Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 28 de febreiro de 2012 Páx. 7182

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproba e se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

En virtude da Orde do 27 de decembro de 2010 (DOG núm. 1, do 3 de xaneiro de 2011) convocouse o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, que establece como sistema selectivo o de concurso-oposición.

A base II.2.2 da convocatoria dispón que os méritos correspondentes á fase de concurso deberán referirse á súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia e deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

En cumprimento da previsión anterior, e co obxecto de que os/as aspirantes que superen o quinto exercicio deste proceso selectivo poidan acreditar os méritos con que conten na fase de concurso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar e publicar o procedemento que se vai seguir para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

Segundo. Para acreditar os méritos recollidos no número 1 da letra a) da base II.2.1, os/as aspirantes presentarán a documentación segundo o modelo de certificación que figura como anexo a esta resolución e que será expedido e debidamente asinado polas unidades seguintes de acordo co último destino de cada aspirante no día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia:

– Servizos centrais: secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as do servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

– Servizos periféricos: xefes/as territoriais ou, de ser o caso, funcionario/a responsable da área de persoal das xefaturas territoriais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

Terceiro. Para acreditar os méritos recollidos no número 2 da letra a) da base II.2.1, os/as aspirantes deberán presentar unha certificación expedida polo funcionario responsable da área de persoal de Administración correspondente en que se faga constar o período dos servizos prestados, o total de meses e días e o vínculo como funcionario/a interino/a e o corpo ou escala onde os prestou.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nos puntos anteriores.

Cuarto. Para acreditar os méritos recollidos na letra b) da base II.2.1, os aspirantes deberán presentar copia debidamente cotexada dos documentos que acrediten que realizaron os cursos recollidos nela.

Quinto. Todas as follas de documentación que se acheguen deberán estar numeradas correlativamente.

Sexto. Os aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación polo tribunal das notas do quinto exercicio da fase de oposición no Diario Oficial de Galicia para presentar a documentación sinalada no punto anterior. Esta documentación irá dirixida á Consellería de Facenda, Dirección Xeral da Función Pública, edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2012.

José M.ª Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO
Méritos que se fan constar relativos á fase de concurso

Don/Dona

(Nome do funcionario/a que certifica)

Cargo

CERTIFICA que segundo os datos que constan neste centro directivo, D./Dna._________________________, con DNI__________________________, ten acreditados os seguintes méritos:

a) Antigüidade:

1. Servizos prestados como funcionario/a interino/a no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas:

Desde

Ata

Meses e días

Tipo de relación

2. Servizos prestados como funcionario/a interino/a noutras administracións públicas en corpos ou escalas que teñan atribuídas as mesmas funcións que o corpo superior de Administración, subgrupo A1, escala superior de finanzas:

Admón. pública

Corpo ou escala

Desde

Ata

Meses e días

Tipo de relación

O que fago constar para os efectos de participación do/a interesado/a no proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 27 de decembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 1, do 3 de xaneiro de 2011, e asino esta certificación en__________________________ o______________________________.