Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 16 de marzo de 2012 Páx. 9501

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de Gas Directo, S.A. de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da rede de gas canalizado no parque empresarial de Carballo e Bértoa, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2011/9-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Directo, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Vía dos Poblados, 1, edificio C, 4.º andar, 28033 Madrid.

Antecedentes:

Mediante a Orde do 25.9.1998, a Consellería de Industria e Comercio, outorgou a Gas Directo, S.A. as concesións administrativas para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Boiro e Carballo, na provincia da Coruña.

Segundo o establecido na disposición adicional sexta da Lei 34/1998, do 7 de outubro, no momento da entrada en vigor desta lei todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas, e quedan substituídas de pleno dereito polas autorizacións administrativas das establecidas no título IV, que habilitan ao seu titular para o exercicio das actividades, mediante as correspondentes instalacións, que constituísen o obxecto das concesións extinguidas.

Co obxecto de comezar o desenvolvemento da infraestrutura gasista amparada pola devandita autorización administrativa de Gas Directo, S.A. no termo municipal de Carballo, esta empresa presentou o 19.10.2011 o proxecto de execución da rede de gas canalizado no parque empresarial de Carballo e Bértoa (A Coruña), para os efectos da súa aprobación por parte desta dirección xeral.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da rede de gas canalizado no parque empresarial de Carballo e Bértoa (A Coruña).

Descrición das instalacións:

A subministración de gas natural realizarase desde unha planta satélite de gas natural licuado, que non é obxecto deste proxecto, e que se situará nunha parcela do propio parque empresarial.

A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, deséñase para un rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade, de diámetro variable segundo necesidades (315, 250, 200, 160, 110 e 90 mm). A lonxitude prevista para a rede proxectada é de 24.713,54 m.

Área de autorización: a autorización afecta o parque empresarial de Carballo e Bértoa, no concello de Carballo (A Coruña).

Orzamento: o orzamento de execución material ascende á cantidade de cento trinta e nove mil douscentos dous euros con corenta e sete céntimos (139.202,47 euros).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, praza Luís Seoane, s/n.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2012.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas