Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2012 Páx. 9037

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2012 pola que se convoca un curso de loita contra incendios de interior, flash over e ventilación.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Por Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso de loita contra incendios de interior, flash over e ventilación, con 4 edicións, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo: curso.

Denominación: loita contra incendios de interior, flash over e ventilación.

Modalidade: presencial.

Horas lectivas: 35.

Prazas: 14 prazas por cada edición.

Edicións:

1.º semestre

2 edicións

2.º semestre

2 edicións

Obxectivos:

1.º Adquirir os coñecementos necesarios para poder facer fronte aos incendios interiores.

2.º Estudar os signos que preceden o efecto flash over, recoñecer cando se está a producir este fenómeno e como loitar contra el con seguranza.

3.º Formación no mergullo en fumes para poder realizar o rescate das vítimas.

4.º Ampliación dos coñecementos sobre técnicas de ventilación dun local despois dun incendio, necesarias para a realización da evacuación de fumes e gases tóxicos e nocivos.

5.º Utilización da ventilación como táctica ofensiva de ataque ao lume de interiores.

Contido: divídese nunha parte teórica e outra práctica.

– Contido teórico (8 horas).

1.º Física e química do lume. Rango e límites de inflamabilidade. Gases de pirólise.

2.º O fenómeno flash over; concepto e tipos según as súas características.

3.º Mergullo en fumes. Funciones dos mergulladores e do xefe de mergulladores de fume.

4.º Riscos dos materiais en combustión.

5.º Táctica de extinción ofensiva.

6.º Hidráulica.

7.º Importancia da dinámica de fluídos na ventilación.

8.º Tipos e métodos de ventilación:

• Ventilación postincendio. Tipos.

• Ventilación natural e ventilación forzada.

• Ventilación de presión negativa e ventilación de presión positiva.

• Ventilación ofensiva. Fases.

• Consideracións estruturais á hora de elixir a ventilación adecuada.

9.º Sistemática operativa.

10.º Dirección e organización das intervencións en grandes sinistros. Normas de seguranza.

– Contido práctico (27 horas).

1.º Observación dun simulador flash over.

2.º Colector de observación. Desenvolvemento dun incendio en interiores.

3.º Estratificación dos gases nun incendio. Observación dos fluxos laminares e turbulentos.

4.º Prácticas nun colector das técnicas de extinción ofensiva.

5.º Prácticas de mergullo en fumes. Rastrexo, localización e rescate.

6.º Ventilación natural en vivenda unifamiliar e edificio de grande altura.

7.º Ventilación negativa con ventilador eléctrico en vivenda unifamiliar e edificio de grande altura.

8.º Ventilación por presión positiva (VPP) en edificio de grande altura, vivenda unifamiliar e nave industrial.

9.º VPP con turbo ventilador en vivenda unifamiliar, edificio de grande altura e nave industrial.

10.º Extracción de gases en espazos confinados.

11.º Ventilación ofensiva en recinto cerrado con gran carga de lume.

2. Destinatarios/as e requisitos de participación.

Destinatarios/as: o curso vai dirixido a profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcio), persoal voluntario de agrupacións de voluntarios de protección civil e ás/aos profesionais dos servizos municipais de protección civil (grupos municipais de intervención rápida Grumir e outros servizos municipais de intervención en emerxencias).

Este persoal forma parte do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Requisitos de participación: o persoal de protección civil debe ter realizado o curso básico de protección civil, o curso de prevención e loita contra incendios urbanos e forestais e o curso ou xornada práctico/a contra incendios.

As/os solicitantes seleccionadas/os deberán acreditar a súa categoría profesional o primeiro día do curso mediante un certificado da súa xefatura de persoal.

3. Solicitudes de participación.

a) Prazos para a presentación de solicitudes:

• Edicións do 1.º semestre: 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

• Edicións do 2.º semestre: do 1 de xuño ao 31 de xullo de 2012.

Se o último día de calquera dos dous prazos for inhábil, entenderanse prorrogados ao primeiro día hábil seguinte.

b) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporanse instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

5. Criterios de selección do alumnado participante.

As prazas distribuiranse da seguinte forma: 50% para os profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento, 25% para os profesionais dos servizos municipais de protección civil e 25% para os voluntarios dos servizos municipais de protección civil. Se non houber solicitudes suficientes dalgún deses colectivos, as prazas correspondentes cubriranse con solicitantes do outro.

Para as prazas reservadas aos profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento terán preferencia na selección os mandos operativos.

Na selección dentro de cada un dos grupos anteriores reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos nalgunha edición, poderá completarse o alumnado asignado a esta mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente anticipación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

6. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resulten seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de anticipación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico á dirección formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

7. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Centro de Formación Integral de Emerxencias da empresa Seganosa (Alxén s/n, Salvaterra de Miño, Pontevedra).

Datas:

1.º Semestre.

Edición

Datas

1.ª

21 ao 25 de maio

2.ª

25 ao 29 de xuño

2.º Semestre.

Edición

Datas

3.ª

17 ao 21 de setembro

4.ª

1 ao 5 de outubro

Horario: das 8.00 ás 15.00 horas (5 xornadas).

Certificado de aproveitamento: ao final da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base núm. 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándose disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10% das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivera motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non chegen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

10. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80% polo Fondo Social Europeo dentro do Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

11. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 6 de marzo de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública