Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 26 de abril de 2012 Páx. 15387

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se suprime un posto de traballo reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal na Deputación Provincial de Lugo.

A Deputación de Lugo formula proposta relativa á supresión do posto de vicesecretario da deputación, reservado a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, pertencentes á subescala de secretaría superior, conforme o acordo adoptado polo Pleno en sesión que tivo lugar o día 27 de decembro de 2011, polo que se aproba definitivamente o orzamento provincial para o exercicio 2012 e o acordo plenario do 29 de novembro de 2011, aprobado definitivamente o 31 de xaneiro de 2012, polo que se suprime o posto de vicesecretario.

O artigo 3 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, establece que os postos de colaboración poden ser creados discrecionalmente polas corporacións locais e ser clasificados por proposta motivada daquelas polo órgano competente da Comunidade Autónoma.

O artigo 10.6 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, establece que a supresión dos postos reservados seguirá o procedemento regulado neste artigo.

Na súa virtude, de acordo co establecido na disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, nos artigos 2 e 9 do Real decreto 1732/1994, en concordancia coa disposición transitoria sétima da Lei 7/2007, e demais normativa de aplicación, e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, no artigo 10.4 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro e a Orde do 22 de setembro de 2011, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Suprimir o posto de traballo de vicesecretario da Deputación Provincial de Lugo, como se especifica no anexo que se xunta a esta resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugnarse directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto no artigo 46 en relación co 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2012.

José Norberto Uzal Tresandí
Director xeral de Administración Local

ANEXO

Corporación: Deputación Provincial de Lugo.

Posto de traballo: Vicesecretaría.

Clase: primeira.

Subescala: Secretaría.

Forma de provisión: concurso.