Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 13 de febreiro de 2012 Páx. 5754

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da instalación de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria Verín-A Limia, que Norvento Biomasa, S.L. promove no polígono industrial de Tamagos, concello de Verín (Ourense).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 30 de abril de 2010, da Consellería de Economía e Industria, aprobouse a relación de anteproxectos de instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria entre os que se atopa a instalación Verín-A Limia, que Norvento Biomasa, S.L. promove no polígono industrial de Tamagos, no concello de Verín (Ourense), ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2008 pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megavatios para tramitar no período 2008-2012, e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Segundo. O 12 de novembro de 2010, Pablo María Fernández Castro, en nome e representación de Norvento Biomasa, S.L., solicitou autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a instalación citada.

Terceiro. Por Acordo do 18 de novembro de 2010, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, sométese a información pública a dita solicitude, e publicouse o 10 de decembro de 2010 no diario La Región, o 17 de decembro de 2010 no Diario Oficial de Galicia número 241, e o 22 de decembro de 2010 no Boletín Oficial da provincia de Ourense número 292, sen que conste que se presentase ningunha alegación.

Cuarto. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas emitiu un informe, o 26 de novembro de 2009, no cal se establece que non procede o sometemento do proxecto ao trámite de impacto ou efectos ambientais.

Quinto. As características principais da instalación son as seguintes:

Finalidade: xeración de enerxía eléctrica para vertela á rede de distribución, a través da valoración de residuos forestais.

Equipamento básico e características xerais:

– Obra civil consistente na urbanización da parcela, construción de naves de almacenamento, silo e edificio principal que acollerá a caldeira e o ciclo de vapor, coas correspondentes vías de acceso ás naves e ao silo de almacenaxe.

– Liña de cintas transportadoras de alimentación automática do silo e da caldeira.

– Caldeira acuotubular de 64 bares de presión e 480 ºC de temperatura de saída de vapor, con grella móbil.

– Trituradora de restos forestais.

– Turbina de vapor.

– Ciclo de vapor Rankine.

– Sistema de refrixeración mediante torres abertas.

– Sistema de tratamento e purificación de auga para circuíto primario do ciclo de vapor.

– Sistema de filtrado de gases de combustión formado por multiciclón e filtros de mangas.

– Sistema de protección contra incendios.

– Centro de interconexión composto por celas normalizadas de 20 kV, relés de protección e transformador elevador 20/6 kV, de 7.000 kVA Onan.

– Entronque coa L.A.T. de evacuación mediante paso aéreo-subterráneo.

Características xerais:

– Potencia térmica central: 20 MW; potencia xerador: 5,6 MW; potencia consumida: 0,8 MW; potencia máxima inxectada á rede: 5 MW; horas equivalentes: 8.400; produción: 39.760 MWh/ano; dispoñibilidade: 96%.

– Combustibles consumidos/ano: restos forestais procedentes de actividades silvícolas e aproveitamentos madeireiros: 90% equivalente a 55.230 t/h (material cunha humidade do 60% en base seca), biomasa de matogueira procedente de rozas en monte e limpeza de vías: 10% equivalente a 5.810 t/h.

– Consumo de biomasa: 1.297 kg/MWe.

– Orzamento de execución material: 10.468.907,56 euros.

Sexto. Con data do 18 de novembro de 2010, o Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 14 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O artigo 28 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, establece que a construción, explotación, modificación substancial, a transmisión e o peche de instalacións de produción de enerxía eléctrica en réxime especial estará sometida ao réxime de autorización administrativa previa, que terá carácter regrado, e o seu outorgamento corresponde á Administración autonómica.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Decreto 149/2008, do 26 de xuño, no Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Cuarto. O Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, o Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e o Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais, constitúen a normativa ambiental de referencia empregada para elaborar o informe emitido pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sobre a necesidade de sometemento a avaliación ambiental do proxecto.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Norvento Biomasa, S.L., para a instalación de produción de enerxía eléctrica a partir de biomasa forestal primaria Verín-A Limia, que promove no polígono industrial de Tamagos, no concello de Verín (Ourense).

Segundo. Aprobar o proxecto de execución da devandita instalación, Proxecto técnico de execución de planta de biomasa forestal AXB Verín-A Limia, asinado polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro, colexiado número 985/201, e visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI o 23 de maio de 2011 co número 0526/11, cun orzamento de execución material de 10.468.907,56 euros.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Esta autorización non inclúe a liña de evacuación, que deberá ser obxecto de autorización administrativa e aprobación de proxecto separados.

Segunda. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que esta resolución aproba, e referido no punto segundo da parte dispositiva.

Terceira. O titular da instalación deberá notificar á Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, con carácter previo á súa realización, calquera modificación que afecte o proxecto. Para modificacións que afecten datos básicos deste, será necesaria a autorización previa da Consellería de Economía e Industria.

Cuarta. O prazo para a posta en servizo das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses contados a partir da data de notificación da resolución de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación.

Quinta. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, o promotor presentará unha solicitude de acta de posta en servizo de acordo co establecido no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Norvento Biomasa, S.L.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Sétima. Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á devandita instalación, o titular deberá solicitar a súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14 de xullo).

Oitava. Conforme o disposto no artigo 16 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Norvento Biomasa, S.L., deberá constituír, no prazo de 30 días contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, unha fianza por importe de 209.378,15 euros, correspondente ao 2% do orzamento do proxecto de execución que esta resolución aproba.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, á disposición da Consellería de Economía e Industria, en calquera das formas legalmente establecidas, e devolverase, por solicitude do interesado, unha vez que se formalice a acta de posta en servizo das instalacións.

Novena. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización como consecuencia do incumprimento das condicións impostas nela, así como en calquera outra lexislación vixente que sexa de aplicación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ou directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren conveniente.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2011.

P.D. Orde do 30 de abril de 2009 (DOG núm. 87, do 6 de maio)
José Riesgo Boluda
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria