Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 5 de marzo de 2012 Páx. 7862

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba e se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

En virtude da Orde do 27 de decembro de 2010 (DOG núm. 1, do 3 de xaneiro de 2011) convocouse o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, que establece como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.2 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que os/as aspirantes que superen o cuarto exercicio deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e publicar o procedemento a seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas.

Segundo. Para acreditar os méritos recollidos no número 1 da letra a) da base II.2.1, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo a esta resolución e que será expedida e debidamente asinada polas unidades seguintes de acordo co último destino de cada aspirante no día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia:

– Servizos centrais: secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

– Servizos periféricos: xefes/as territoriais ou, de ser o caso, funcionario/a responsable da área de Persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

Terceiro. Para acreditar os méritos recollidos no número 2 da letra a) da base II.2.1, os/as aspirantes deberán presentar unha certificación expedida polo funcionario responsable da área de Persoal da Administración correspondente en que se faga constar o período dos servizos prestados, o total de meses e días e o vínculo como funcionario/a interino/a no corpo de xestión de administración, escala técnica de finanzas.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nos números anteriores.

Cuarto. Para acreditar os méritos recollidos na letra b) da base II.2.1, os/as aspirantes deberán presentar copia debidamente cotexada dos documentos que acrediten ter realizados os cursos recollidos nela.

Quinto. Todas as follas de documentación que se acheguen deberán estar numeradas correlativamente.

Sexto. Os aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación polo tribunal das notas do cuarto exercicio da fase de oposición no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación sinalada no punto anterior. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2012.

José M.ª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO
Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso

Don/Dona

(Nome do funcionario/a que certifica)

Cargo

CERTIFICA que segundo os datos que constan neste centro directivo, D./Dna._________________________, con DNI __________________________, ten acreditados os seguintes méritos:

a) Antigüidade:

1. Servizos prestados como funcionario/a interino/a no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas:

Desde

Ata

Meses e días

Tipo de relación

2. Servizos prestados como funcionario/a interino/a no corpo de xestión de administración, escala técnica de finanzas, noutras administracións públicas:

Admón. pública

Desde

Ata

Meses e días

Tipo de relación

O que fago constar para os efectos de participación do/da interesado/a no proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado por Orde do 27 de decembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 1, do 3 de xaneiro de 2011, e asino esta certificación en__________________________, ______________________________.