicable ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Ordenación de postos de traballo

1. A relación de postos de traballo das entidades públicas instrumentais determinará a natureza, o contido e as características do desempeño e retribución de cada posto de traballo do persoal funcionario e/ou laboral, de acordo co disposto na normativa de función pública. A proposta da relación de postos de traballo así como as súas modificacións serán negociadas coas organizacións sindicais representativas no ámbito de función pública.

2. A aprobación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de planificación de persoal.

Artigo 4. Selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destas entidades serán os convocados con carácter xeral na Administración autonómica e seranlles aplicables as disposicións da lexislación estatal básica e da lexislación galega sobre emprego público.

2. A xestión da provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral das entidades públicas instrumentais da Xunta de Galicia correspóndelle á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia destinado nestas entidades someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 5. Condicións de traballo e réxime retributivo

1. A aprobación dos instrumentos polos cales se regulen as condicións de traballo do persoal destinado nas entidades públicas instrumentais e o seu réxime retributivo require informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública e deberá ser negociada previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

2. Os conceptos retributivos do persoal funcionario destas entidades públicas instrumentais son os establecidos na normativa da función pública de Galicia, respectando, en todo caso, os límites cuantitativos establecidos nas leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. As condicións retributivas do persoal laboral da Xunta de Galicia destinado nestas entidades son as establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no punto anterior.

CAPÍTULO III
Persoal das entidades públicas instrumentais creadas con anterioridade á entrada en vigor da LOFAXGA que se adapten ás súas determinacións

Artigo 6. Réxime do persoal

O persoal das entidades públicas instrumentais incluídas no presente capítulo rexerase polas seguintes disposicións:

a) Se as entidades que se adaptan contan con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia, rexerase pola normativa reguladora da función pública e as súas normas de desenvolvemento, polas disposicións do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e polos propios estatutos da entidade pública instrumental.

b) Se as entidades que se adaptan contan con persoal laboral fixo non incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, iniciarase o procedemento regulado no título II deste decreto co obxecto de integrar, como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, o persoal que reúna os requisitos establecidos no artigo 9.1.

CAPÍTULO IV
Persoal das entidades instrumentais creadas con anterioridade á entrada en vigor da LOFAXGA que se extingan sen adaptarse ás súas determinacións

Artigo 7. Réxime do persoal

O persoal laboral fixo das entidades instrumentais incluídas no presente capítulo rexerase polas seguintes disposicións:

a) Se o persoal das entidades que se extinguen é persoal funcionario de carreira e/ou persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, rexerase pola normativa reguladora da función pública e as súas normas de desenvolvemento, polas disposicións do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, respectivamente.

b) Se as entidades que se extinguen contan con persoal laboral fixo non incluído no ámbito de aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia, aplicaranse, respecto del, as medidas que o Consello da Xunta de Galicia determine, de acordo co artigo 55.3 da LOFAXGA e coa súa disposición transitoria sexta, en atención ás características da relación de servizo dese persoal e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

Cando non concorran os requisitos establecidos no ordenamento laboral para a existencia dunha sucesión de empresa, esas medidas poderán comprender o ofrecemento dunha opción voluntaria de adscrición do persoal laboral fixo á Administración xeral da Xunta de Galicia ou a unha entidade instrumental do sector público autonómico que precisen da dotación de persoal das características de que se trate, nas condicións de traballo e retributivas que no ofrecemento se indiquen.

A dita opción, de ser exercida, comportará a formalización dun contrato de traballo coa Administración xeral ou coa entidade instrumental a que se adscriba aquel persoal e baixo as condicións ofrecidas. De non exercer a opción nas condicións ofertadas, o persoal laboral fixo quedará suxeito ás consecuencias da extinción da entidade instrumental en que prestaba os seus servizos.

Cando concorran os requisitos establecidos no ordenamento laboral para a existencia dunha sucesión de empresa en que sexa cesionaria a Administración xeral da Xunta de Galicia ou unha entidade instrumental do sector público autonómico, aplicarase o disposto no dito ordenamento.

Por orde da consellería competente en materia de función pública e de forma motivada con base nas necesidades de homoxeneización do persoal laboral do sector público autonómico poderase iniciar, respecto do persoal laboral fixo que se tivese incorporado á Administración xeral ou a unha entidade instrumental por mor de ter optado pola adscrición ou por efecto dunha sucesión empresarial, o procedemento de integración de persoal previsto no título II do presente decreto, sempre que se cumpran os requisitos exixidos para iso.

TÍTULO II
Procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia

Artigo 8. Aspectos xerais

1. Os procedementos de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo das entidades instrumentais a que sexa de aplicación a LOFAXGA, conforme o previsto na súa disposición adicional décimo primeira, suxeitaranse ao réxime establecido neste decreto.

2. O procedemento de integración iniciarase por proposta da consellería a que estea adscrita a entidade instrumental, por orde da consellería competente en materia de función pública, logo da negociación entre o centro directivo competente en materia de función pública e as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos representativas no ámbito da función pública, e cumprindo os requisitos legais de información e consulta ao comité de empresa da entidade respectiva, tras o informe favorable das consellerías competentes en materia de avaliación e reforma administrativa e en materia de orzamentos. A dita orde será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. As ordes de convocatoria regularán, como mínimo, a entidade instrumental que constitúa o ámbito da convocatoria, o exercicio das opcións de integración do persoal que cumpra os requisitos establecidos no artigo seguinte deste decreto, a táboa de homologacións de categorías profesionais, o modelo de solicitude de integración, a documentación que cómpre xuntar coa solicitude e o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 9. Requisitos para o exercicio da opción de integración

1. Nos termos previstos neste decreto e nos que se establezan na correspondente orde de integración, poderá exercer a opción para se integrar como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter contrato laboral fixo con algunha das entidades instrumentais do sector público autonómico previstas no artigo 45 da LOFAXGA, formalizado tras un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade, de conformidade co previsto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, ou, de ser o caso, de conformidade co previsto na normativa vixente no momento da súa incorporación.

b) Ter a titulación e os demais requisitos exixidos para o acceso ao grupo e á categoría de homologación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.

c) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

2. A integración terá carácter voluntario para o persoal laboral fixo que estea incluído no ámbito definido nos artigos 6.b) e 7.b) deste decreto, que poderá exercer o seu dereito a optar pola integración.

3. A non opción pola integración producirá os efectos previstos nas disposicións estatutarias de adaptación á LOFAXGA, no caso previsto no artigo 6.b) deste decreto, ou os previstos no acordo do Consello da Xunta de Galicia no caso do artigo 7.b).

A prestación de servizos do persoal non integrado adaptarase necesariamente ás características do funcionamento da consellería ou ente instrumental de adscrición; a súa actuación estará en plena harmonía coa organización e co resto do persoal que preste servizos nas ditas entidades.

Artigo 10. Tramitación

1. O persoal interesado deberá presentar, no prazo e forma que determine a orde de convocatoria, a solicitude e a documentación preceptiva dirixida á consellería á cal estea adscrita a entidade instrumental.

A consellería a que estea adscrita a entidade instrumental requirirá os/as interesados/as para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación necesaria para a resolución que proceda. No suposto de non presentaren a documentación no prazo concedido para o efecto, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución de arquivo correspondente, de conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A consellería a que estea adscrita a entidade instrumental, logo de informe favorable da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa, remitirá á consellería competente en materia de función pública unha proposta sobre o grupo e a categoría en que se integrará o persoal afectado e o posto de traballo a que se adscribe.

No suposto de entidades instrumentais que se extingan, o informe da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa terá por obxecto a valoración da carga de traballo da unidade en que se propón adscribir o dito persoal.

3. A integración do persoal laboral fixo das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia resolverase mediante orde da consellería competente en materia de función pública.

O transcurso do prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen se ter ditado a resolución correspondente habilitará os interesados para entenderen desestimadas as súas solicitudes.

4. Na dita orde recolleranse as previsións necesarias para que a integración se realice nos termos previstos no presente decreto para a súa homoxeneidade co réxime laboral establecido no convenio colectivo da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Condicións de integración

1. As ordes que inicien os procedementos de integración establecerán unhas táboas de correspondencias nas cales se relacionarán as categorías orixinarias e as correlativas categorías do réxime laboral da Xunta de Galicia e, de ser o caso, se relacionarán os postos de traballo que se correspondan coas prazas de persoal laboral da Xunta de Galicia a que se equiparen.

2. O persoal que exerza validamente a opción por integrarse, farao nas categorías do convenio colectivo da Xunta de Galicia que correspondan segundo as características do posto de traballo orixinario e o laboral de referencia.

A integración respectará, en todo caso, os requisitos de nivel de titulación establecidos no convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia. No caso de non posuír a titulación necesaria para o ingreso nese grupo e categoría, integrarase no que corresponda segundo o seu nivel de titulación.

3. De non ser posible a integración nunha das categorías previstas na normativa vixente, xa sexa por causa do ámbito funcional ou por causa do seu ámbito competencial, a integración producirase nas categorías específicas de nova creación ou categorías a extinguir do grupo de clasificación que corresponda.

Artigo 12. Efectos xerais da integración

1. O persoal que opte pola integración como persoal laboral da Xunta de Galicia adquirirá a condición de persoal laboral da Xunta de Galicia e quedará suxeito ao convenio colectivo deste.

2. O réxime retributivo do persoal que resulte integrado axustarase ao presente decreto e á normativa aplicable ao persoal laboral da Xunta de Galicia.

3. A integración como persoal laboral da Xunta de Galicia implicará a novación da relación contractual, sen necesidade de proceder á súa extinción e sen que xere dereito a ningunha indemnización.

4. Procederá a extensión da correspondente dilixencia de integración por parte da consellería en que sexa destinado o persoal integrado.

5. Ao persoal laboral integrado faráselle un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade, en termos de homoxeneidade, co persoal laboral da Xunta de Galicia.

6. A antigüidade para efectos de concursos e promoción comezará a contar desde a data de entrada en vigor do presente decreto para os efectos de participar no primeiro concurso de traslados e de promoción interna que se celebren con posterioridade á dita entrada en vigor.

Artigo 13. Efectos da integración para o persoal das entidades instrumentais que se adapten

1. No suposto das entidades instrumentais que se adaptan á LOFAXGA conforme o artigo 6.b) deste decreto, a orde que estime a solicitude de integración do persoal laboral fixo determinará a categoría do grupo de clasificación correspondente, o posto ao cal se adscribe o interesado e o carácter da dita adscrición.

2. A adscrición ao posto de traballo terá carácter definitivo, salvo que se trate de postos que nas relacións de postos de traballo teñan carácter directivo ou sexan susceptibles de seren provistos polo sistema de libre designación.

Artigo 14. Efectos da integración para o persoal das entidades instrumentais que se extingan

1. No suposto das entidades que se extingan conforme o artigo 7.b) deste decreto, a integración do persoal laboral fixo axustarase ás seguintes disposicións:

a) O persoal integrado será adscrito a postos vacantes da consellería a que estea adscrita a entidade instrumental obxecto de extinción ou, de ser o caso, doutra consellería ou ente instrumental.

b) De non existiren postos vacantes, crearanse novas prazas na relación de postos de traballo ou, de ser o caso, nos cadros de persoal correspondentes á consellería a que estea adscrita a entidade instrumental obxecto de extinción ou, de ser o caso, doutra consellería ou ente instrumental.

2. Serán preferentes, en todo caso, os postos que existan na mesma localidade en que prestaba os servizos o persoal afectado.

3. A adscrición do persoal laboral integrado aos postos de traballo de nova creación será provisional ata que estes se cubran polos procedementos regulamentarios establecidos ou se decida a súa amortización.

Disposición adicional primeira.

1. Ao persoal procedente das fundacións para o desenvolvemento das comarcas, extinguidas por acordo do Consello da Xunta de Galicia de acordo co disposto no artigo 16.tres da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e integrado en entidades públicas do sector público autonómico ás cales non é de aplicación o convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, seralle de aplicación o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia previsto no título II deste decreto, ben que o procedemento de integración se iniciará por proposta da Consellería do Medio Rural referida a este persoal con independencia da entidade instrumental a que se encontre adscrito.

2. O persoal das fundacións Axencia Humanitaria de Galicia e Galicia Emigración, ambas en proceso de liquidación, que actualmente continúa prestando os seus servizos adscribirase, respectivamente, á Dirección Xeral de Exteriores e á Secretaría Xeral de Emigración, que asumen as súas actividades e medios de conformidade cos respectivos acordos de extinción por precisaren de persoal das características de que se trata. Os efectos retributivos da adscrición terán lugar desde o momento en que sexa efectiva esta, efectividade que se fixa no día 1 de xullo de 2012. A adscrición suporá a subrogación da Administración xeral autonómica nos dereitos e obrigas laborais e de seguridade social, de acordo co establecido na lexislación laboral. Corresponderá ás fundacións en proceso de liquidación e aos órganos competentes da Administración autonómica cumprir as obrigas de información aos traballadores previstas na indicada lexislación. Os cadros de persoal das fundacións extinguidas serán os instrumentos de xestión do persoal nos órganos destinatarios dos postos de traballo ata que se proceda á culminación do procedemento de integración a que se refire o punto seguinte.

Unha vez adscrito este persoal de acordo co indicado, a consellería competente en materia de función pública iniciará o procedemento regulado no título II deste decreto para a integración do persoal laboral fixo procedente destas entidades instrumentais.

Disposición adicional segunda.

Os procedementos de integración do persoal dos entes instrumentais que se regulan neste decreto levaranse a cabo, logo de negociación coas organizacións representativas da función pública, con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes.

Con independencia do disposto no parágrafo anterior, constituirase unha comisión integrada pola Administración e polas organizacións sindicais representativas na función pública de Galicia co obxecto de levar a cabo un seguimento das disposicións contidas neste decreto.

Disposición adicional terceira.

A Administración xeral ou os órganos de goberno competentes das entidades do sector público autonómico iniciarán os procedementos establecidos na lexislación laboral para, logo de consulta cos representantes legais dos traballadores, modificar as condicións de traballo ou retributivas coa finalidade da súa homologación ás aplicables ao persoal laboral da Xunta de Galicia, naqueles supostos en que a aplicación das medidas contidas neste decreto para os supostos de extinción ou adaptación de entidades determinen que finalmente a Administración xeral ou as entidades do sector público autonómico se subroguen de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores para a sucesión de empresa en condicións diferentes ou retribucións superiores das comúns para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Disposición adicional cuarta.

As entidades instrumentais adscritas á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde rexeranse pola súa propia normativa, de conformidade co disposto na disposición adicional sexta da LOFAXGA.

Disposición adicional quinta.

A Xunta de Galicia, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico garantirán e promoverán, nos seus ámbitos de actuación, o principio de igualdade de xénero na aplicación deste decreto.

Disposición transitoria primeira.

Ao persoal que, como consecuencia do procedemento previsto no título II deste decreto, experimente unha diminución en cómputo anual das retribucións brutas fixas e periódicas recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións.

Para o cálculo do dito complemento non se tomarán en consideración, en ningún caso, os importes acreditados en conceptos derivados da antigüidade, incentivos ao rendemento, complemento de produtividade, horas extraordinarias ou conceptos retributivos equiparables.

O complemento persoal de integración non poderá ser incrementado nin revalorizado e extinguirase polas causas que se indican a seguir:

a) Polo transcurso do tempo: o importe inicial recoñecido do complemento persoal de integración experimentará unha redución anual do 20% ata a súa total extinción transcorridos, como máximo, seis anos desde o seu recoñecemento.

b) Polo cambio de posto de traballo, incluída a funcionarización, promoción interna ou, se é o caso, a progresión na carreira profesional horizontal.

c) Pola absorción por este complemento, ata o seu importe total, das melloras retributivas que resulten de aplicación ao posto de traballo. Para estes efectos, non se tomará en consideración o incremento xeral de retribucións que establezan as leis de orzamentos.

No suposto de que se acorden medidas de xeral aplicación aos empregados públicos que comporten reducións retributivas, recalcularase o complemento transitorio de integración para repercutir as ditas diminucións salariais como se fosen aplicadas no posto de traballo de orixe.

Disposición transitoria segunda.

O persoal que teña retribucións inferiores ás establecidas no convenio colectivo único da Xunta de Galicia e que resulte integrado como persoal laboral fixo será progresivamente equiparado, como mínimo, na mesma porcentaxe que a fixada na disposición anterior, de ser o caso, en canto ás súas condicións retributivas de traballo segundo o previsto na orde de integración correspondente, e con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes, nun prazo máximo de seis anos.

Disposición derradeira primeira.

Para o cumprimento do establecido neste decreto poderanse ditar as disposicións de desenvolvemento necesarias para iso e, en concreto, as que determinen os aspectos relativos á composición e competencias da comisión de seguimento a que fai referencia a disposición adicional segunda do presente texto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza