Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 8 de febreiro de 2012 Páx. 5382

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2011, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva do expediente de delimitación dos núcleos da Torrente e Pedrouzos, sitos nas parroquias de Vilafiz e Ribas de Miño, respectivamente, do concello do Páramo (Lugo).

I. Antecedentes.

O Concello do Páramo envía este expediente de delimitación, para os efectos de obter a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional segunda 2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Páramo carece de instrumentos de planeamento xeral e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial, en diante NCSPP.

Cada exemplar está integrado por un estudo individualizado dos núcleos, normativa de aplicación, anexos e planos de ordenación, datados en marzo de 2011, redactados polo enxeñeiro de camiños, canles e portos José Enrique Cacicedo Herrero, como director da empresa Senén Prieto Ingeniería, S.L.

O 23 de xuño de 2010 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditara resolución de non aprobación dun anterior proxecto de delimitación dos dous núcleos que agora se tramitan.

Respecto da tramitación administrativa, cabe sinalar o seguinte:

Procedeuse á publicación de anuncios no DOG número 76, do 18 de abril de 2011, e nos xornais El Progreso (22 de marzo de 2011) e La Voz de Galicia de Lugo (29 de marzo de 2011).

Consta certificación do secretario municipal do 15 de xullo de 2011 sobre a exposición pública do proxecto; e que no devandito período non se presentou ningunha alegación.

Na certificación expedida polo secretario municipal con data do 20 de xullo de 2011 consta o acordo de aprobación provisional da devandita delimitación adoptado polo pleno na súa sesión do 18 de xullo de 2011.

O concello enviou tres exemplares do proxecto técnico da delimitación, coa dilixencia de seren os aprobados provisoriamente na data correspondente, após o requirimento efectuado por este servizo.

Consta informe favorable con condicións do Servizo de Infraestruturas da Xunta de Galicia, do 26 de abril de 2011.

Segundo o indicado, constátase que o expediente cumpre, respecto da documentación e tramitación administrativa, as determinacións contidas no número 2 da disposición adicional segunda da LOUG.

II. Análise e consideracións.

Despois de analizar a documentación achegada polo Concello do Páramo, cómpre sinalar:

1. A Torrente e Pedrouzos son entidades de poboación recoñecidas no nomenclátor da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000) así como no do Instituto Nacional de Estatística. Trátase en ambos os casos de asentamentos de orixe histórica tradicional.

2. Proponse a delimitación dos asentamentos poboacionais da Torrente e Pedrouzos –este último composto por dous enclaves diferenciados– como núcleos rurais complexos.

Na Torrente delimítase como núcleo rural histórico-tradicional unha superficie de 2.748 m2 e como núcleo rural común 2.622 m2.

E en Pedrouzos como núcleo rural histórico-tradicional 14.922 m2 e como núcleo rural común 6.874 m2.

3. O proxecto inclúe unha normativa de aplicación, define o trazado do sistema viario existente nos núcleos delimitados -propondo a creación dun novo tramo viario público na Torrente, do cal avalía o custo de adquisición e pavimentación- e identifica un hórreo en Pedrouzos como elemento merecente de protección patrimonial.

Non se identifican terreos destinados a dotacións públicas distintas do sistema viario.

4. Esta nova versión da delimitación do solo de núcleo rural da Torrente e Pedrouzos dá cumprimento ás observacións realizadas na Resolución da Secretaría Xeral do 23 de xuño de 2010.

5. As actuacións na contorna dos bens sometidos a protección patrimonial existentes nestes núcleos deberán observar o establecido ao respecto na lexislación de patrimonio.

III. Análise e consideracións.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de delimitación dos núcleos da Torrente e Pedrouzos, sitos nas parroquias de Vilafiz e Ribas de Miño, respectivamente, do Concello do Páramo (Lugo).

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se for o caso, calquera outro que coiden procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, e poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se for o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigo 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2011.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file
missing image file