Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Venres, 11 de maio de 2012 Páx. 17635

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de abril de 2012 pola que se modifica o nome dun rexistro auxiliar do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia adscrito a esta consellería.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, crea a Axencia Galega de Innovación e aproba os seus estatutos. O 18 de abril de 2012 quedou constituído o Consello Reitor da Axencia Galega de Innovación e, polo tanto, iniciouse a actividade desta axencia. Na disposición adicional primeira do indicado decreto establécese que na data de constitución da Axencia Galega de Innovación queda suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, cuxas funcións son asumidas pola Axencia.

Tendo en conta o anterior, e co obxecto de manter a coherencia na organización administrativa, a Consellería de Economía e Industria propón modificar o nome do Rexistro de Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación polo de Rexistro da Axencia Galega de Innovación.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6.º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o nome do Rexistro da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación polo de Rexistro da Axencia Galega de Innovación, auxiliar do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia e adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición derradeira primeira.

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza