Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 26 de marzo de 2012 Páx. 10555

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2012 pola que se somete ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do anteproxecto de construción e explotación da estación depuradora de augas residuais de Ribeira, para os efectos de avaliación ambiental (clave do expediente 2009/0176).

En xuño de 2009 Augas de Galicia elaborou o documento Anteproxecto de construción e explotación da estación depuradora de augas residuais de Ribeira (OH.315.933), e presentou con data 1 de xullo de 2009, á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a solicitude de cualificación ambiental ao tratarse dunha actuación recollida no anexo II do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Finalizado o prazo legalmente establecido para o dito procedemento, a mencionada secretaría xeral emite a Resolución do 23 de outubro 2009 en que cualifica a actuación como sometida ao trámite de avaliación de impacto ambiental e define o alcance para a redacción do estudo de impacto ambiental.

As obras de execución da estación depuradora de augas residuais de Ribeira deséñanse cunha capacidade próxima aos 39.000 habitantes-equivalentes, obras que permitirán mellorar a situación actual de saneamento na zona, permitindo así garantir a eficacia na prestación do servizo público de saneamento e depuración de augas residuais. A totalidade das actuacións localízanse no concello de Ribeira.

Durante os dous últimos anos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, elaborou o denominado Plan de saneamento da ría de Arousa. Marxe dereita. Concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal. Como resultado destes traballos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas posúe un alto grao de coñecemento e información da situación actual no ámbito do saneamento no concello de Ribeira.

Tendo en consideración o alcance para a redacción do estudo de impacto ambiental definido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o grao de coñecemento e información da situación actual no ámbito do saneamento no concello de Ribeira obtido a través do Plan de saneamento da ría de Arousa. Marxe dereita. Concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal, en xaneiro de 2012 Augas de Galicia elabora o estudo de impacto ambiental.

Augas de Galicia, como órgano substantivo, debe someter a información pública o mencionado estudo de impacto ambiental, de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

O órgano ambiental competente para resolver o procedemento de avaliación de impacto ambiental é a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o órgano competente para resolver sobre a aprobación do anteproxecto de construción e explotación da estación depuradora de augas residuais de Ribeira é Augas de Galicia.

As decisións que se adopten serán da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia respecto da formulación da declaración de impacto ambiental.

Considerando o exposto anteriormente, a Dirección de Augas de Galicia, ao abeiro das facultades que lle confire a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública o estudo de impacto ambiental do anteproxecto de construción e explotación da estación depuradora de augas residuais de Ribeira. Concello de Ribeira (A Coruña). Clave do expediente 2009/0176.

Segundo. Que o período de información pública será de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, prazo en que as persoas e/ou entidades que o consideren oportuno poderán presentar cantas alegacións ou observacións estimen oportunas, por escrito dirixido á Dirección de Augas de Galicia no rexistro do ente, na rúa Doutor Maceira 18 baixo, 15706 Santiago de Compostela.

Terceiro. Que o estudo de impacto ambiental estará á disposición do público interesado e en días hábiles na Área Técnica (rúa Doutor Maceira, 18 baixo, 15706 Santiago de Compostela) e na Zona Hidrográfica Galicia-Centro (rúa Tomiño, 16, 15781 Santiago de Compostela) de Augas de Galicia; na Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e no Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Xefatura Territorial da Coruña (Praza Luis Seoane, s/n, 15008 A Coruña) da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e no Concello de Ribeira (Praza do Concello, n.º 1, 15960 Ribeira). Ademais, poderá consultarse no enderezo http://augasdegalicia.xunta.es/

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012.

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia