Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Venres, 30 de marzo de 2012 Páx. 11430

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2012 pola que se fai pública a convocatoria para a autorización dos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia para a participación no programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale).

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, establece as bases reguladoras do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, Cuale, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na sección terceira da citada orde descríbese o procedemento de autorización dos centros: solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación.

Ademais, na disposición derradeira primeira autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde no seu ámbito competencial.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2012-2013 de autorización da impartición do programa de cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado, Cuale, nos centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Solicitude, documentación, lugar e prazo de presentación.

1. Para participar no programa, os centros educativos deberán presentar a súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I da Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20 de maio, e que tamén se pode descargar no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria antes do 10 de xuño de 2012, indicando as modalidades que pretenden ofertar de entre as que se sinalan no artigo 2 da citada orde, así como o número de alumnado preinscrito por modalidade e idioma.

2. Xunto coa solicitude deberán achegar certificación da aprobación da solicitude por parte do Consello Escolar do centro e de que o profesorado que vai impartir a docencia ten destino definitivo no centro.

3. A xefatura territorial remitirá, antes do 30 de xuño de 2012, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a documentación recibida acompañada dos informes dos servizos provinciais da Inspección educativa en que se fará constar a dispoñibilidade horaria do profesorado que vai impartir a modalidade.

Artigo 3. Avaliación e certificación.

1. O profesorado responsable desta formación realizará probas ao remate do curso correspondente a cada modalidade.

2. A superación das ditas probas suporá a expedición por parte do centro de dous tipos de certificación:

a) Certificado do nivel básico A1 de competencia no Cuale A1.

b) Certificado de aproveitamento do curso preparatorio para as probas de certificación das EE.OO.II. no resto das modalidades.

3. Para a avaliación positiva do curso será preciso ter unha cualificación igual ou maior de 5, sobre 10, nas probas de aproveitamento.

4. No caso de non ter avaliación positiva no curso, o alumnado poderá inscribirse na mesma modalidade por segunda e última vez.

Artigo 4. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2012.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa