Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 25 de abril de 2012 Páx. 15163

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2012, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas.

Na sesión que tivo lugar o día 17 de abril de 2012, o tribunal nomeado pola Orde do 17 de novembro de 2011 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas, convocado pola Orde do 27 de xullo de 2011 (DOG núm. 144, do 28 de xullo), adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Desestimar a totalidade das alegacións presentadas en relación coas puntuacións do primeiro exercicio da fase de oposición.

Segundo. De acordo co establecido na base II.1.1.2 da orde da convocatoria, superaron o segundo exercicio os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de dez (10) puntos.

Terceiro. Realizar os trámites oportunos para publicar as puntuacións obtidas polos/as aspirantes que se presentaron ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos de obras públicas, no lugar onde se realizou o exercicio, no taboleiro de anuncios do Servizo de Información e Atención ao Cidadán da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Cuarto. Que de acordo co disposto na base II.1.2.8 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.4 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo), para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio. Esta documentación presentarase nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Facenda no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, nos termos previstos nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2012.

Roberto Arias Sánchez
Presidente do tribunal