Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 7 de maio de 2012 Páx. 17003

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de xaneiro de 2012, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Sasdónigas, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 26 de xaneiro de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Sasdónigas, promovido por Norvento, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Mondoñedo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Sasdónigas.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

1. Proposta de modificacións do Plan municipal de Mondoñedo.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente no municipio de Mondoñedo para compatibilizar o parque eólico Sasdónigas proxectado cos usos de solo previstos nesta, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos do presente proxecto.

Cando se modifique ou revise o plan do termo municipal de Mondoñedo, ou se adapte á Lei do solo, incluiranse as delimitacións sinaladas no Plano I0099-28-PL 06, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas conforme o artigo 37 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, coa seguinte normativa:

1.1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada pola poligonal incluída no plano I0099-28-PL 04 destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento.

A área de afección do parque eólico Sasdónigas ao concello de Mondoñedo é de 91,93 ha.

1.2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural vento, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar ademais de coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación ambiental vixente, coa aprobación do correspondente proxecto sectorial.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais, mantendo as plantacións unha distancia mínima de 45 metros ao aeroxerador máis próximo.

1.3. Condicións de edificación e estéticas.

A superficie ocupada pola edificación pechada e cuberta é de 278,40 m2, e a da subestación é de 34,5 × 16,5 m. A parcela do edificio ten unha superficie de 5.030 m2.

A edificación proxectada deseñouse adaptándoa totalmente ao ámbito. Polo seu deseño de liñas suaves, e ao proxectarse unha cuberta vexetal a construción quedará moi integrada no medio. O edificio descomponse en dous volumes conectados entre si e coas mesmas características exteriores, de forma que se mimetizan na paisaxe.

O uso a que se dedicará o edificio (uso autorizable) impide a súa adaptación á tipoloxía tradicional do ámbito (vivendas unifamiliares). Aínda así, a cuberta presenta planos continuos, sen quebras nas vertentes. Xustifícase a variación en materiais e solución de cuberta pola singularidade do proxecto, así como para conseguir a minimización do impacto visual sobre a paisaxe.

As características do edificio proxectado, co rematado da fachada de pedra e a cuberta vexetal, perseguen conseguir a súa harmonización co medio, ao ter sido deseñado en función das características do terreo, vexetación e uso.

O cerramento proxectado estará constituído por un muro perimetral realizado en zócolo de cachotaría de pedra de lousa a dúas caras vistas, sobre cimentación de formigón, de altura 1,00 m, e peche metálico de barras verticais ata unha altura total de 2,50 m, provista de sinais de advertencia de perigo por alta tensión en cada unha das súas orientacións, co obxecto de advertir sobre o perigo de entrada ao recinto ás persoas alleas ao servizo.

1.4. Condicións estéticas.

Serán as determinadas na declaración de impacto ambiental. En todo caso, as construcións e instalacións que proxecten situarse neste tipo de solo deberán adaptarse ao ambiente no cal se sitúen.

1.5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a Lei 15/2004, do 29 de decembro, que a modifica, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Saneamento e depuración.

• Enerxía eléctrica.

• A dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

1.6. Limitacións de uso.

A servidume permanente de paso ten as seguintes limitacións ao dominio:

• Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

• Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar acto ningún que poida danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

• Manter, renovar ou reparar as instalacións.

• Prohibición de plantar árbores de gran tamaño a menos de 41 metros de cada aeroxerador.

• Prohibición de edificar a unha distancia inferior a 200 metros de cada aeroxerador.

2. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico municipal vixente ao proxecto sectorial, deberá realizarse con:

• Coa revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

• Coa adaptación do planeamento á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e á Lei 15/2004, do 29 de decembro, que a modifica.

3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecue o planeamento municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da Lei 9/2002, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.