Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 1 de marzo de 2012 Páx. 7497

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 82/2012, do 23 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 1/2012 modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia para adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, tendo en conta os criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Na súa virtude, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, procede a establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia, entre os cales se inclúe a Secretaría Xeral para o Turismo.

O Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, foi modificado polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro, desenvolvendo a estrutura orgánica da Secretaría Xeral para o Turismo ata o nivel de servizo.

Para o desenvolvemento pola Secretaría Xeral para o Turismo das competencias que corresponden á Administración autonómica, nos termos que se establecen no marco da normativa sectorial en materia de turismo, e para unha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión, procede modificar o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, para desconcentrar as competencias nesta materia.

De conformidade co exposto, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34.4.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Engádese un punto 3 á disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, co seguinte contido:

«a) Quedan desconcentradas na persoa titular da Secretaría Xeral para o Turismo as competencias que a normativa sectorial vixente en materia de turismo atribúe á persoa titular da consellería competente en materia de turismo.

b) As competencias atribuídas pola normativa sectorial vixente en materia de turismo ás xefaturas territoriais competentes en materia de turismo quedan desconcentradas nas persoas titulares das xefaturas de servizo de Turismo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra da Secretaría Xeral para o Turismo».

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza