Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 28 de maio de 2012 Páx. 20185

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

CORRECCIÓN de erros. Orde do 8 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

Advertidos erros na Orde do 8 de maio de 2012, publicada no Diario Oficial de Galicia n.º 90, do 11 de maio, cómpre facer as oportunas correccións:

Na páxina 17644, no artigo 3, punto 7, na documentación que se ten que presentar, debe dicir: «Declaración do IRPF (do último exercicio cuxo prazo xa finalizase para a súa presentación en período voluntario, ou as declaracións de tres dos últimos cinco anos, incluíndo a do último exercicio)».

Na páxina 17649, no artigo 5, punto 4, engádese o seguinte parágrafo:

«Esta limitación non se aplicará:

– Aos investimentos que supoñan un incremento da superficie forraxeira.

– Aos honorarios de proxecto.

– Ás explotacións de gando vacún cando non se chegue ao límite de 15 m2/UGM para o caso de estabulación libre, e 7,5 m2/UGM para a estabulación trabada.

– Cando se xustifique un cambio de manexo e emita informe favorable o Servizo Territorial de Explotacións Agrarias.

– Cando se acredite un incremento da capacidade produtiva (explotacións avícolas, porcinas, cunículas)».

Na páxina 17650, no artigo 6, punto 1, letra a) debe dicir: «a) Para os solicitantes que figuran no artigo 3, parágrafo 7, o investimento poderá…».

Na páxina 17651, no artigo 6, punto 1, letra a), debe dicir: «En calquera caso, serán denegadas aquelas solicitudes de axuda cando a explotación ou o peticionario tivesen pendente de certificación un expediente de plan de mellora na data en que remata o prazo para a solicitude...».

Na páxina 17666, no artigo 19, punto 1, letra a) debe dicir: «1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e que se xustifique o seu gasto e pagamento, con posterioridade á data de presentación da solicitude ou da data da acta de non inicio se esta fose anterior a aquela, agás no caso dos gastos correspondentes a honorarios técnicos ou licenzas anteriores a esas datas que sí serán elixibles de acordo co que establece o punto 16 do artigo 3 do Real decreto 1852/2009...».

Na páxina 17671, no artigo 19, punto 11, letra a), debe dicir: «a) Os beneficiarios das axudas establecidas na sección 1.ª.1 (plans de melloras) poderán solicitar coa solicitude de axuda o aboamento dun anticipo, cuxo aval se deberá formalizar e presentar nos tres meses posteriores á data de concesión da axuda...».

Na páxina 17698, no anexo VI, na epígrafe de instalacións de muxidura, onde di: «Equipamentos de muxidura (excepto robot)», debe dicir: «Equipamentos de muxidura», e onde se di: «Bebedoiro portátil», debe dicir: «Bebedoiro e comedoiro portátil».