Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2012 Páx. 9416

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 89/2012, do 8 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, clarifica a súa natureza xurídica como ente público con autonomía e investido de personalidade xurídica e capacidade de obrar para acadar os fins que ten encomendados, e establece no seu título II a estrutura orgánica e o funcionamento do Consello.

Por outro lado, o Decreto 145/2008, do 17 de xullo, dita normas relativas ao funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais derivadas da entrada en vigor da antedita Lei 5/2008 e establece que o persoal deste ente está constituído por:

a) O persoal laboral procedente do Consello Galego de Relacións Laborais respecto do que o novo ente se subroga na posición de empregador.

b) O persoal funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais que quede adscrito ao novo ente, sen alteración da súa situación administrativa.

c) Calquera outro persoal funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia que se adscriba ao novo ente a través dos sistemas de provisión de postos de traballo previstos na normativa vixente, sen alteración da súa situación administrativa.

Esta nova realidade, a maior autonomía de funcionamento, a necesidade de axilidade, claridade e seguridade no exercicio das funcións que lle son propias ao Consello, determina a necesidade de contar cunha estrutura orgánica propia, que estará integrada polo persoal laboral e funcionario que sexa necesario para o cumprimento dos seus fins.

Pola súa banda, o Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo recolle a estrutura do Consello Galego de Relacións Laborais, vixente mentres non se proceda á publicación do seu decreto de estrutura orgánica e funcional.

O tempo transcorrido desde a nova regulación deste ente así como a súa evolución fan aconsellable proceder á actualización da normativa da estrutura orgánica do Consello.

En consecuencia, visto o texto aprobado polo Consello Galego de Relacións Laborais, na súa sesión plenaria do 21 de decembro de 2011 e por proposta da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto establecer a estrutura orgánica do Consello Galego de Relacións Laborais como ente público instrumental de consulta e asesoramento adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo.

Artigo 2. O Consello Galego de Relacións Laborais.

1. O Consello Galego de Relacións Laborais constitúese como ente público de diálogo institucional entre as organizacións sindicais e empresariais representativas de Galicia e como órgano consultivo e asesor da Comunidade Autónoma galega nas materias relativas á súa política laboral.

2. O Consello Galego de Relacións Laborais conta con personalidade xurídica e patrimonio de seu e actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 3. Sede.

1. O Consello Galego de Relacións Laborais ten a súa sede central en Santiago de Compostela, sen prexuízo da existencia das delegacións territoriais que se poidan crear.

2. O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais poderá, non obstante, realizar as súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO II
Órganos do Consello

Artigo 4. Estrutura orgánica.

Para o desempeño das funcións que lle atribúe o artigo 3 da Lei 5/2008, do 23 de maio, o Consello Galego de Relacións Laborais contará cos seguintes órganos e unidades:

1. De goberno.

1.1. Órganos colexiados.

1.1.1. O Pleno.

1.1.2. A Comisión Permanente.

1.2. Órganos unipersoais.

1.2.1. A Presidencia.

2. De xestión.

2.1. A Secretaría Xeral.

2.1.1. Servizo Xurídico e de Solución de Conflitos.

2.1.2. Servizo de Negociación Colectiva e Xestión de Convenios.

3. Outros órganos colexiados.

3.1. O Observatorio Galego da Negociación Colectiva.

3.2. O Comité Delegado do Pleno para a Emisión de Ditames.

3.3. A Comisión para a Igualdade de Mulleres e Homes na Negociación Colectiva.

3.4. As comisións de traballo.

Sección 1.ª Órganos colexiados de goberno

Artigo 5. O Pleno.

1. O Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais constitúe o máximo órgano de decisión do organismo. Está integrado por quen exerza a Presidencia, a Secretaría e por catorce persoas membros, agrupadas do seguinte xeito:

a) Sete persoas membros das organizacións sindicais que superen o dez por cento da totalidade das e dos representantes legais das traballadoras e dos traballadores de Galicia, computadas o 31 de decembro do ano anterior a aquel en que se produza a renovación do mandato das persoas membros representativas do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais. A súa designación será realizada, en proporción á súa representatividade, polos respectivos sindicatos e serán nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia laboral.

b) Sete persoas membros das organizacións empresariais de maior representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma, considerando como tales, para os efectos desta lei, as que empreguen como mínimo o dez por cento do persoal traballador no referido ámbito. Serán designadas por elas e nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia laboral.

c) Os membros do Consello Galego de Relacións Laborais, tanto os titulares coma os suplentes, serán designados polas organizacións empresariais e sindicais que teñan a condición de máis representativas, segundo se establece nas letras a) e b) anteriores, conforme os criterios de equilibrio entre ambos os sexos, tal como recolle a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

2. Por cada persoa membro con representación existirá unha persoa suplente designada conforme o procedemento establecido para a designación das persoas titulares.

3. A totalidade das persoas integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, a excepción da persoa titular da secretaría, terán dereito a voto.

4. Son funcións do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais:

a) Elaborar e remitir, por propia iniciativa, estudos e informes aos departamentos da Administración autonómica e de calquera outra institución da Comunidade Autónoma e formularlles propostas en materia de política laboral.

b) Emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente.

c) Fomentar e ampliar a negociación colectiva dentro do respecto ao principio de autonomía colectiva, consagrado no artigo 37.1 da Constitución española, e impulsar unha adecuada estrutura dos convenios nos ámbitos territorial e sectorial.

d) Preparar e redactar propostas relativas a acordos laborais e recomendar a súa aplicación ás organizacións empresariais e sindicais.

e) Desenvolver as actuacións que considere necesarias para acadar o acordo marco interprofesional sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, previsto na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

f) Promover e facilitar a mediación e a arbitraxe nos conflitos laborais, por pedimento das partes interesadas. Para tal fin, poderá efectuar propostas, recomendacións e ofrecemento de arbitraxes ou mediacións, en especial respecto dos conflitos de ampla repercusión na Comunidade Autónoma.

g) Ter información actualizada do desenvolvemento do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos do traballo (AGA), así como controlar o seu funcionamento e impulsar a súa ampliación.

h) Promover a creación de comisións paritarias, nos diversos ámbitos de negociación colectiva, coa composición e as competencias que o Pleno determine.

i) Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da Comunidade Autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións.

j) Xestionar os acordos que lle sexan encomendados polos interlocutores sociais.

k) Desenvolver as funcións que o Real decreto 718/2005, do 20 de xuño, polo que se aproba o procedemento de extensión de convenios colectivos, establece nos seus artigos 6 e 7.2.

l) Aprobar o informe anual sobre a situación sociolaboral na Comunidade Autónoma e a memoria anual sobre a actuación do Consello Galego de Relacións Laborais.

m) Aprobar o anteproxecto do orzamento do Consello Galego de Relacións Laborais para cada exercicio.

n) Acordar as indemnizacións por razón de servizo que lles correspondan ás conselleiras e conselleiros, así como as retribucións aos profesionais que colaboren co Consello.

ñ) Promover a participación en conferencias ou congresos de interese laboral, así como nas iniciativas de estudos, debates, etc., vinculados coa difusión de cuestións relacionadas co dereito laboral.

o) Aprobar a creación de comisións de traballo e as súas competencias.

p) Acordar as posibles modificacións do Regulamento interno de organización e funcionamento.

q) Aprobar a planificación anual de actividades do Consello.

r) Examinar o desenvolvemento das relacións laborais en Galicia e propoñer medidas que contribúan á súa mellora.

s) Aqueloutras funcións asignadas ao Consello, non atribuídas expresamente a outro órgano neste regulamento.

Artigo 6. A Comisión Permanente.

1. A Comisión Permanente é o órgano de goberno ordinario do Consello Galego de Relacións Laborais, composto por tres representantes das organizacións empresariais máis representativas, tres representantes das organizacións sindicais máis representativas, e as persoas que ocupen a Presidencia e a Secretaría do Consello.

2. Correspóndelle a Comisión Permanente:

a) Confeccionar a orde do día das reunións do Pleno.

b) Colaborar con quen exerza a presidencia nos posibles proxectos de modificación do Regulamento interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais.

c) Elaborar estudos sobre propostas de creación de comisións de traballo cando o seu funcionamento se considere necesario.

d) Elaborar o orzamento correspondente para cada exercicio económico.

e) Emitir informe para a extensión de convenios colectivos nos termos establecidos no artigo 7 do Real decreto 718/2005, do 20 de xuño.

f) Pechar a proposta da planificación anual de actividades do Consello, elaborada pola persoa titular da Secretaría e remitila ao Pleno para a súa aprobación, se procede.

g) Calquera outra que o Pleno e o Regulamento interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais lle confiran.

Sección 2.ª Órgano unipersoal de goberno

Artigo 7. A Presidencia do Consello.

1. A persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais será nomeada por decreto da presidenta ou do presidente da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira ou conselleiro competente en materia de traballo, logo de ser aprobada a proposta pola metade máis unha das persoas membros da cada unha das dúas representacións que integran o Pleno do Consello, reunido para o efecto.

2. Correspóndelle á persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais:

a) Exercer a representación do Consello Galego de Relacións Laborais.

b) Convocar as reunións dos órganos colexiados do Consello Galego de Relacións Laborais, fixar a orde do día e presidir e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Formalizar cantos acordos sexan necesarios para o cumprimento dos fins do Consello Galego de Relacións Laborais.

d) Supervisar a xestión do conxunto de áreas e servizos do Consello Galego de Relacións Laborais.

e) Dirixir, promover e coordinar a actuación do Consello Galego de Relacións Laborais e velar para que se cumpran as súas finalidades.

f) Presentarlle ao Pleno o anteproxecto de orzamento anual do Consello Galego de Relacións Laborais.

g) Presentarlle ao Pleno o plan de traballo e a memoria anuais do Consello Galego de Relacións Laborais.

h) Adoptar as medidas necesarias para aplicar os acordos aprobados polo Pleno e polos restantes órganos colexiados do Consello.

i) Convocar, por iniciativa propia logo de consulta cos membros do Consello, ou por instancia do Pleno ou da Comisión Permanente, persoas técnicas ou expertas para que asistan ás xuntanzas dos órganos colexiados do Consello, cando esta presenza se considere conveniente para o mellor funcionamento.

j) Visar as actas e os certificados dos acordos acadados no Consello Galego de Relacións Laborais.

k) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de titular da Presidencia, así como aquelas que lle encomenden expresamente o Pleno ou a Comisión Permanente do Consello Galego de Relacións Laborais.

3. A duración do mandato da persoa titular da Presidencia será de catro anos, prorrogable a outros catro co pronunciamento previo do Pleno ao respecto.

Sección 3.ª Órganos unipersoais de xestión

Artigo 8. A Secretaría Xeral.

1. A persoa titular da Secretaría do Consello Galego de Relacións Laborais será nomeada por orde da conselleira ou conselleiro competente en materia de traballo, entre funcionarias e funcionarios pertencentes ao subgrupo A1, por proposta da presidenta ou do presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, logo de consulta coas organizacións empresariais e sindicais representadas neste.

2. Son funcións da persoa titular da Secretaría do Consello Galego de Relacións Laborais, ademais das que sexan inherentes á súa condición de secretario ou secretaria ou as que lle delegue a persoa titular da Presidencia logo de acordo do Pleno do Consello, as seguintes:

a) Ocupar a Secretaría dos órganos colexiados do Consello, asistindo ás reunións con voz pero sen voto.

b) Exercer a coordinación técnico-administrativa dos distintos servizos do Consello Galego de Relacións Laborais e velar pola súa eficacia e polo seu funcionamento.

c) Redactar as actas e darlles o curso correspondente aos acordos que adopte o Consello Galego de Relacións Laborais.

d) Certificar os actos e acordos que realice e adopte o Consello Galego de Relacións Laborais.

e) Despachar coa Presidencia os asuntos ordinarios e aqueloutros que lle fosen encargados por esta.

f) Asumir a dirección do persoal ao servizo do Consello Galego de Relacións Laborais.

g) Elaborar o plan de traballo e a memoria anual das actividades do Consello Galego de Relacións Laborais para a súa presentación á Comisión Permanente e subseguinte sometemento ao Pleno, dentro do primeiro trimestre do ano.

h) Substituír a persoa titular da Presidencia nos casos de vacante, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, a xuízo do Pleno, así como naquelas comisións de traballo que o Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais determine.

i) Expedir certificacións das actas, ditames e acordos aprobados polos órganos colexiados por pedimento de calquera persoa con interese lexítimo.

j) Levar o arquivo e custodiar a documentación dos órganos colexiados do Consello Galego de Relacións Laborais.

k) Prestar a asistencia técnica para a elaboración do orzamento anual do Consello.

l) Presidir as reunións do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais de nomeamento ou cesamento da persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, será substituída interinamente pola persoa funcionaria do Consello Galego de Relacións Laborais que designe a persoa titular da Presidencia.

4. Para o desempeño destas funcións e demais atribuídas ao Consello, contará coas seguintes unidades administrativas con rango de servizo:

4.1. Servizo Xurídico e de Solución de Conflitos, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Coordinación da elaboración dos ditames sobre proxectos normativos que sexan remitidos ao Consello e dos estudos necesarios para a súa realización.

b) Coordinación dos informes e estudos que sexan requiridos polo Pleno ou pola Comisión Permanente ou elaborados por propia iniciativa do Consello.

c) Asesoramento en materia laboral dentro do marco do Consello.

d) Coordinación xurídica e administrativa dos asuntos relativos ao Acordo interprofesional galego sobre solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo-AGA que, entre outras, implica:

1.º Relación e comunicación cos mediadores-conciliadores e árbitros do AGA.

2.º Responsabilidade en canto á correcta tramitación administrativa dos distintos procedementos previstos no AGA.

3.º Realización das oportunas xestións en canto á facilitación dos medios materiais e persoais que sexan necesarios para xestionar o conflito.

4.º Desprazamento ao lugar do conflito para a realización das xestións administrativas exixidas polos distintos procedementos.

5.º Mantemento do sistema informático do AGA e dos seus resultados estatísticos, así como o mantemento e custodia do arquivo das distintas actuacións.

6.º Relación e comunicación coas organizacións asistentes do acordo e cos membros da súa comisión paritaria.

4.2. Servizo de Negociación Colectiva e Xestión de Convenios.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaborar o informe anual da situación da negociación colectiva en Galicia (estrutura global, evolución dos convenios, evolución do incremento salarial pactado, estudo de cláusulas incorporadas nos convenios, etc.), o seu seguimento e control.

b) Elaborar o capítulo dedicado á negociación colectiva do informe anual sobre a situación sociolaboral da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Elaboración dos informes sobre negociación colectiva que sexan requiridos polo Pleno ou pola Comisión Permanente do Consello.

d) Asesoramento legal e técnico nas mesas de negociación dos convenios que se negocien na sede do Consello para a adecuada calidade dos textos que se acorden, así como para contribuír á axilidade e fluidez da negociación.

e) Seguimento e tratamento informático do conxunto da negociación colectiva que afecte a Galicia.

f) Asistir ás xuntanzas do Observatorio Galego para a Negociación Colectiva en Galicia e dos grupos de traballo de negociación colectiva que se creen no Consello.

Sección 4.ª Outros órganos colexiados

Artigo 9. O Observatorio Galego da Negociación Colectiva.

1. O Observatorio Galego da Negociación Colectiva está integrado por seis membros, tres en representación das organizacións sindicais e tres das organizacións empresariais que integran o Pleno do Consello, mais as persoas titulares da Presidencia e da Secretaría do Consello.

2. Correspóndenlle ao Observatorio Galego da Negociación Colectiva as seguintes funcións:

a) Estudar e impulsar a negociación colectiva, dentro do respecto ao principio de autonomía colectiva.

b) Desenvolver un tratamento técnico e estatístico que permita a explotación, a análise científica e a obtención dun diagnóstico adecuado da realidade negocial galega.

c) Facer un seguimento da negociación colectiva desenvolvida en Galicia, tanto desde un punto de vista dos contidos negociais, como da estrutura da negociación.

d) Estudar o contido dos convenios colectivos e trasladar as conclusións ás respectivas comisións negociadoras, así como facer propostas de mellora do contido dos convenios colectivos, para adaptalos ás novas situacións e realidades do mercado de traballo.

e) Formular e promover propostas de boas prácticas na negociación colectiva e difundir e promover as boas prácticas xa existentes.

f) Elaborar estudos monográficos sobre aspectos concretos da negociación colectiva galega.

g) Analizar e proxectar realidades emerxentes e novidades no ámbito da negociación colectiva galega.

h) Realizar propostas sobre a ampliación da negociación colectiva e a adecuada estrutura dos convenios colectivos nos ámbitos territorial e sectorial, tendo en conta o respecto á autonomía colectiva recollido no artigo 37.1 da Constitución española.

i) Manter relacións con outros observatorios de negociación colectiva nos ámbitos estatal e internacional.

j) Calquera outra competencia que en materia de negociación colectiva lle encomende o Pleno do Consello.

Artigo 10. O Comité Delegado do Pleno para a Emisión de Ditames.

1. Para o desenvolvemento da función consultiva, constitúese o Comité Delegado do Pleno para a Emisión de Ditames, que garante a eficacia e axilidade na emisión destes. O funcionamento deste comité seguirá as normas previstas no anexo do Regulamento interno de organización e funcionamento do Consello Galego de Relacións Laborais, aprobado polo Pleno o 13 de outubro de 2008.

2. O Comité Delegado estará composto polas persoas titulares da Presidencia e da Secretaría do Consello e por seis membros do Pleno, titulares ou suplentes, que serán designados polas organizacións: tres en representación das organizacións sindicais e tres en representación das organizacións empresariais.

Artigo 11. A Comisión para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva.

1. Para o asesoramento, control e promoción da igualdade por razón de xénero na negociación colectiva galega, constitúese a Comisión para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, prevista na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

2. A Comisión para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva estará integrada do seguinte xeito:

a) A presidencia, que será desempeñada pola do Consello Galego de Relacións Laborais.

b) Tres persoas en representación das organizacións sindicais máis representativas.

c) Tres persoas en representación das organizacións empresariais máis representativas.

d) Tres persoas de recoñecido prestixio en materia de igualdade por razón de xénero, que participarán na comisión con voz pero sen voto.

Respecto destas últimas, serán designadas por proposta da Presidencia da comisión consultiva, oído o departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade, en decisión adoptada por consenso da propia comisión.

Como mínimo, o cincuenta por cento das persoas compoñentes con dereito a voto, serán mulleres.

3. Son funcións desta comisión as seguintes:

a) O asesoramento sobre a redacción e aplicación de cláusulas que promovan a igualdade entre mulleres e homes.

b) A análise da totalidade dos convenios colectivos depositados no departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, para analizar a existencia de cláusulas discriminatorias.

c) O desenvolvemento de actividades de formación en igualdade de xénero, nos términos que se acorde.

d) A elaboración de recomendacións xerais sobre o nivel adecuado de representación equilibrada de mulleres e homes nos procesos de eleccións sindicais.

e) Emitir informe por solicitude do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, nos termos establecidos no artigo 26.1 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

f) Prestar o asesoramento ao Consello Galego de Relacións Laborais no caso previsto no artigo 25.4 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

g) As demais funcións que se lle asignen por disposición legal.

Artigo 12. As comisións de traballo.

1. Con independencia dos órganos sinalados anteriormente, que se constitúen en aplicación do establecido no artigo 7.2 da Lei 5/2008, do 23 de maio, o Pleno do Consello poderá crear comisións de traballo. No propio acordo de creación estableceranse as súas funcións, a natureza dos seus acordos e a súa duración temporal.

2. As comisións estarán integradas por un membro por cada unha das organizacións sindicais con representación no Consello e por un número igual de membros en representación das organizacións empresariais e mais as persoas titulares da Presidencia e da Secretaría do Consello.

Disposición transitoria única.

Os postos de traballo comprendidos na relación de postos de traballo da Consellería de Traballo e Benestar con destino no Consello Galego de Relacións Laborais adscribiranse á relación de postos de traballo do Consello. O persoal que os ocupa terá dereito a manter a mesma situación administrativa, antigüidade e grao.

O persoal funcionario da Xunta de Galicia que pase a formar parte do persoal ao servizo do Consello, por ocupar postos de traballo aos cales correspondan funcións asignadas ao Consello Galego de Relacións Laborais, pasará a desenvolver servizos neste como persoal funcionario na mesma situación en que se atope, cos mesmos dereitos e obrigas que teña no momento da adscrición.

O persoal laboral da Xunta de Galicia que pase a formar parte do persoal ao servizo do Consello, por ocupar postos de traballo aos cales correspondan funcións asignadas ao Consello Galego de Relacións Laborais, pasará a desenvolver servizos neste como persoal laboral na mesma situación en que se atope, cos mesmos dereitos e obrigas que teña no momento da adscrición.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogado o artigo 10 do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, así como calquera outra normativa de igual ou inferior rango que se opoña ou contradiga o establecido no presente decreto.

Disposición derradeira única.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar