Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 9.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar, no Diario Oficial de Galicia, a orde de execución da extinta Consellería do Mar ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar das accións para realizar o proxecto de reinstalación de moluscos bivalvos procedentes de zonas de produción declaradas como clase C no litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2012.
Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar
ANEXO
Primeiro. Actividade a que se refire.
A actividade a que se refire esta encomenda de xestión é a realización das accións para desenvolver todos os procedementos operativos necesarios para poñer en funcionamento as zonas de reinstalación de moluscos bivalvos vivos creadas pola Administración pesqueira.
Segundo. Natureza e alcance da xestión encomendada.
Esta encomenda de xestión ten natureza intersubxectiva, ao ter a Fundación Cetmar a consideración de medio propio instrumental da Administración, de acordo co previsto no artigo 24.6 do Decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, pola que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.
Terceiro. Prazo de vixencia.
O período de execución comezará o 1 de xaneiro de 2012 e rematará o 31 de decembro de 2012, e poderá ser prorrogado logo de informe da Asesoría Xurídica e fiscalización da Intervención Delegada.