Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2012 Páx. 6566

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, pola que se somete a información pública o Catálogo paisaxístico da comarca de Deza.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, conforme o Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 desta lei establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e, no seu capítulo III, establece os instrumentos para conseguilo. Entre eles, os catálogos da paisaxe, definidos no seu artigo 9 como os documentos de referencia que, apoiándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego, deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os diversos tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais. Os contidos dos catálogos da paisaxe aparecen recollidos neste mesmo artigo.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, na súa disposición transitoria segunda, establece que o órgano competente para a elaboración dos catálogos da paisaxe, regulados no capítulo III da citada lei como instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, é a consellería competente en materia de ambiente en canto non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas establece no seu artigo 13.1 que a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe exercerá as competencias e funcións en materia de paisaxe e de promoción do desenvolvemento sustentable da sociedade galega.

O artigo 9.5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que no procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe abrirase un trámite de información pública non inferior a dous meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que consideren pertinentes.

Polo exposto, e en cumprimento do artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do artigo 9.5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia,

DISPOÑO:

1. Someter a información pública o Catálogo paisaxístico da comarca de Deza, por un prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e dar audiencia, polo mesmo prazo, aos concellos da contorna:

Na provincia de Lugo: Antas de Ulla, Carballedo, Chantada e Taboada.

Na provincia de Ourense: San Cristovo de Cea, O Irixo e Piñor.

Na provincia de Pontevedra: Dozón, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

2. Os interesados poderán examinar o Catálogo paisaxístico da comarca de Deza, na Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e nos concellos sinalados. Así mesmo, poderá ser consultada a documentación no enderezo electrónico http://www.cmati.xunta.es.

3. As alegacións que se consideren pertinentes irán dirixidas á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe (complexo administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e poderán presentarse no seu rexistro e nos rexistros dos concellos sinalados, así como en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para o xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2012.

Manuel Borobio Sanchiz
Director xeral de Sostibilidade e Paisaxe