Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 3 de maio de 2012 Páx. 16144

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e a tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspóndelle crear un clima de enriquecemento cultural na sociedade galega. Para isto, resulta necesario que a cidadanía dispoña de materiais impresos en calquera faceta do desenvolvemento humano actual, no campo da creación, do pensamento, da técnica, do ocio ou calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, a presenza de Galicia no mundo significa que a nosa propia actividade intelectual en calquera plano deixe tamén a súa pegada en territorios lingüísticamente diferenciados de nós, de forma que, na medida da nosa propia capacidade, contribuamos ao avance e evolución das materias que configuran un mundo cada vez máis plural e integrador.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria establece as correspondentes liñas de subvención para a versión a galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas e para a versión a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, de maneira que se poidan encontrar na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Finalidade e obxecto.

1. Convócanse axudas á produción editorial para apoiar a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e a tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes examinaraas unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta Comunidade Autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídido das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía.

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.20.432A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, por un importe de 84.000,00 euros, e con cargo aos orzamentos de 2013, a cantidade de 84.000,00 euros.

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a cento sesenta e oito mil euros (168.000,00 €), do seguinte modo:

1. Tradución para outras linguas de obras redactadas orixinariamente en galego.

1.1. Para a tradución a linguas da Península Ibérica, a contía de cada subvención fíxase entre 20 e 30 (vinte e trinta) euros por páxina.

1.2. Para a tradución ás restantes linguas, a contía fíxase entre os 25 e os 50 (vinte e cinco e cincuenta) euros por páxina.

1.3. Para o cómputo e a determinación da contía entenderase unha páxina estándar como de 30 liñas por 60 carácteres, para un total de 1.800 carácteres.

1.4. A axuda non pode superar, en ningún caso, os 6.000 euros.

2. Tradución para galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

2.1. As obras publicaranse en galego, segundo a lexislación vixente.

2.2. Para a tradución de obras publicadas en linguas distintas do galego, a axuda consiste no pagamento dunha porcentaxe da tradución, que oscilará entre o 50% e o 75% do importe fixado no contrato do tradutor, sen superar en ningún caso os 6.000 euros.

3. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que perciba o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes.

1. Poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, coas limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas xurídicas que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2.º e 3.º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Presentarase unha solicitude por cada obra, preferentemente, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia mediante sinatura electrónica do/a representante legal da entidade solicitante, tendo que cumprir os requisitos de presentación electrónica que se definen no punto seguinte, en aplicación do establecido no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Ao Rexistro Electrónico da Xunta accédese a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, directamente ou tamén a través do portal www.xunta.es

Os requisitos para a presentación electrónica son os seguintes:

– Será necesario que o/a presentador/a da solicitude sexa a persoa física que posúa a representación legal da entidade solicitante e como tal figure identificado/a nos formularios normalizados de solicitude.

– O/a presentador/a deberá posuír algúns dos seguintes certificados:

a) DNI electrónico, conforme co disposto no Real decreto 1586/2009, do 16 de outubro, polo que se modifica o Real decreto 1553/2005, do 23 de decembro, polo que se regula a expedición do documento nacional de identidade e os seus certificados de sinatura electrónica.

b) Certificado electrónico en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, conforme co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

c) Calquera outro certificado dixital aceptado polo Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Os certificados deben ter exclusivamente atributos de persoa física pola que se acredita a vontade da dita persoa física e non serán válidos aqueles certificados electrónicos que ademais están vinculados a persoas xurídicas, xa que a vontade da persoa xurídica está limitada nestes certificados a un determinado alcance, por exemplo, para fins tributarios.

Así mesmo, tamén se poden presentar en soporte papel segundo os modelos normalizados que figuran como anexos I e II desta orde, e poderán presentala na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, á que se lle achegará a documentación indicada nas bases específicas para a concesión das axudas, así como a seguinte documentación xeral, que só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial, en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Fotocopia do DNI, NIF, NIE ou equivalente, orixinal ou debidamente compulsado ou cotexado, só no caso de que non autorice o solicitante a súa consulta. O solicitante poderá autorizar a Secretaría Xeral de Cultura o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro. Se é unha editorial estranxeira, deberá enviar a documentación identificativa propia do seu país.

b) Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ambos os dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

c) Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

d) Certificación orixinal da conta bancaria, onde conste como titular a empresa solicitante.

e) O catálogo actualizado da produción realizada pola editorial.

f) Unha declaración responsable das axudas solicitadas ou percibidas para esta mesma finalidade de calquera Administración ou institución pública ou privada polas obras presentadas.

3. Ás solicitudes os interesados acompañarán os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación relacionada nos puntos a) e b) poderá substituírse por unha declaración do presidente ou director da editorial en que se faga constar que esta documentación se encontra plenamente vixente con respecto á presentada para este mesmo fin nas convocatorias de anos anteriores.

No caso de editoriais estranxeiras non procede a documentación do punto c.

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá pedirlles aos solicitantes que acheguen a documentación complementaria que considere necesaria ou orixinais para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tirada e de distribución, etc.

6. Os beneficiarios das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

7. Polo que se refire especificamente ás obras que se proxecte traducir, é preciso achegar a seguinte documentación:

a) Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

b) Modelo de contrato que a editorial asinaría co tradutor da obra, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no que debe constar o importe da tradución.

c) Un exemplar completo da obra para a que se solicite a axuda.

d) Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra. No caso de ser de dominio público a obra, farase constar este extremo, indicando a data de falecemento do autor, se é o caso.

e) Memoria na que consten os premios recibidos pola obra que se vai traducir, así como os países nos que se comercialice.

f) Plan de distribución previsto, baseado na realidade da editorial ou, se for o caso, con xustificación das expectativas.

g) Se o editor o considerar necesario, xustificación do impacto na imaxe de calidade da creación escrita ou gráfica galega.

h) Currículo do tradutor.

8. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución certificada polo solicitante que será responsable da veracidade da tradución.

9. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención pola persoa ou entidade interesada comporta a autorización ao órgano instrutor –neste caso, a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria– para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de encontrarse ao día nas obrigas fiscais e tributarias, que deben emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

10. Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non fose posible a obtención desta información, poderá requirirlla directamente o solicitante.

Artigo 5. Emenda das solicitudes.

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución do procedemento e selección das solicitudes.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión avaliadora a que fai referencia o punto 2 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

– Presidente: o subdirector xeral de Bibliotecas.

– Vogais: a xefa do Servizo de Bibliotecas e a xefa do servizo do Libro e Publicacións.

– Un funcionario, designado polo secretario xeral de Cultura, que actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe o secretario xeral de Cultura.

3. Esta comisión valorará os expedientes conforme os seguintes criterios, por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

a) Interese cultural intrínseco da obra, tendo en conta aniversarios e centenarios que se celebren en 2012 e 2013: ata 15 puntos.

b) Repercusión pública da edición, ben polo alcance no mercado, ben por favorecer a imaxe de calidade da produción escrita ou gráfica galegas: ata 15 puntos.

c) Para as obras publicadas orixinariamente en galego e que se proxecte verter a outras linguas:

c.1) Formación de coleccións, acreditada mediante o plan editorial: ata 10 puntos.

c.2) Proxección internacional da tradución (en atención aos premios recibidos pola obra e aos países nos que se comercialice): ata 10 puntos.

d) Interese xeral da obra, en atención ao seu interese intrínseco, maior esforzo editorial, dificultade de comercialización ou ir destinada a minorías da nosa sociedade con dificultades de acceso á cultura escrita: ata 10 puntos.

e) Currículo do tradutor/a: ata 6 puntos.

Realizada a avaliación, a comisión redactará un informe co resultado desta e será elevado ao órgano instrutor; este elevará o devandito informe xunto coa proposta de resolución ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non alcanzasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7. Resolución.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Notificación e desestimación.

O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os nove meses, segundo establece o artigo 23.4.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9. Aceptación, xustificación e pagamento.

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación, transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. A contía correspondente á primeira anualidade librarase antes do 1 de novembro de 2012, tras a aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor,que terá data posterior á publicación desta orde no DOG así como do aval a que fai referencia o punto 2 deste artigo. Para o pagamento da segunda anualidade debe presentarse, antes do 1 de novembro de 2013, a factura xunto co xustificante do pagamento realizado ao tradutor, así como 5 exemplares da tradución editada.

Caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, acreditará que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá ao beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

A Secretaría Xeral de Cultura, en todo momento, poderá requirir calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha axuda da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Secretaría Xeral de Cultura, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2012», e cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 11. Reintegro da axuda e procedemento sancionador.

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12. Recursos.

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13. Publicidade.

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, creado polo artigo 16.1.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o secretario xeral de cultura para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file