Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 22 de marzo de 2012 Páx. 9996

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de marzo de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual n.º 12 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Marín (Pontevedra).

O Concello de Marín remite o expediente de modificación puntual n.º 12 das normas subsidiarias de planeamento municipal, en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

– O Concello de Marín dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 9.6.1978, modificadas en varias ocasións; e nomeadamente, canto ao obxecto do presente expediente, consta a modificación puntual n.º 5 das normas subsidiarias de planeamento para a construción dun centro de saúde, aprobada definitivamente o 27.9.2005.

– Constan informes favorables dos servizos municipais previos á aprobación inicial: técnico con data do 14.1.2011; e xurídicos do 14.1.2011 e 1.6.2011.

– Augas de Galicia informou que non ten incidencia sobre os bens baixo a tutela ou xestión do organismo autónomo Augas de Galicia.

– A secretaria xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu decisión, con data do 15 de marzo de 2011, sobre a non necesidade de someter a modificación puntual n.º 12 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Marín á avaliación ambiental estratéxica.

– O Concello Pleno, en sesión do 8 de xullo de 2011, acordou aprobar inicialmente a presente modificación puntual.

– Cumpriuse o trámite de información pública mediante a inserción de anuncios nos xornais Faro de Vigo e Diario de Pontevedra do 10.8.20/11; e no DOG do 17.8.2011.

– Segundo a certificación municipal do 2.11.2011, non se presentaron alegacións.

– Consta informe municipal favorable do 2.11.2011, previo á aprobación provisional.

– O Concello Pleno, en sesión do 11 de novembro de 2011, acordou aprobar provisionalmente a presente modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

Unha vez analizada a documentación remitida polo Concello de Marín, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

a) A modificación puntual proxectada ten por obxecto o cambio de aliñacións e o incremento da altura máxima de cornixa de 10,20 m a 13,50 m, na parcela obxecto xa de redefinición na modificación puntual n.º 5 das normas subsidiarias de planeamento, que posibilita a instalación dun centro de saúde.

b) A modificación puntual proxectada xustifícase na necesidade de contar con maior espazo entre forxados para as instalacións dun edificio público sanitario.

c) A modificación das aliñacións e a concreción da ocupación persegue a adaptación á proposta do anteproxecto presentado polo Servizo Galego de Saúde ante o Concello, que concentra a maior parte do volume construído á maior distancia posible do río.

d) Non se alteran a ocupación, a edificabilidade nin o número de plantas máximas establecidas nas normas subsidiarias de planeamento do Concello de Marín actualmente vixentes tras a súa modificación puntual n.º 5.

e) As modificacións propostas polo documento achegado xustifícanse adecuadamente de acordo co artigo 94.1 da LOUG; non supoñen unha maior edificabilidade nin afectan espazos libres públicos ou zonas verdes.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede, e de acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

1.º Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual n.º 12 das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Marín, na parcela do centro de saúde.

2.º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3.º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas.

4.º Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas