Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2012 Páx. 8218

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello do Pino (expediente IN407A 2011/117).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación que a seguir se cita:

Solicitante: Unión Distribuidores Electricidad, S.A. (UDESA).

Domicilio social: rúa José Ángel Valente, n.º 17, local 62, 15706 Santiago de Compostela.

Denominación: L.M.T.S., C.T.C. e R.B.T.S. Eiras de Santiso.

Situación: concello do Pino.

Características técnicas:

Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 395 m, condutor tipo R.H.Z.1-2OL-12/20 kV-3(1×95 Al), con orixe na cela de liña que se vai instalar no C.T.C. Santiso (expediente 2010/290), con entrada e saída no C.T.C. Eiras de Santiso proxectado e final no paso aerosubterráneo que se vai realizar no apoio proxectado tipo H.V.H.-15/2500 da L.M.T. a C.T. Vilabuíl (expediente 206/2001).

Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 150 m, condutor tipo R.H.Z.1-2OL-12/20 kV-3(1×95 Al), con orixe na cela de liña que se vai instalar no C.T.C. Santiso (expediente 2010/290) e final no C.T. aéreo Santiso II.

Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 125 m, condutor tipo R.H.Z.1-2OL-12/20 kV-3(1×95 Al), con orixe na cela de liña que se vai instalar no C.T.C. Eiras de Santiso proxectado e final no C.T. particular Robleda existente.

Centro de transformación en edificio prefabricado de formigón, cunha potencia de 160 kVA e relación de transformación de 20.000/400-230 V.

Rede de baixa tensión soterrada a 400 V, con dúas saídas do C.T.C. Eiras de Santiso proxectado, cunha lonxitude de 212 m, en condutor tipo X.Z.1-0,6/1 kV-4(1×240 Al) e unha lonxitude de 82 m, en condutor X.Z.1-0,6/1 kV-4 (1×50 Al).

Resultan os seguintes feitos.

Primeiro. A petición someteuse a información pública por Resolución do 7 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria, publicada no DOG do 18 de novembro, no BOP do 24 de novembro, en aplicación do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro , polo que se aproba o regulamento de aplicación a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo establecido foron presentadas as seguintes alegacións:

Santiago Cruz Barreiro, en nome e representación de Valiño 339-340, S.L., expón que no proxecto do expediente IN407A 117/2011, plano n.º 4, UDESA promove a instalación dun C.T.C. Eiras de Santiso sobre unha parcela da súa representada, que non autoriza a instalación do citado centro de transformación sobre a dita parcela e que se fagan as modificacións que sexan precisas no proxecto.

Santiago Cruz Barreiro, en nome e representación de Eiras de Santiso, S.L., fai unha serie de alegacións ao proxecto, que se resumen deseguido:

– Manifesta que UDESA coa presentación do proxecto do expediente IN407A 117/2011, pretende dar resposta á execución da Resolución do 13 de decembro de 2010 da conselleira de Economía e Industria.

– Que o proxecto non obedece ás necesidades de subministración demandadas por Eiras de Santiso, S.L.

– Que a devandita resolución decretaba a obrigación de subministración de enerxía a 9 vivendas por parte de UDESA.

– Que as necesidades de subministración para as vivendas construídas por Eiras de Santiso, S.L. non son de media tensión senón de baixa tensión.

– Que o predio onde UDESA vai colocar o centro de transformación non é propiedade de Eiras de Santiso, S.L.

Polo anteriormente exposto, solicita:

– Que UDESA retire do proxecto a denominación da súa representada Eiras de Santiso, S.L.

– Que UDESA xustifique legal e tecnicamente a necesidade da infraestrutura que figura no proxecto, para dar subministración aos nove chalés da súa representada.

– Que UDESA xustifique a autorización que di ostentar por parte do propietario do terreo onde vai colocar o C.T.

Tendo en conta o establecido no artigo 126 do Real decreto 1955/2000, deuse traslado das alegacións a UDESA, que deu contestación a elas, e que se resumen deseguido:

– En relación coa alegación de Valiño 339-340 S.L, UDESA expón que non solicitou a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica que figura no expediente IN407A 2011/117, que solicitou a autorización administrativa, regulada no título VII do Real decreto 1955/2000, polo que solicita que se desestimen as alegacións que se refiren a unha cuestión de propiedade.

En relación coas alegacións de Eiras de Santiso, S.L., UDESA manifesta que:

– Coa presentación do proxecto do expediente IN407A 2011/117 pretende dar resposta á execución da Resolución do 13 de decembro de 2010, da Consellería de Economía e Industria, e obter a autorización administrativa necesaria para executar as obras necesarias para dar subministración ás 9 vivendas de Eiras de Santiso, S.L.

– Que UDESA é a distribuidora eléctrica da zona e o xestor da rede de distribución.

– Que a subministración que pide Eiras de Santiso, S.L. é en baixa tensión, pero UDESA para garantir a calidade e a capacidade da subministración determina dar o punto de conexión en media tensión.

– Que en escrito que achegan do 26 de marzo de 2010, Eiras de Santiso, S.L. fai referencia á parcela onde iría situado o C.T.

– Que UDESA pode darlle a denominación de C.T.C. Eiras de Santiso ás súas instalacións.

Fundamento de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de A Coruña é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de función e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites que se sinala no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalación de enerxía eléctrica.

Terceiro. En relación coas alegacións formuladas, infórmase que:

Todo o relativo á subministración de enerxía solicitada por Eiras de Santiso, S.L., está vencellado á Resolución do 13 de decembro de 2010, da Consellería de Economía e Industria, a feitos derivados doutros expedientes e outros procedementos, e non procede, por tanto, a súa consideración na tramitación desde expediente IN407A 2011/117, que se tramita polo procedemento IN407A autorización a empresas para transformación, transporte e distribución de enerxía eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Que foi sometida a información pública a petición de autorización administrativa da devandita instalación eléctrica, segundo o establecido no título VII do Real decreto 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración, e procedementos de autorización de instalacións eléctricas (BOE do 27 de decembro) e na lexislación que lle é de aplicación, polo que non procede considerar as alegacións que fan referencia ao proxecto de execución.

De acordo co que antecede e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar e aprobar o proxecto de execución das ditas instalación, estando as súas características axustadas en todas as súas partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do dia seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que consideren pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 16 de febreiro de 2012.

Por vacante (Artigo 39.3 do Decerto 324/2009, DOG n.º 117, do 17 de xuño)
Isidoro Martínez Arca
Xefe de Administración Industrial