Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 29 de maio de 2012 Páx. 20479

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 124/2012, do 18 de maio, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada autonómica LU-161 desde o p.q. 22+1100 ata o p.q. 23+0530 en prol do Concello do Valadouro.

A tenor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, entregaranse aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello do Valadouro solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade do treito da estrada autonómica LU-161 desde a intersección coa avenida Deputación (p.q. 22+1100) ata a intersección coa rúa Rosalía de Castro (p.k. 23+0530).

Ao amparo das previsións legais, a Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe favorable ao cambio de titularidade do seguinte treito:

– Desde a intersección coa avenida Deputación (p.q. 22+1100) ata a intersección coa rúa Rosalía de Castro (p.q. 23+0530).

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade en prol do Concello do Valadouro do treito da estrada autonómica desde a intersección coa avenida Deputación (p.q. 22+1100) ata a intersección coa rúa Rosalía de Castro (p.q. 23+0530).

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello do Valadouro deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponden ao Concello do Valadouro, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puider corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira única.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas