Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2012 Páx. 6441

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se delega nos titulares dos servizos de coordinación da área cultural das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o exercicio de determinadas competencias.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural desenvolve un gran volume da actividade administrativa orixinada nas competencias que a normativa lle atribúe.

Co fin de evitar unha concentración excesiva do traballo e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto aos principios informadores da actuación administrativa e con suxeición á normativa legal vixente, se delegue nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o exercicio de determinadas competencias.

Estas competencias aparecen reflectidas, entre outros, no artigo 28.3 do Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; nos artigos 32, 37, 41, 43, 44, 47, 48, 52, 54, 56, 57, 58 e 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e nos artigos 1.1.º.a), 1.2.º e 3.1.º do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, logo de autorización do titular da Secretaría Xeral de Cultura, dispoño delegar nas persoas titulares dos servizos de coordinación da área cultural das xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o exercicio das seguintes competencias:

1. Autorizar os proxectos de obras e intervencións que afecten os bens incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, sometidos ao informe das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, de conformidade co artigo 2.a) do Decreto 39/2007, do 8 de marzo, polo que se regula a composición e funcionamento das comisións territoriais do patrimonio histórico galego, modificado polo Decreto 103/2010, do 17 de xuño, así como aqueloutros relativos a obras de entidade menor que se proxecten sobre os devanditos bens ou nos seus contornos de protección.

2. A autorización e informe relativos ás intervencións que afecten conxuntos históricos declarados bens de interese cultural que teñan aprobado un plan especial de protección, cando este estableza expresamente a necesidade de obter a autorización ou informe favorable do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural.

3. Autorizar as actuacións arqueolóxicas preventivas (controis, prospeccións, sondaxes e escavacións) derivadas de proxectos de obra ou plans que afecten o patrimonio cultural e o seu contorno que sexan exixidas polos informes e autorizacións aprobados na xefatura territorial, de conformidade con esta resolución, as que determinen as figuras de planeamento especial aprobadas nos conxuntos históricos e as que deriven das determinacións adoptadas en relación coas propostas dos departamentos territoriais na tramitación dos expedientes sobre os que emitiu informe a Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico-Artístico da Igrexa Católica en Galicia e dos instrumentos de planeamento.

4. Adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se vexan ameazados.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural poderá avocar para si en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 14 da citada Lei 30/1992.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as concedeu.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2012.

José Manuel Rey Pichel
Director xeral do Patrimonio Cultural