Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 31 de maio de 2012 Páx. 21023

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se crea e clasifica un posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no Concello de Rianxo.

O Concello de Rianxo formula proposta relativa á creación do posto de Tesouraría reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de Intervención Tesouraría, conforme o acordo adoptado polo Pleno do Concello de Rianxo, do 27 de marzo de 2012, no seu punto 8.º «Reserva do posto de tesouraría a funcionarios con habilitación de carácter estatal e modificación do cadro de persoal de funcionarios».

O artigo 3.1 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, establece que:

«A clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega será efectuada pola consellería competente en materia de réxime local, de conformidade cos seguintes criterios: (...)

f) Tesourarías: nas corporacións locais con secretaría de clase primeira e naquelas cuxa secretaría estea clasificada en clase segunda, que se agruparon con outras para efectos de sostemento común do posto único de intervención, existirá un posto de traballo denominado Tesouraría, reservado a funcionarios/as pertencentes á subescala de Intervención-Tesouraría.

Nas restantes corporacións locais con secretaría de clase segunda será a relación de postos de traballo a que determine se o mencionado posto está reservado a habilitado de carácter estatal ou pode ser desempeñado por funcionario propio local debidamente cualificado.

Nas corporacións locais con secretarías de clase terceira, a responsabilidade administrativa das funcións de contabilidade, tesouraría e recadación poderá ser atribuída a membro da corporación ou a persoal funcionario dela».

Na súa virtude, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, nos artigos 3 e 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en concordancia coa disposición transitoria sétima da Lei 7/2007, e demais normativa de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 22 de setembro de 2011, sobre delegación de competencias,

RESOLVE:

Crear o posto de Tesouraría reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes á subescala de Intervención-Tesouraría no Concello de Rianxo, que se clasifican como se especifica no anexo que se xunta a esta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contado desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2012.

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración local

Anexo

Entidade local: Concello de Rianxo.

Posto de traballo: Tesouraría.

Subescala: Intervención-Tesouraría.

Clase: sen categoría.

Forma de provisión: concurso de méritos.