Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 31 de maio de 2012 Páx. 21104

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 23 de abril de 2012, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve o recurso de reposición presentado contra a resolución de clasificación do monte Gorxal, parcelas A, B, C, E, F, G e H, solicitada a prol dos veciños da CMVMC de Cabral, do concello de Vigo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Enrique Martínez Chamorro (xefe do Servizo de Montes).

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

X. Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia de Pontevedra).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo.

Na cidade de Pontevedra, sendo as 17.30 horas do día 16.4.2012, coa asistencia das persoas na marxe citadas, reúnese no 2.º andar do edificio administrativo sito no n.º 43 da rúa Fernández Ladreda o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir, entre outros asuntos, sobre a resolución dun recurso de reposición presentado contra a resolución ditada no expediente de clasificación do monte denominado Gorxal, parcelas A, B, C, E, F, G e H, solicitado a prol dos veciños da CMVMC de Cabral, concello de Vigo.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data de entrada 15.10.2007, Miguel Luis Rodríguez Pérez, en condición de veciño comuneiro e presidente da CMVMC de Cabral, presenta unha solicitude de iniciación de clasificación do monte Gorxal.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, na súa sesión de 24.10.2011, o seguinte:

Non clasificar como veciñais as parcelas A, B, D, E, F, G e H.

E clasificar como veciñales en man común as parcelas:

– Parcela C.

Cabida: 4.155 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindeiros:

Norte: camiño e camiño do bosque.

Sur: cemiterio municipal Puxeiros.

Leste: rúa de subida a cemiterio Puxeiros.

Oeste: camiño.

– Parcela I.

Cabida: 14.107 m2 (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: Ángel Davila Alonso e Rego do Pipin.

Sur: máis da CMVMC de Cabral e Josefa Fernández Martínez.

Leste: Josefa Fernández Martínez e Rego Pipin.

Oeste: M.ª Teresa García Simón e camiño.

Terceiro. Con data de entrada 25.11.2011, Luís Rodríguez Pérez, en condición de veciño comuneiro e presidente da CMVMC de Cabral, presenta perante o Xurado Provincial de Montes recurso de reposición en que solicita a revogación das parcelas A, B, D, E, F, G e H e que se proceda á clasificación destas por parte do Xurado.

Fundamentos de dereito:

1. En primeiro lugar alégase que existen contradicións entre o informe técnico e a resolución do Xurado de Montes sobre a parcela E, argüindo ao Xurado que «…deixa entrever xa a clara intención de unicamente realizar e ter en conta os elementos adversos do informe técnico da Xunta, obviando e maquillando con consideracións subxectivas carentes de toda obxectividade as constatadas comprobacións reflectidas no informe técnico da Xunta en canto á existencia de aproveitamentos por parte dos veciños…».

A dita alegación carece de fundamento xa que o informe técnico destaca en numerosas ocasións as existencias de aproveitamentos individuais que constatan a través de diversas fotografías: unha parcela pechada dedicada a chatarra de vehículos vellos, campos de cultivo e hortas, e mesmo un cerramento de bloques con cancela e porteiro automático, entre outros, e todos eles dentro da parcela E. Polo tanto, asegurar que un territorio tal como o descrito é aproveitado de xeito mancomunado tanto actualmente como consuetudinariamente carece de fundamento; a pesar de que o informe constata a existencia do aproveitamento pradaría, tamén é certo que en ningún momento se reflicte que veña sendo aproveitada polo común dos veciños, feito que por si só non permite constatar o uso en exclusividade da parcela por parte da comunidade de montes.

O presidente, da mesma forma que no caso anterior, alega que se fai unha interpretación nesgada do informe técnico en canto ao aproveitamento da parcela A por parte do Xurado.

2. O presidente, da mesma forma que no caso anterior, alega en referencia ao informe preceptivo que: «…no dito informe menciónase a epígrafe usos e aproveitamentos, é meridianamente claro que se refire aos usos e aproveitamentos que son realizados por parte da comunidade solicitante…». En relación a esta afirmación cómpre subliñar que o único que constata o técnico é «usos e aproveitamentos: roza de matogueira». Seguidamente informa que a parcela en cuestión na súa maior parte está ocupada polos accesos ao Instituto de Bacharelato do Meixoeiro e noiros da autovía do Atlántico, terreos dos cales non se pode inferir de ningunha das maneiras un aproveitamento continuado polos veciños de forma mancomunada. A fotografía número 1 do informe reflicte claramente o noiro, é dicir, amósase unha superficie de terreo moi inclinado que remata nun acceso viario (neste caso a autoestrada do Atlántico), onde a roza é un traballo propio do mantemento de estradas.

3. Máis adiante, dedúcese do escrito de alegacións que o Xurado interpreta que cando o informe técnico non menciona aproveitamento veciñal mancomunado se dá por feito que este non existe. É o promotor, neste caso a Comunidade de Cabral, que pretende clasificar novos montes, polo tanto é a quen lle corresponde probar e testemuñar o dito aproveitamento, toda vez que do informe técnico se reflicten situacións de aproveitamentos individuais e non consuetudinarios dos terreos.

4. Tamén fai alusión o escrito de alegacións a que non se ten en consideración o suficiente as declaracións xuradas dos veciños de Cabral sobre a existencia de aproveitamentos nos terreos que pretenden clasificar; neste sentido non pode este Xurado máis que reafirmarse no xa indicado.

As declaracións son xenéricas e non se centran nas parcelas obxecto deste expediente, nin sequera achegan luz sobre os usos privativos e individuais que existen no territorio: aparcadoiro do restaurante Seixo e do Instituto Meixoeiro, hortas e leiras pechadas, chatarreira, edificacións, etc.

5. Outros dos aspectos que sinala o escrito é que non se ten en conta a documentación histórica achegada, que segundo o alegante avalaría a natureza comunal do monte Gorxal. A este respecto cómpre indicar a xurisprudencia do TSX de Galicia que en Sentenza do 8 de maio de 2008 define como doutrina: «…como única razón válida para a clasificación a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños de forma mancomunada…», feito que está por riba de calquera outra causa e que non se aprecia nas parcelas solicitadas non clasificadas.

Finalmente, o recurso de reposición analiza as consideracións que se efectuaron na resolución en torno a cada parcela:

– Respecto da parcela A resulta constatable no informe técnico e da realidade física da parcela que non é posible determinar un aproveitamento nin consuetudinario nin actual de forma exclusiva por parte da dita comunidade, nin en todo nin en parte. A maior parte da parcela corresponde a un aparcadoiro e a un noiro que dá á autoestrada do Atlántico, esta última zona rozada, que non aproveitada xa que os noiros das autoestradas non son obxecto de aproveitamento.

Finalmente, tal e como xa se expuxo anteriormente, hai que lembrar que as rozas de limpeza son normais nos noiros e marxes das autoestradas e estradas, feito que se pode constatar seguindo o resto da autoestrada.

– Respecto da parcela B o demandante afirma que o informe técnico recoñece de maneira expresa a existencia de usos e aproveitamentos por parte da comunidade, en concreto, roza de matogueira e corta de eucaliptos no ano 2006. Neste sentido o informe o que recoñece é que non se observan usos ou aproveitamentos consuetudinarios de carácter forestal e indica que se cortan 8 eucaliptos nun noiro achegado ao cemiterio de Puxeiros. Aínda que CMVMC de Cabral intente a través dunha factura xustificar o uso comunal, resulta un modo probatorio insuficiente, toda vez que non se xunta a preceptiva autorización de corta. Cómpre lembrar que estamos a falar dunha parcela de case 1 ha, onde a corta de 8 eucaliptos dun noiro non pode nin debe entenderse como un aproveitamento consuetudinario de carácter forestal.

Por outra banda, o informe técnico describe a parcela B como unha franxa estreita e excesivamente fragmentada polas variadas servidumes que presenta, é dicir, dereitos que limitan o dominio do predio, que contén abundantes noiros, superficies de terreos moi inclinados que rematan en accesos viarios e que teñen orixe nas propias construcións das vías e que non poden ser aproveitados.

Por último, o alegante indica: «que a existencia dunha ocupación (aparcadoiro diante do restaurante Seixo) non impide segundo a Sentenza 425/2008 a clasificación da parcela cando hai informes que non cuestionan o aproveitamento consuetudinario». Este último argumento non é valido neste caso, é un feito incuestionable que a explanada que está diante do restaurante se utiliza como aparcadoiro de vehículos para os seus clientes, xa que non pode ter ningún outro uso ao non ter acceso a outros sitios da parcela.

– Respecto da parcela D o recurso limítase a recoñecer que o informe técnico non constata aproveitamentos, pero hai que aclarar que o informe confirma na descrición da parcela que existe: «unha ampla zona de campos, horta, millo, viñas, leiras con cultivos agrícolas, usos en que non se aprecia ningún estado forestal e están valados...», polo tanto trátase dun terreo aproveitado de forma individual.

– Respecto á parcela E, hai que lembrar que se trata dunha parcela de 1,7 ha en que o informe técnico indica que na subparcela máis ao norte non se observa aproveitamento veciñal nin uso forestal. Que na subparcela seguinte está unida a anterior e polo tanto contén unha beirarrúa, é dicir unha servidume pública, e que ten eucaliptos e piñeiros. Finalmente, na subparcela máis ao sur tampouco se observa aproveitamento veciñal.

Nas alegacións indícase a existencia de ocupacións ilegais e que esta non pode constituír un obstáculo para a súa clasificación. Neste sentido débese indicar que o labor do Xurado se limita a clasificar monte veciñal en man común que cumpra cos requisitos que marca a Lei 13/1989, e o que reflicte o informe de campo é a existencia de terreos con aproveitamentos individuais e non aproveitados consuetudinariamente en réxime de comunidade.

– Respecto á parcela F, débese indicar o exposto no informe «Uso e aproveitamentos: non se observan». Aínda que a comunidade presenta unha factura de corta de piñeiros, non se xunta a correspondente solicitude, o que limita a precisión dos datos, feito que referendaría a descrición técnica da zona, onde se repite por dúas veces que a vexetación é arboredo propio de ribeira, e se citan as especies seguintes: ameneiros, castiñeiros, carballos, eucaliptos e matogueira, sen mencionar en ningún caso a existencia de piñeiros.

– Respecto á parcela G, o recorrente pretende facer un paralelismo con outra resolución do Xurado (clasificación do monte Lomba na parroquia de Ribadetea) onde estima a clasificación dunha zona que foi rozada recentemente e na cal se aprecia compactación debido ao tránsito e estacionamento de vehículos, para xustificar que a situación é a mesma.

E é moi importante deixar claro que as circunstancias que tivo o Xurado á hora de clasificar o monte Lomba non son as mesmas que agora pretende a Comunidade de Cabral respecto a esta parcela. Xa que o Xurado evidencia unha posesión manifesta dun aparcadoiro que vén sendo aproveitado por unha estación de servizo como aparcadoiro de camións e vehículos. Este aparcadoiro está dentro dun predio do cal se presenta certificación catastral a nome da Estación de Servicio Puxeiros, S.L., cunha superficie de 0,43 ha, o que supón o 30% das 1,4 ha solicitadas. E que non só queda reflectido no propio terreo senón que indica que nesa zona non hai un aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade, e que o documento catastral por si mesmo indica outro aproveitamento e posesión.

– Respecto á parcela H, reafirmarse no xa resolto polo Xurado, xa que o argumento de que limita co monte comunal de Cabral por si só non implica que o sexa, e tendo en conta o exposto na Resolución do 24.10.2011 sobre a dita parcela.

En consecuencia, analizado o recurso presentado, o instrutor propón e o Xurado de Montes acorda, co voto en contra do vogal X. Carlos Morgade Martínez no que ás parcelas A, B, F e G se refire,

Desestimar o recurso de reposición interposto por Miguel Luis Rodríguez Pérez contra a Resolución deste Xurado de data 24 de novembro de 2011, confirmando integramente a expresada resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 23 de abril de 2012.

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra, xefe territorial de Pontevedra