Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Venres, 23 de marzo de 2012 Páx. 10147

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

ORDE do 14 de marzo de 2012 pola que se modifica a composición do Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia.

A constitución do Consorcio Oncolóxico de Galicia e a aprobación dos seus estatutos foi realizada polo Decreto 141/2008, do 19 de xuño, en que se recolle que está integrado pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, representada pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde, a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeiro e o Concello da Coruña.

De conformidade co establecido no artigo 10 dos estatutos do Consorcio, o seu Consello Reitor estará integrado por sete membros, que serán designados do seguinte xeito: dous pola Consellería de Sanidade, dous polo Servizo Galego de Saúde, dous pola Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeiro e un polo Concello da Coruña.

O punto 3 do mesmo artigo establece que a composición do Consello Reitor se fará pública por orde da Consellería de Sanidade, polo que mediante a Orde do 29 de xaneiro de 2010 se deu publicidade á súa primeira composición.

Posteriormente, o Decreto 168/2010, do 7 de outubro, regulou, como instrumento de organización no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde, unha nova estrutura de xestión integrada, así como a creación da estrutura de xestión integrada da Coruña e Santiago de Compostela.

Como consecuencia do anterior, cómpre adaptar a composición do Consello Reitor a esta nova estrutura, polo que, unha vez que os integrantes do Consorcio realizaron a designación dos representantes que lles corresponden, en virtude das facultades conferidas polo artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 141/2008, do 19 de xuño,

DISPOÑO:

Artigo único.

O Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia estará formado polas seguintes persoas:

– O/a xerente da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

– O/a director/a de Procesos Asistenciais da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

– O/a director/a de Recursos Económicos da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

– O/a subdirector/a xeral de Planificación e Ordenación Asistencial do Servizo Galego de Saúde.

– O/a director/a xerente da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia.

– O/a director/a médico/a da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia.

– O/a primeiro/a tenente de alcalde do Concello da Coruña.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 29 de xaneiro de 2010 pola que se fai pública a composición do Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia do 22 de febreiro de 2010.

Disposición derradeira.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012.

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade