Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Xoves, 29 de marzo de 2012 Páx. 11089

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de marzo de 2012 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de bolsas destinadas aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2012-2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes universitarios, concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. A formación e o perfeccionamento dos futuros titulados galegos constitúe a base para incrementar o coñecemento e capital humano, técnico e investigador da comunidade autónoma, que os capacite para afrontar os retos que a sociedade actual demanda.

Considerando, ademais, que a mobilidade dos estudantes é un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e o conseguinte incremento da súa calidade, que permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente á súa mantendo a condición de universitario e lle brinda a oportunidade de se integrar nunha comunidade internacional convivindo nunha atmósfera multicultural, mellorando a eficiencia formativa e permitíndolle aproveitar ao máximo as súas potencialidades, cómpre realizar unha nova acción co obxecto de promocionar e apoiar a mobilidade de estudantes en programas de intercambio con países extracomunitarios.

Así pois, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, considera conveniente convocar bolsas de nova adxudicación destinadas a apoiar a mobilidade de estudantes en programas de intercambio con países extracomunitarios co fin de reforzar a aprendizaxe mutua, o traballo de cooperación, favorecer a mobilidade, compartir experiencias e coñecementos, fomentar o aumento das competencias lingüísticas e profesionais, etc.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria.

Convócanse 98 bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao alumnado universitario matriculado nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que participe en programas de intercambio relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios, agás o Programa Erasmus.

Artigo 2. Orzamento.

Estas bolsas serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 15.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 cunha contía total de 98.000 euros. Non obstante, a cantidade total pode ser incrementada no caso de producirse remanente doutras convocatorias financiadas con cargo á mesma aplicación orzamentaria, de acordo co disposto no artigo 31.2 letra b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, empregándose neste suposto a listaxe de suplentes referida no artigo 11 desta orde.

Artigo 3. Dotación da bolsa.

1. A bolsa terá unha dotación económica de 1.000 euros por alumno beneficiario co obxecto de axudar a financiar os gastos ocasionados pola mobilidade.

2. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17 punto 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Duración das bolsas.

O programa de mobilidade para o que se solicita a axuda será realizado durante o curso académico 2012-2013.

Artigo 5. Requisitos dos/as solicitantes.

a) Estar matriculado en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade pertencente ao SUG ou centro asociado da UNED en Galicia.

b) Ter cursados os últimos tres anos académicos nalgún centro ou universidade da Comunidade Autónoma.

c) Os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a condición de residentes, e non poderán realizar o intercambio con universidades do seu país de orixe.

d) Realizar o programa de mobilidade a través da universidade ou centro asociado da UNED en Galicia.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será, como mínimo, dun mes, e iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, e rematará o 30 de xuño de 2012. Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes servizos de mensaxaría privados.

3. O formulario da solicitude correspondente co modelo normalizado ED441B que se publica como anexo I a esta orde e a declaración responsable necesaria que se publica como anexo II estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

4. Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitiranse o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica da persoa solicitante ou representante legal, aceptado pola sede.

5. Para a tramitación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico: 012@xunta.es

No caso de dúbida en relación coa presente convocatoria, poderá facer as súas consultas no enderezo electrónico: orientación.sug@edu.xunta.es

6. O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

7. No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptada pola sede electrónica admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación que hai que presentar.

A solicitude (anexo I, modelo normalizado ED441B) e a declaración responsable (anexo II, en que a persoa solicitante debe indicar se ten ou non solicitada ou concedida outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade ante as administracións públicas ou outros entes públicos) presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia acompañadas da seguinte documentación:

– Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente nun período non anterior aos catro meses anteriores á publicación da presente convocatoria, na que se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, publicado no DOG o día 30 de setembro de 2011 por Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro.

Os alumnos que estean cursando estudos de 2.º ciclo (licenciado, arquitecto e enxeñeiro) por accederen desde unha titulación de 1.º ciclo deberán enviar, ademais, unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa na que se inclúa o recoñecemento das materias cursadas nestes.

– Copia dixitalizada do certificado do órgano competente da súa universidade de que o alumno está admitido nun programa de intercambio indicando o centro, o país e período temporal en que realiza a estadía.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de firma aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da certificación académica, e do certificado de admisión no programa de intercambio, admitirase igualmente a presentación da certificación académica orixinal ou copia compulsada desta, e do certificado de admisión no programa, en formato papel, presentándoas nos mesmos termos establecidos no punto 7 do artigo anterior.

Artigo 8. Exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación.

1. Unha vez examinada e avaliada a documentación presentada polos solicitantes, a Secretaría Xeral de Universidades exporá as listaxes provisionais das solicitudes admitidas e excluídas, sinalando as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais, e nas oficinas de relacións internacionais das respectivas universidades. Así mesmo, estas listaxes tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es

2. As listaxes provisionais serán expostas o día 4 de setembro de 2012. Os interesados disporán dun prazo de reclamación desde o día 5 ata o 15 de setembro de 2012, ambos os dous incluídos, podendo os/as interesados/as, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivo nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9. Comisión avaliadora.

1. A selección de bolseiros/as será efectuada por unha comisión avaliadora integrada por:

• Presidente: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou, por delegación, o titular da Subdirección Xeral de Universidades.

• Vogais:

– O membro do equipo do goberno da Universidade da Coruña, responsable da materia.

– O membro do equipo do goberno da Universidade de Santiago de Compostela, responsable da materia.

– O membro do equipo do goberno da Universidade de Vigo, responsable da materia.

– O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

• Un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral de Universidades, que exercerá como secretario/a.

2. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/as compoñentes non puidesen asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. O devandito nomeamento deberá recaer noutra persoa da secretaría xeral ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 10. Selección.

A selección dos bolseiros/as será realizada pola Comisión Avaliadora en atención á prioridade outorgada pola prelación da nota media do expediente académico obtida para cada solicitante, calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

En caso de empate na nota media do expediente académico persoal, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación: menor número de suspensos, maior número de matrículas de honra e maior número de sobresalientes.

Artigo 11. Proposta de resolución, resolución e publicación.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través do secretario xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que constará unha relación nominal de beneficiarios, outra de suplentes, se os houber, e outra de solicitudes denegados, coas causas de denegación, así como os demais aspectos previstos no artigo 34 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es pola que se entenderán notificados para todos os efectos os solicitantes, de conformidade co artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 23, punto 4, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses. O prazo comenzará a contar desde o día seguinte a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no dito prazo.

Os solicitantes excluídos poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12. Notificación e aceptación da bolsa.

A Secretaría Xeral de Universidades notificaralles a proposta de resolución formulada pola comisión avaliadora aos seleccionados como beneficiarios e suplentes, que deberán presentar ante a dita Secretaría Xeral de Universidades, no prazo de 5 días contados desde a data de recepción da proposta de concesión, a aceptación ou renuncia da bolsa, segundo o modelo que figura na páxina web da consellería.

Transcorrido este prazo sen que se achegue a citada documentación, considerarase que o/a interesado/ a decae no seu dereito.

As renuncias que se produzan serán substituídas de acordo coa listaxe de suplentes que se estableza na citada resolución.

Artigo 13. Pagamentos.

O aboamento da axuda convocada nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo da alínea 1.ª do artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Farase un pagamento único da axuda concedida, que se aboará na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 14. Compatibilidades, obrigas e cumprimento dos/as bolseiros/as.

1. Estas bolsas son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. Os/as solicitantes, polo feito de solicitar esta bolsa, comprométense a aceptar o contido desta convocatoria e o resultado desta, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Os/as bolseiros/as están obrigados a realizar as actividades previstas nos programas de mobilidade e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

b) Comunicar á Secretaría Xeral de Universidades por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia e deberá notificar por escrito a causa da renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia.

c) Comunicar á Secretaría Xeral de Universidades, no caso de existir alteración na declaración responsable presentada coa solicitude, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedente de calquera organismo público ou privado.

d) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez finalizado o programa de mobilidade, unha certificación do órgano competente da universidade da realización do programa de intercambio.

e) Proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas, xunto cos xuros de demora que lle correspondan en cada caso, no caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Universidades.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como a calquera outra actuación, de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. O incumprimento por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional primeira.

A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, cando proceda.

b) A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros que, en todo caso, terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional segunda.

Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional cuarta.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file