Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2012 Páx. 9549

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 14 de febreiro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se acorda publicar a Resolución do 25 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, sobre cesión de terras sobrantes na zona de concentración parcelaria Balmonte-Goberno (Castro de Rei-Lugo) ao Concello de Castro de Rei.

«O acordo de concentración parcelaria da zona de Balmonte-Goberno (Castro de Rei-Lugo) foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias con data do 27 de febreiro de 2002, e foi publicado na forma legalmente prevista na lexislación vixente, encontrándose na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Castro de Rei solicita a cesión en propiedade dos predios que se indican:

– Predio n.º 229 para instalación dun pozo de carga de auga para uso agrícola e a mina de que procede esa auga.

– Predio n.º 383 para aparcadoiro xunto á escola pública.

– Predio n.º 445 para aparcadoiro xunto á igrexa.

– Predio n.º 458 para instalación dun depósito de auga e grixeira para reparación de camiños.

Visto o informe favorable da xunta local da zona, a Ley de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ao caso.

Á vista de que o destino para o cal se solicitan os predios n.º 229, 383, 445 e 458 son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

resolve:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Balmonte-Goberno (Castro de Rei-Lugo) e adxudicar ao Concello de Castro de Rei os predios n.º 229, 383, 445 e 458, que causan baixa no fondo de terras da zona, co fin de seren destinadas aos fins indicados na parte expositiva da presente resolución.

2. En caso de incumprimento dos fins para o cal son cedidos, a titularidade dos referidos predios reverterá ao fondo de terras da zona, ao patrimonio da Comunidade Autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou á entidade que corrresponda, segundo o caso.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia».

Lugo, 14 de febreiro de 2012.

José Ramón Losada Fernández
Xefe territorial de Lugo