Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 22 de febreiro de 2012 Páx. 6538

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 77/2012, do 9 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, instituído polo artigo 28 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, configúrase como órgano consultivo da Administración pública galega destinado a proporcionar un foro de debate e participación pública con respecto a aquelas iniciativas e actuacións que revistan incidencia sobre o eido ambiental e a sustentabilidade; e acollen representantes da Administración e de colectivos ambientais, económicos, sociais, académicos e profesionais.

A citada Lei 1/1995 remite ao desenvolvemento regulamentario a determinación pormenorizada da composición, funcionamento e réxime xurídico do Consello, así como o carácter dos seus informes. Atendendo á dita remisión normativa, o Consello da Xunta de Galicia estableceu unha primeira regulación mediante Decreto 155/1995, do 3 de xuño, posteriormente substituído polo vixente Decreto 74/2006, do 30 de marzo, que introduciu na composición e na actividade do Consello as vertentes social e económica que, xunto coa ambiental, conforman os piares da sustentabilidade, que foi modificado mediante Decreto 387/2009, do 24 de setembro, co fin de adecuar a composición do órgano consultivo á estrutura da Xunta de Galicia derivada dos decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do 21 de abril.

A reestruturación departamental e orgánica resultante do Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, exixen levar a cabo unha nova adaptación da composición do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no que respecta exclusivamente aos/ás representantes da Administración autonómica, para cuxa designación se optou por un criterio competencial que permita acomodala a futuras modificacións que se poidan producir na estrutura da Xunta de Galicia, sen necesidade de levar a cabo novas modificacións do Decreto 74/2006.

Adicionalmente, modifícase o réxime de designación e vixencia das vogalías do Consello, diferenciando representantes da Xunta de Galicia, que terán a condición de vogal por razón do seu cargo ou nomeamento, e os/as representantes da sociedade civil que o farán en virtude da designación efectuada pola entidade ou institución representada por un prazo máximo de dous anos, renovable.

Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante, e por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do nove de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícanse os seguintes preceptos do Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible:

1.º. O artigo 3 queda redactado como segue:

«Artigo 3. Composición.

O Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estará integrado polos seguintes órganos e membros:

1.º. Presidencia. Corresponde á persoa titular da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de ambiente, que ademais da presidencia do Pleno do Consello exercerá as seguintes funcións:

a) Exercer a máis alta representación institucional do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

b) Convocar as sesións ordinarias e extraordinarias e fixar os asuntos que comporán a orde do día.

c) Presidir as sesións e moderar os debates que se produzan no seu desenvolvemento, velando polo cumprimento das funcións que lle competen ao órgano. Para os efectos da adopción de acordos, o voto do/a presidente/a ou de quen legalmente o substitúa será cualificado e dirimente en casos de empate.

d) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do órgano.

2.º. Vicepresidencia. Corresponde á persoa titular da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de medio rural, que desempeñará as funcións atribuídas á presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

3.º. Secretaría. Corresponde á persoa titular da dependencia administrativa que determine o decreto de estrutura da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de ambiente, quen actuará con voz e sen voto exercendo as seguintes funcións:

a) Executar a convocatoria das sesións por orde da presidencia, así como proceder á citación dos membros do plenario.

b) Recibir calquera comunicación ou notificación dos membros do Pleno das cales deba ter coñecemento.

c) Redactar e autorizar as actas das sesións.

d) Expedir certificacións das consultas, informes ou acordos aprobados.

e) Aqueloutras funcións que sexan inherentes á súa condición.

4.º. Vogalías. O Consello integra trinta e oito vogalías, en representación dos departamentos da Xunta de Galicia con competencias conexas co ambiente e a sustentabilidade e de entidades e institucións representativas da sociedade civil.

4.1. En representación da Administración autonómica, establécense trece vogalías, que corresponden ás seguintes áreas:

– Relacións exteriores e coa Unión Europea.

– Ordenación do territorio e urbanismo.

– Calidade ambiental.

– Paisaxe.

– Conservación da natureza.

– Augas.

– Industria.

– Saúde pública.

– Política social.

– Medio rural.

– Mar.

– Educación.

– Traballo.

Serán vogais as persoas titulares dos órganos superiores ou de dirección con competencias en cada unha das áreas sinaladas. Se as persoas así determinadas non acadan o número de trece, os/as conselleiros/as competentes nas áreas materiais que non estivesen xa representadas, procederán a nomear as persoas necesarias para acadar o número de vogalías previsto.

4.2 Vinte e cinco vogais, en representación da sociedade civil, distribuídos/as do seguinte xeito:

– Tres representantes dos sindicatos máis representativos de Galicia.

– Tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia.

– Catro representantes de organizacións de carácter ambiental.

– Catro representantes das seguintes organizacións de carácter social: Consello da Xuventude, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Confederación Galega de Veciños, Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

– Tres representantes das universidades de Galicia, un/unha por cada unha delas.

– Catro representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.

– Tres representantes das organizacións profesionais agrarias máis representativas de Galicia.

– Un representante da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

4.3 A designación de representantes no Consello observará o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes salvo que concorran razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas que impidan a consecución deste obxectivo.»

2.º. O artigo 4 pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 4. Designación e cesamento dos membros, duración e suplencia.

1. As persoas que exerzan a Presidencia, a Vicepresidencia, a Secretaría ou as vogalías do Consello en representación da Xunta de Galicia farano por razón dos seus respectivos cargos ou designación e durante a súa vixencia.

2. As persoas que exerzan as vogalías en representación da sociedade civil farano en virtude da designación efectuada pola entidade ou institución representada, que poderá ser libremente revogada ou substituída e terá unha vixencia máxima de dous anos, con carácter renovable.

Os/as antigos/as membros continuarán nas súas funcións ata a designación dos novos membros ou, de ser o caso, a súa renovación.

3. O cesamento dos membros do Consello producirase polas seguintes causas:

a) Renuncia expresa, que deberá ser comunicada á Secretaría.

b) Cesamento no cargo público ou modificación da designación por parte da entidade ou institución representada.

c) Declaración de incapacidade o inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

4. En supostos de imposibilidade de asistencia ás sesións do Consello, as persoas que exerzan as vogalías poderán designar unha persoa suplente, que deberá acreditar a dita condición ante a Secretaría.»

3.º. Engádese unha disposición adicional co seguinte contido:

«Disposición adicional única.

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.»

Disposición transitoria.

No momento á entrada en vigor deste decreto, as persoas que actualmente ocupan as vogalías do Consello en representación da sociedade civil seguirán tendo a dita condición por un período máximo de dous anos, salvo que con anterioridade se produza unha nova designación.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións anteriores de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas