Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 25 de abril de 2012 Páx. 15267

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2012 pola que se fai pública a encomenda de xestión á empresa Transformación Agraría, S.A. (Tragsa) da realización do proxecto de execución das novas instalacións (equipamento de proceso e servizos auxiliares) da Aula de Produtos Lácteos no Campus de Lugo.

Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), actuando en nome e representación da USC, en virtude das facultades legais que lle confiren a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei 4/2007, do 12 de abril e os estatutos da USC aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro,

EXPÓN:

Primeiro. O Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), establece no seu artigo 3.1.c) que, para os efectos da citada lei, as universidades públicas forman parte do sector público e, no seu artigo 3.2.c), que teñen a consideración de administracións públicas e, polo tanto, son poderes adxudicadores para todos os efectos.

Segundo. O réxime xurídico de Tragsa e as súas filiais está regulado pola disposición adicional vixésimo quinta (D.A. 25.ª) do TRLCSP e polo Real decreto 371/1999, do 5 de marzo, polo que se regula o réxime da Empresa de Transformación Agraria, Sociedade Anónima.

De acordo co punto segundo da citada D.A. 25.ª, Tragsa e as súas filiais teñen a consideración de medios instrumentais e servizos técnicos da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas e dos poderes adxudicadores dependentes delas.

Terceiro. O artigo 24.6 do TRLCSP prevé que as relacións entre Tragsa e os poderes adxudicadores dos cales é medio propio instrumental se regulen mediante as encomendas de xestión previstas no dito artigo.

Cuarto. Conforme o anteriormente exposto, a USC acorda encargar a Tragsa a rea-lización do proxecto de execución das novas instalacións (equipamento de proceso e servizos auxiliares) da Aula de Produtos Lácteos no Campus de Lugo, de acordo coas seguintes

CONDICIÓNS:

Primeira. Obxecto da encomenda.

O obxecto da presente encomenda de xestión é a realización do proxecto de execución das novas instalacións (equipamento de proceso e servizos auxiliares) da Aula de Produtos Lácteos no Campus de Lugo, cun orzamento de execución, calculado conforme as tarifas oficiais vixentes de Tragsa, que acada a cantidade de trinta e cinco mil setecentos oitenta e un euros con trece céntimos (35.781,13 €), IVE incluído, (30.322,99), IVE excluído.

Esta encomenda realízase por razóns de eficacia e por carecer a USC dos medios técnicos apropiados para levalas a cabo por si mesma.

Segunda. Actuacións que se deben desenvolver.

Os traballos deberán realizarse na forma definida no estudo de necesidades de equipamento de proceso e servizos auxiliares da Aula de Produtos Lácteos da USC.

Terceira. Partida orzamentaria e distribución por anualidades.

O importe da presente encomenda satisfarase con cargo á partida orzamentaria 8014 3131 62100.

Esta actuación está cofinanciada polo Programa operativo Feder 2007-2013 de Economía baseada no coñecemento.

Cuarta. Aboamento dos traballos.

O aboamento dos traballos realizarase unha vez entregado o proxecto e aprobado este pola USC.

Quinta. Duración da encomenda.

O prazo de execución será de dous meses contados a partir da recepción desta encomenda de xestión.

Sexta. Natureza da encomenda.

A presente encomenda ten a natureza dos contratos e negocios xurídicos excluídos do ámbito de aplicación do TRLCSP, previstos no seu artigo 4.1.n), e rexerase polas súas propias normas, aplicándose os principios daquela lei para resolver as dúbidas que se poidan suscitar.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2012.

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela