Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 14 de febreiro de 2012 Páx. 5817

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 1 de febreiro de 2012 pola que se modifica o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador.

O 30 de novembro de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 24 de novembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador.

Por outra parte, de acordo co establecido na actual regulación comunitaria do sector vitivinícola, as denominacións de orixe recoñecidas conforme as normas da anterior Organización Común do Mercado Vitivinícola do ano 1999 quedaron protexidas ao entrar en vigor a nova regulación do ano 2008, pero os Estados membros adquiriron a obriga, para mantelas, de presentar antes do 31 de decembro de 2011, para cada denominación de orixe, o denominado «expediente técnico», conxunto de documentos que inclúe o prego de condicións da denominación, onde se recollen os aspectos fundamentais da súa regulación.

Nos pasados meses, o Consello Regulador da denominación de orixe Valdeorras traballou na elaboración do devandito prego de condicións, que tras ser aprobado polo Pleno deste organismo foi posteriormente remitido aos servizos da Comisión Europea. O devandito prego de condicións contén algúns elementos que modifican puntualmente determinados aspectos do Regulamento vixente da denominación de orixe e do seu Consello Regulador. Unha destas modificacións, a relativa ao contido en sulfuroso nos viños tintos, realízase para axustar o Regulamento aos límites da normativa vitivinícola comunitaria. A outra modificación, a relativa ao rendemento na extracción do mosto, entraría dentro da consideración dunha modificación «de menor importancia», polo que é de aplicación o establecido na letra d) do número 1 do artigo 73 do R(CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo de 2009, na redacción dada polo R(CE) n.º 670/2011 da Comisión, do 12 de xullo de 2011. Por iso, as ditas modificacións puideron ser incluídas no prego de condicións que se remitiu á Comisión Europea.

Faise necesario, polo tanto, modificar o Regulamento desta denominación de orixe e do seu Consello Regulador para adecuar o seu contido ao do prego de condicións aprobado.

Polo anterior, tras a proposta do Consello Regulador da denominación de orixe Valdeorras e de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do anexo da Orde do 24 de novembro de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador.

O Regulamento da denominación de orixe Valdeorras e do seu Consello Regulador, aprobado pola Orde do 24 de novembro de 2009, queda modificado de acordo co que se expresa a continuación:

Un. O número 2 do artigo 11 queda coa seguinte redacción:

«2. Na produción de mosto seguiranse as prácticas tradicionais aplicadas coa moderna tecnoloxía, orientada á mellora da calidade do produto final. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto e do viño e a súa separación da augardente, de forma que o rendemento non sexa superior a 72 litros de viño por cada 100 quilogramos de uva».

Dous. O número 4 do artigo 13 queda redactada do seguinte modo:

«4. O contido en sulfuroso será inferior a 160 mg/l para todos os tipos de viño brancos e a 150 mg/l para todos os tipos de viño tintos».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar