Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 17843

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 30 de abril de 2012 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para cubrir prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en universidades españolas e estranxeiras.

A Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, deberá desenvolver as accións necesarias para a difusión da lingua propia de Galicia fóra do seu ámbito territorial. As competencias nesta materia correspóndenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística, de acordo co disposto no Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que está adscrita á antedita consellería segundo o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Así mesmo, con data do 21 de setembro de 2004, foi aprobado no Parlamento de Galicia, por unanimidade de todos os grupos parlamentarios, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, xestado, no seu momento, por instancia da antiga Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. No dito Plan recoméndanse unha serie de medidas de actuación segundo o sector social implicado. No que se refire á proxección exterior do galego, un dos obxectivos marcados no Plan é o de «Consolidar o ensino e a investigación do galego nas universidades nas cales xa existe como materia de estudo e introducilo noutras universidades de interese estratéxico».

No sentido apuntado, e a través de convenios de colaboración subscritos con universidades de fóra de Galicia interesadas en incluír nos seus plans de estudo o ensino da lingua, a literatura e a cultura galegas, créanse os centros de estudos galegos como órganos de referencia nestas universidades, a través dos que se canalizan as actividades promotoras da nosa lingua, non só neste ámbito académico senón tamén na súa área de influencia.

A maioría destes centros refórzase coa presenza dun lector ou lectora que, como complemento práctico á súa actividade formativa, se responsabiliza da docencia, da investigación e da promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas. Os importes das súas bolsas establécense expresamente nos ditos convenios de colaboración, imputándose o gasto ás aplicacións orzamentarias 15.30.151A.781.2, cando o aboamento da bolsa recaia sobre universidades públicas españolas, 15.30.151A.770.0, cando o aboamento recaia sobre universidades privadas españolas, 15.30.151A.790.0, cando o aboamento o deban facer universidades estranxeiras, e 15.30.151A.480.2 cando a bolsa sexa aboada directamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

En consecuencia, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Proceder á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, das prazas de lector/a de lingua, literatura e cultura galegas nos centros de estudos galegos localizados nas universidades que se relacionan na táboa seguinte:

Destino

Localidade

País

Universidade do País Vasco

Vitoria

España

Universidade da Sorbona-París III

París

Francia

Universidade de Birmingham

Birmingham

Reino Unido

The Queen’s College, Oxford

Oxford

Universidade de Cork

Cork

Irlanda

Universidade Federal de Bahía

Salvador de Bahía

Brasil

Artigo 2. Requisitos.

1. Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

– Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta axuda económica.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non encontrarse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Titulación académica:

• Poderán solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

- Licenciatura en filoloxía galega.

- Licenciatura en filoloxía hispánica, subsección de galego-portugués.

- Licenciatura en filoloxía románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.

- Grao en lingua e literatura galegas.

- Grao en estudos de galego e español.

- Grao en galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios.

- Grao en lingua e literatura españolas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en lingua e literatura galegas ou Maior Plus en introdución á lingua e literatura galegas.

- Grao en lingua e literatura modernas, sempre que a lingua B ou C elixida fose o galego e o grao fose cursado baixo a modalidade de Minor en lingua e literatura galegas ou Maior Plus/modalidade mixta en introdución á lingua e literatura galegas.

• Poderá solicitar as prazas localizadas en Francia, Reino Unido ou Irlanda quen estea en posesión das seguintes titulacións:

- Licenciatura en tradución e interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

- Grao en tradución e interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de inglés.

2. Quedan excluídas aquelas persoas que, reunindo estes requisitos, estean a exercer ou exercesen como lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas e que obtivesen a súa bolsa en convocatorias públicas anteriores.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior aquelas persoas que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigadas a cesar na súa condición de lectores ou lectoras por causas alleas á súa vontade, sempre que non mediase ningunha das circunstancias previstas nos artigos 3.2 e 14, excluíndo o suposto de inexistencia de convenio en vigor.

Artigo 3. Duración.

1. As persoas seleccionadas serán nomeadas para unha primeira estadía que abranguerá o período comprendido entre o 1.10.2012 e o 30.9.2013, agás no caso da praza localizada na universidade de Brasil, cuxo período estará comprendido entre o 1.1.2013 e o 31.12.2013. Este nomeamento inicial poderase renovar sucesivamente en dúas ocasións máis ata completar cada lector ou lectora, como máximo, tres anos de estadía. Para o cómputo do período máximo de permanencia non se terán en conta os nomeamentos provisionais derivados de substitucións.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante resolución do/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, renovará a bolsa do lector ou lectora, sempre que non exista, ben por parte desta ou ben por parte do responsable do Centro de Estudos Galegos, un informe sobre o beneficiario en que se recolla unha evolución negativa ou pouco satisfactoria na súa formación e no aproveitamento das experiencias e prácticas realizadas no lectorado ou baseado en calquera das circunstancias previstas no artigo 14.

Artigo 4. Actividade.

1. O lector ou lectora, baixo a dirección do responsable da cátedra ou do Centro de Estudos Galegos, en coordinación con este e como complemento práctico ao seu programa de formación, desenvolverá actividades de docencia, de programación e organización de tarefas, de investigación, de difusión e de promoción relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas, que se concretan nos convenios de colaboración asinados coas correspondentes universidades, non só limitando a actuación ao ámbito académico destas senón tamén abranguendo a súa área de influencia.

2. Á marxe da actividade docente académica, será parte integrante do programa de formación do/a lector/a a práctica desta actividade a través da impartición de cursos preparatorios para a superación das probas para a obtención dos certificados acreditativos do nivel de coñecemento de lingua galega (Celga) que se realicen na súa localidade de destino.

3. O lector ou lectora de lingua, literatura e cultura galegas non poderá desenvolver actividades que impidan, dificulten ou menoscaben o cumprimento das condicións establecidas para o desfrute da bolsa concedida.

Artigo 5. Contía da bolsa.

1. O/a lector/a percibirá o importe da bolsa directamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística ou a través da universidade para a cal sexa seleccionado. A opción elixida dependerá do acordado con cada unha das universidades de destino e recollerase no convenio de colaboración asinado entre as dúas institucións, xunto coa contía que se deberá percibir e a partida orzamentaria correspondente.

2. Para o ano 2012 o importe íntegro mensual das bolsas obxecto desta convocatoria é o seguinte:

– 1.123,96 €, para aqueles lectorados localizados en universidades españolas.

– 1.277,12 €, para aqueles lectorados localizados en universidades estranxeiras.

3. Neste importe considéranse incluídos todos os conceptos, é dicir, o/a lector/a fará fronte aos gastos de tipo profesional ou persoal que poidan derivar, tales como: cotización á Seguridade Social (cota obreira), viaxes, desprazamentos urbanos, residencia, requisitos burocráticos, etc., con cargo á bolsa adxudicada.

Artigo 6. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido no anexo I desta orde, que poderá obterse na web da Xunta de Galicia, na guía de procedementos e servizos e na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no seguinte enderezo: http://www.xunta.es/linguagalega

2. Ás solicitudes xuntarase, polo menos, a seguinte documentación preceptiva:

– No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade, copia compulsada do DNI ou do documento acreditativo da identidade.

– Copia compulsada da titulación académica exixida no artigo 2, ou da acreditación de tela solicitada.

– En relación co anterior, orixinal ou copia compulsada da certificación académica persoal, con expresión da nota media do expediente académico, calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

– Currículo, con expresión de todos os méritos alegados.

– Para cada universidade solicitada, escrito asinado que conteña a explicación dos motivos da súa solicitude e proxecto didáctico e de traballo.

– Declaración xurada de non estar en situación de servizo activo como funcionario/a ou, en caso contrario, indicación do corpo de pertenza e compromiso de solicitar o pase á correspondente situación administrativa, no caso de ser seleccionado/a.

– Declaración responsable, segundo o modelo recollido no anexo II, de non encontrarse incluído/a en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– Declaración, segundo o modelo recollido no anexo III, do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos. De non ter solicitada ou concedida ningunha, tamén o farán constar.

3. Os interesados poderán solicitar, como máximo, catro lectorados, debendo relacionalos no anexo I por orde de preferencia.

4. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ou ben, poderán optar pola presentación electrónica, segundo o establecido no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, no enderezo da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) ou na súa ligazón no portal web institucional da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es), de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes; e na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia. Os interesados só poderan empregar unha das formas de presentación.

5. Unha vez presentada a solicitude, no prazo máximo de dous días, remitirán un correo electrónico, ao enderezo lectorados@edu.xunta.es, no cal indicarán o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto e o lugar (se é o caso), data e forma (física ou electrónica) de presentación da solicitude.

Artigo 7. Forma de presentación da documentación.

1. A documentación recollida no artigo 6.2, precedida da solicitude (ou dunha copia desta se a presentación se fai electronicamente) presentarase gardando a mesma orde que figura no devandito artigo. En ningún caso, con fin de mantela unida, poderán empregarse mecanismos que supoñan, sobre unha parte ou sobre a totalidade, a perforación, pegado ou calquera outro sistema que dificulte a manipulación da documentación.

2. Os méritos alegados no currículo xustificaranse mediante copia compulsada e disporanse a continuación daquel, seguindo a mesma orde que figure nel.

No caso de publicacións, xustificaranse mediante copia simple da obra á cal se engadirán, se é o caso, a capa, a contracapa e a folla que recolla o ISBN, ISSN ou depósito legal. No caso de publicacións extensas recoméndase a entrega de orixinais, que serán devoltos unha vez resolta a convocatoria.

Os xustificantes dos méritos redactados nun idioma distinto aos oficiais en Galicia, para seren valorados, deberán acompañarse dunha tradución a algún destes, incluíndo ao pé unha declaración responsable asinada cunha lenda que faga constar que se trata dunha tradución fiel do documento orixinal.

Non se valorará ningún mérito que non conste no currículo, ou que figurando non se xustifique adecuadamente ou se faga fóra do prazo de presentación de solicitudes.

3. A maiores da súa presentación impresa, é inescusable achegar en formato dixital compatible con Word ou Adobe Reader o currículo, o escrito que conteña a explicación dos motivos da solicitude e o proxecto didáctico e de traballo para cada universidade solicitada. A dita documentación deberá ser idéntica á presentada de forma impresa, aínda que se admitirá sen a correspondente sinatura do solicitante, e poderá achegarse mediante correo electrónico dirixido ao enderezo indicado no artigo 6.5.

Artigo 8. Prazo de presentación.

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou xunte os documentos preceptivos. Transcorrido o dito prazo sen que se producise a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

Artigo 9. Comisión de valoración.

1. As solicitudes e a documentación acreditativa serán examinadas e valoradas por unha comisión integrada polos seguintes membros:

– O subdirector xeral de Política Lingüística, quen actuará como presidente.

– A xefa do Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua.

– O xefe da Sección de Habilitación.

– Por parte das universidades, os responsables dos centros de estudos galegos. Se a súa presenza non é posible, notificarán este feito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e poderán delegar a súa representación, comunicando ambas as circunstancias por escrito.

– Un funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario, con voz pero sen voto.

A ausencia dalgún dos membros representativos da Administración será cuberta por algún dos seguintes suplentes:

– A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, quen exercerá como presidenta da comisión ante a ausencia do seu titular.

– A xefa do Servizo de Xestión e Promoción Lingüística.

2. A Comisión de Valoración poderá acordar a incorporación ás súas reunións de persoal de carácter técnico que contribúa a unha correcta valoración dos méritos alegados polos aspirantes ou a aclarar as dúbidas que lle poidan xurdir aos membros da dita comisión. Este persoal actuará con voz pero sen voto nas reunións da citada comisión.

Artigo 10. Valoración de méritos.

1. A comisión valorará os méritos, debidamente acreditados por cada un dos interesados, de acordo co contido do anexo IV desta orde.

2. Para estes efectos, elaborará un informe que se xuntará á acta da reunión. O informe recollerá: a relación de admitidos na convocatoria; a relación de excluídos e desistidos, con indicación do motivo; a relación, por orde decrecente da puntuación total, de admitidos para cada universidade, indicando a valoración detallada dos méritos de cada candidato/a; e a proposta de resolución, na cal figurará a adxudicación dos lectorados a aqueles interesados/as que obtivesen a maior puntuación total en cada unha das prazas ofertadas.

3. En relación co disposto neste artigo, e a maiores do previsto no artigo 8.2, será causa específica de desistencia non presentarse á entrevista persoal.

4. A Comisión de Valoración, cando o número de admitidos nalgunha das prazas convocadas supere a contía de doce, poderá acordar a aplicación dun mecanismo que, baseado na suma das puntuacións dos méritos 1 a 5 do anexo IV, limite o acceso dos candidatos á fase de entrevista. Para estes efectos deberá optar por algunha das seguintes alternativas:

– Establecer unha puntuación mínima.

– Ou elixir un número determinado de candidatos en base ás maiores puntuacións.

5. Respecto do anterior, a Comisión de Valoración empregará medios electrónicos para comunicar o lugar, a data e a hora de realización das entrevistas persoais e os candidatos seleccionados para acudir a estas. Os ditos medios electrónicos consistirán na utilización da páxina web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na comunicación cos candidatos seleccionados a través da conta de correo electrónico facilitada por estes na súa solicitude.

Artigo 11. Resolución.

1. A Comisión de Valoración remitiralle ao/á titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística a documentación recollida na epígrafe 2 do artigo anterior, xunto coa manifestación expresa dos candidatos/as propostos de aceptar o seu nomeamento.

2. As bolsas non poderán ser adxudicadas a aqueles solicitantes que obtivesen unha valoración total inferior a 5 puntos.

3. Se algún dos/as candidatos/as propostos non aceptase o seu nomeamento, proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Con base na proposta formulada, o/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística procederá a ditar resolución en que nome os/as lectores/as propostos. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e será notificada ás correspondentes universidades de destino.

5. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de seis meses, contados a partir da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

6. A resolución desta convocatoria queda condicionada á existencia de convenio en vigor entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e cada unha das respectivas universidades, na data en que se faga efectivo o nomeamento dos/as lectores/as. A carencia deste convenio supón deixar sen efectos o nomeamento dos lectores/as implicados/as.

7. Os nomeamentos producirán os seus efectos desde a data que inicie o período correspondente ao primeiro deles. Non obstante o previsto no artigo 3.1, por razóns de conveniencia operativa ou académica, poderá atrasarse a data que dá comezo ao período relativo á primeira estadía, sen que isto supoña tamén a obriga de adiar a data de remate da última.

8. No caso de funcionarios en servizo activo, o seu nomeamento como lectores estará condicionado a que obteñan o pase á situación administrativa correspondente, xa que o dito nomeamento é incompatible co desempeño dun posto de traballo na Administración pública.

9. Se algún lectorado é declarado deserto, ou ben non é posible a súa cobertura por aplicación do disposto na epígrafe 3, abrirase un procedemento especial para a súa cobertura, ofertándose, en primeiro lugar, a aqueles participantes na presente convocatoria que asistisen á entrevista persoal e que non o tendo solicitado nun principio e non obtendo outra praza, obtivesen unha puntuación total igual ou superior a 5 nas universidades solicitadas. Entre estes candidatos seleccionarase, mediante entrevista, o considerado máis idóneo para a praza.

Se o procedemento anterior resultase frustrado, ofertarase, en segundo lugar, ás persoas incluídas nas vinte e cinco primeiras posicións da listaxe de profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística e seleccionarase o adxudicatario mediante entrevista persoal de entre as cinco primeiras aceptacións que cumpran cos requisitos previstos no artigo 2.

Se aínda así non se cubrise a vacante, e ante a excepcionalidade da situación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ofrecerlle directamente a praza a un candidato que, reunindo os requisitos previstos no artigo 2, acepte o seu nomeamento.

10. A concesión e percepción da bolsa non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e os lectores/as seleccionados/as.

11. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 12. Obrigas dos beneficiarios.

As persoas adxudicatarias quedan obrigadas a:

– Manifestar expresamente a aceptación ou non do seu nomeamento.

– Acreditar ter superado o curso de formación de profesores de galego ou, no seu defecto, comprometerse a asistir e superar o dito curso na edición que desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística se lles indique. O incrumprimento do previsto neste punto dará lugar á aplicación do estipulado no artigo 14.

– Comunicarlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística o desenvolvemento de actividades alleas ao obxecto desta convocatoria que poidan influír ou comprometer a súa actuación como lector de lingua, literatura e cultura galegas.

– Reintegrar, total ou parcialmente, o importe dos conceptos indebidamente percibidos.

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou por calquera outro órgano fiscalizador das administracións públicas, no exercicio das súas funcións de control das axudas públicas.

– Obter, se é o caso, o visado que corresponda ao país de destino, realizando os trámites e asumindo os gastos necesarios para a súa obtención.

– Asistir ás actividades de formación a que se lle convoque desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Artigo 13. Substitucións.

1. Se, unha vez nomeados, algún dos/as lectores/as renunciase ao lectorado, este cubrirase provisionalmente co seguinte candidato con máis puntuación que, cumprindo o requisito dunha valoración total mínima de 5 puntos, concorrese a esta convocatoria e non obtivese praza nela nin nas sucesivas. Ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao seguinte, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

Se non fose posible cubrir o lectorado por este sistema, a Secretaría Xeral de Política Lingüística aplicará o estipulado a partir do procedemento descrito en segundo lugar no artigo 11.9.

2. O disposto no punto anterior tamén será de observancia para a cobertura dos lectorados cando sexa necesaria a substitución temporal do seu bolseiro titular. Esta substitución abranguerá o período que dure a causa que a orixina.

3. Os lectorados cubertos de forma interina, agás o caso previsto na situación recollida no punto anterior, serán de novo convocados para seren cubertos mediante concurso público de méritos na seguinte convocatoria.

Artigo 14. Revogación e suspensión.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, logo da instrución do correspondente procedemento, poderá revogar o nomeamento dos/as lectores/as, e polo tanto da bolsa concedida, ou suspendelos temporalmente cando concorran, con independiencia das establecidas con carácter xeral, algunha das seguintes circunstancias específicas:

– Incumprimento total ou parcial do disposto no artigo 4 desta orde.

– Notoria falta de actitude no desenvolvemento das actividades previstas no artigo 4.

– Incumprir, respecto do establecido no artigo 4, o previsto na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

– Obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para este mesmo proxecto.

– Posterior coñecemento de nomeamento indebido por non reunir as condicións requiridas para isto.

– Inexistencia de convenio en vigor.

Artigo 15. Autorizacións e publicidade.

1. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación das bases que a regulan.

2. Segundo o previsto nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web as bases que regulan a presente convocatoria e, no Diario Oficial de Galicia, as ditas bases e os datos relevantes referidos ás subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude supón a autorización dos beneficiarios para o tratamento dos datos necesarios para este fin.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas no artigo 15.2, alínea d), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de acordo co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluirá nos ditos rexistros, agás nos supostos legalmente establecidos, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas polos adxudicatarios que participen nesta convocatoria, así como as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización dos beneficiarios para o tratamento necesario dos seus datos persoais.

Artigo 16. Réxime xurídico.

O réxime xurídico aplicable á presente convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG número 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG número 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE número 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003.

Artigo 17. Recursos.

Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o/a titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única.

Deléganse expresamente no/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as facultades de resolución que deriven da aplicación dos artigos 3, 11, 13 e 14 desta orde.

Disposición derradeira primeira.

O/a titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Méritos

Puntuacións

1. Formación:

Máximo 14 puntos

1.1. Polo título de doutor:

Ata 3 puntos

1.1.1. Doutoramento en calquera das titulacións exixidas para participar nesta convocatoria:

3 puntos

1.1.2. Doutoramento noutras titulacións:

1 punto

1.2. Por cada titulación a maiores da exixida 0,5 puntos:

Ata 2 puntos

1.3. Expediente académico:

Valorarase segundo a nota media calculada en función do disposto na resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro) e acreditarase mediante certificación académica persoal. A puntuación así obtida tomarase, con dous decimais, pola metade do seu valor.

Ata 5 puntos

1.4. Asistencia a cursos de formación didáctica no ensino de linguas:

Ata 2 puntos

1.4.1. Ata 25 horas

0,25 puntos

1.4.2. De 26 a 50 horas

0,50 puntos

1.4.3. De 51 a 100 horas

0,75 puntos

1.4.4. Máis de 100 horas

1,00 puntos

1.5. Asistencia a actividades de formación relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

1.5.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

1.5.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

1.5.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

1.5.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2. Actividade docente e/ou divulgativa e publicacións:

Máximo 7 puntos

2.1. Impartición de cursos, relatorios, etc., relacionados coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

Ata 2 puntos

2.1.1. De 0 a 10 horas

0,05 puntos

2.1.2. De 11 a 25 horas

0,10 puntos

2.1.3. De 26 a 50 horas

0,15 puntos

2.1.4. De 51 a 100 horas

0,20 puntos

2.1.5. Máis de 100 horas

0,25 puntos

2.2. Organización de actividades de difusión e promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas (dirección e/ou coordinación):

Cando estas actividades fosen realizadas en universidades de fóra de Galicia valoraranse exclusivamente no número 3.1.

Ata 1 punto

2.2.1. Ata 25 horas

0,05 puntos

2.2.2. De 26 a 50 horas

0,10 puntos

2.2.3. De 51 a 100 horas

0,15 puntos

2.2.4. Máis de 100 horas

0,20 puntos

2.3. Publicacións relacionadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas:

En libros, se hai varios autores a puntuación que se outorgará será a resultante de dividir os puntos correspondentes entre o número deles.

Acreditaranse mediante orixinais ou copias compulsadas en que consten o ISBN ou o ISSN, segundo corresponda.

Ata 2 puntos

2.3.1. Libros:

2.3.1.1. Non especializado

0,50 puntos

2.3.1.2. Especializado

1,00 puntos

2.3.2. Relatorios, artigos, recensións, etc.:

2.3.2.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.2.2. Especializado

0,20 puntos

2.3.3. Material audiovisual:

2.3.3.1. Non especializado

0,10 puntos

2.3.3.2. Especializado

0,20 puntos

2.4. Experiencia docente no ensino regrado de lingua, literatura e cultura galegas:

Valorarase con 0,05 puntos por cada mes ou fracción inferior.

Ata 2 puntos

3. Experiencia e coñecementos:

Máximo 4 puntos

3.1. Experiencia na organización de actividades de difusión e promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, en universidades de fóra de Galicia:

Ata 1 punto

3.1.1. Ata 25 horas

0,20 puntos

3.1.2. De 26 a 50 horas

0,40 puntos

3.1.3. De 51 a 100 horas

0,60 puntos

3.1.4. Máis de 100 horas

0,80 puntos

3.2. Coñecemento da comunidade autónoma ou do país en que se encontre a universidade solicitada, e da súa situación sociocultural:

Ata 1 punto

3.3. Nivel de coñecemento do idioma ou idiomas propios do país de destino (distintos ao galego ou castelán): (1)

Ata 2 puntos

3.3.1. MCERL A2/ALTE 1

0,25 puntos

3.3.2. MCERL B1/ALTE 2

0,50 puntos

3.3.3. MCERL B2/ALTE 3

0,75 puntos

3.3.4. MCERL C1/ALTE 4

1,00 puntos

3.3.5. MCERL C2/ALTE 5/licenciatura/grao

1,25 puntos

3.3.6. Outros (ensino non regrado, residencia no país máis de 3 meses seguidos, etc.)

0,15 puntos

4. Interese do proxecto docente, investigador e difusor da lingua, a literatura e a cultura galegas que se desenvolverá na universidade solicitada:

Teranse en conta os seguintes criterios:

– Coñecemento e fundamentación teórica.

– Deseño de actividades.

– Aplicabilidade do proxecto.

– Bibliografía.

Máximo 2 puntos

5. Adecuación ao posto de traballo de acordo co currículo presentado:

Máximo 2 puntos

6. Entrevista persoal:

Máximo 4 puntos

1MCERL: Marco europeo común de referencia para as linguas.

ALTE: Asociación de Avaliadores de Linguas Europeas.