Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 17 de febreiro de 2012 Páx. 6193

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2012, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio da fase de oposición.

En sesión que tivo lugar o día 9 de febreiro de 2012, o tribunal nomeado pola Orde do 22 de novembro de 2011 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, no corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A1, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que o segundo exercicio da fase de oposición terá lugar o día un (1) de marzo de 2012, no salón de actos, na aula n.º 4 e na aula n.º 5 da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

En relación cos textos legais dos cales se poderán servir para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en que figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, excluiranse os libros de consultas, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar se se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2012.

María Antonia Arias Bouzas
Presidenta do tribunal