Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2012 Páx. 5410

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, supuxeron a creación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cuxa estrutura orgánica se estableceu polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro.

A Orde do 10 de xaneiro de 2012, de delegación temporal de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, respondeu de forma provisional á necesidade de delegar competencias da persoa titular da consellería nos distintos órganos dela ata a aprobación do decreto de estrutura orgánica.

Logo da publicación do Decreto 45/2012, no Diario Oficial de Galicia número 16, do 24 de xaneiro, urxe acudir ao citado instituto xurídico en prol dunha maior axilidade na actuación administrativa.

A delegación de competencias da persoa titular da consellería noutros órganos desta redunda en beneficio tanto da Administración como dos interesados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas como a tutela dos intereses públicos, de acordo cos principios informadores da actividade administrativa e que a Constitución recolle no artigo 103.1.º.

Esta orde regula a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nas persoas titulares da secretaría xeral técnica das diferentes secretarías xerais, dalgunhas direccións xerais e das xefaturas territoriais, no ámbito dos servizos centrais e periféricos correspondentes.

A pretensión que se persegue é acadar unha maior eficacia na tramitación e resolución dos asuntos atribuídos a esta consellería, de acordo co actual escenario de xestión a que se enfrontan os diferentes órganos que a integran.

En materia de axudas e subvencións públicas, a experiencia acumulada aconsella non realizar unha delegación de competencias xenérica para todos os procedementos e, por tal motivo, a disposición adicional prevé que a persoa titular da consellería poida delegar a competencia para resolver o procedemento na propia orde de convocatoria nos casos que o considere oportuno.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos administrativos, as reclamacións previas á vía laboral e civil, a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial que lle correspondan á persoa titular da consellería, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que o órgano delegado non teña ditado o acto obxecto de recurso ou reclamación.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos, agás o disposto nos artigos 2.b), 3.a), 4.a) e 7.d) desta orde.

c) As funcións que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, agás nos casos en que estean expresamente delegadas noutros órganos.

d) As competencias que lle correspondan á persoa titular da consellería en materia de persoal que exerza as súas funcións no ámbito competencial de cultura e que perciba a súas retribucións polos programas de gasto correspondentes, da sección orzamentaria 15, servizos 01, 20 e 21, de acordo coa lei de orzamentos xerais, así como autorizar e dispoñer os gastos derivados deste persoal, o recoñecemento das obrigas de gasto e as propostas de pagamento correspondentes.

e) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, agás o disposto nos artigos 3.b) e 7.c) desta orde.

f) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta Secretaría Xeral Técnica e daquel que exerza as súas funcións no ámbito competencial de cultura, que perciba as súas retribucións polos programas de gasto correspondentes, da sección orzamentaria 15, servizos 01, 20 e 21, a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

g) Dispoñer canto concirne ao réxime interno da consellería agás o reservado legalmente á competencia exclusiva do/a conselleiro/a ou estea atribuído ou delegado noutro órgano.

h) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

Artigo 2. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura.

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos administrativos, as reclamacións previas á vía laboral e civil, a suspensión dos actos impugnados en vía administrativa, así como as reclamacións en materia de responsabilidade patrimonial que lle correspondan á persoa titular da consellería, nos asuntos do ámbito competencial de cultura, naqueles casos que non estean expresamente delegados noutros órganos, e sempre que o órgano delegado non teña ditado o acto obxecto de recurso ou reclamación.

b) Autorizar e dispoñer os gastos xerais dos servizos da consellería ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral, nas correspondentes leis de orzamentos xerais, sen prexuízo do disposto nos artigos 1.b), 3.a), 4.a) e 7.d) desta orde.

c) Exercer as facultades que a normativa en materia de patrimonio cultural atribúe ao titular da consellería en relación aos expedientes do ámbito competencial de cultura.

Artigo 3. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística as seguintes atribucións:

a) Autorizar e dispor os gastos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral nas correspondentes leis de orzamentos xerais, sen prexuízo do disposto nos artigos 1.b), 2.b), 4.a) e 7.d) desta orde.

b) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, do persoal adscrito a esta secretaría xeral, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

c) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 4. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades.

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades as seguintes atribucións:

a) Autorizar e dispor os gastos ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propoñer os pagamentos, respecto dos créditos asignados a esta secretaría xeral nas correspondentes leis de orzamentos xerais, sen prexuízo do disposto nos artigos 1.b), 2.b), 3.a) e 7.d) desta orde.

b) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta secretaría xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

c) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

Artigo 5. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa as seguintes atribucións:

a) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

b) Autorizar a asistencia do persoal adscrito a esta dirección xeral a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

Artigo 6. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as seguintes atribucións:

a) As competencias que lle correspondan á persoa titular da consellería en materia de persoal, agás aquelas que se delegan expresamente á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería de conformidade co previsto no artigo 1.d).

b) Resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

c) Asinar os concertos educativos aprobados pola consellería.

d) As funcións relativas á homologación e á validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, asignadas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria polo Decreto 204/2008, do 28 de agosto.

Artigo 7. Delegacións nas persoas titulares das xefaturas territoriais.

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas territoriais desta consellería as seguintes atribucións:

a) Formalizar os contratos do profesorado de relixión e anexos aos contratos vixentes, os de carácter temporal do persoal non docente e os nomeamentos do persoal en prácticas, interino e substituto docente, para impartir ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Recoñecer os servizos previos, os trienios e os sexenios aos funcionarios docentes pertencentes a corpos ou escalas adscritos a esta consellería e ao profesorado de relixión.

c) Designar as comisións de servizos con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo, ao persoal con destino na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, do persoal da consellería con destino no correspondente ámbito territorial, así como autorizar a súa asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento.

d) Respecto dos créditos desconcentrados, autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propoñer os pagamentos correspondentes a tales créditos, sen prexuízo das competencias que pola normativa vixente corresponden ao Consello da Xunta de Galicia, e do disposto nos artigos 1.b), 2.b), 3.a) e 4.a) desta orde.

e) Respecto dos créditos desconcentrados indicados no punto anterior, as funcións que como órgano de contratación lle corresponden á persoa titular da consellería de acordo coa lexislación vixente, sen prexuízo do previsto no artigo 1.c) desta orde.

Artigo 8. Réxime xurídico das delegacións.

1. Os actos e as resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano que as conferiu.

2. En calquera momento a persoa titular da consellería poderá avocar para si o coñecemento dun asunto cuxa resolución lle corresponda por delegación a un órgano administrativo dependente, cando haxa circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial que o fagan conveniente e, así mesmo, poderá acordar a súa revogación.

3. A delegación de competencias e a súa revogación deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia e figurar dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da consellería.

4. En todo caso, quedarán excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 6.4) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e directivos desta consellería, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polo órgano superior ou directivo que corresponda seguindo a orde de prelación que se establece no artigo 5 do Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nos/as xefes/as territoriais serán desempeñadas pola persoa titular do Servizo de Coordinación da Área Cultural das respectivas xefaturas territoriais.

Disposición adicional.

O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas será o que se estableza, se é o caso, nas correspondentes ordes de convocatoria.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas a Orde do 2 de maio de 2009, pola que se delegan competencias no secretario xeral e nos xefes territoriais da Consellería de Cultura e Turismo, a Orde do 22 de abril de 2010, de delegación de competencias nos órganos superiores e periféricos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Orde do 10 de xaneiro de 2012, de delegación temporal de competencias nós órganos superiores e periféricos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria