Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2012 Páx. 5236

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convoca e regula para o ano 2012 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Secretaría Xeral da Emigración, segundo o disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e de tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Para a realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

En virtude do exposto e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve, logo do informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas correspondentes ao programa de actividades de campamentos e campos de traballo para o ano 2012, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares e aprobar as bases polas que se rexerá esta convocatoria e que se insiren no anexo I. Esta resolución implica unha subvención en especie consistente no aloxamento nos campamentos ou residencias xuvenís, o traslado desde o seu país de orixe a Galicia e desde Galicia ao seu país de orixe, o traslado dos participantes desde o aeroporto de chegada en Galicia ata o albergue e o traslado desde o campamento ao aeroporto de regreso, segundo o disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás o disposto no punto sete do artigo dous da resolución. A concesión destas axudas rexerase polo disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características.

1. Actividades de campamento: convócanse 213 prazas en campamentos e albergues xuvenís situados en Galicia, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, en dúas quendas no mes de xullo. Estas prazas distribuiranse conforme o establecido no anexo II.

O programa desenvólvese en dúas quendas diferentes con actividades tamén diferenciadas:

a) Na quenda do 1 ao 12 de xullo ten lugar a actividade «Galiza: verde e azul», que busca proporcionar aos mozos e mozas de fóra de Galicia un mellor coñecemento da nosa terra. Os participantes –con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos– residirán en dúas instalacións: seis días na zona de interior, no Campamento Xuvenil Os Chacotes, Palas de Rei (Lugo), e seis días na zona de costa, no Albergue Xuvenil de Gandarío-Bergondo (A Coruña), e permanecerán en tendas de campaña no primeiro caso e nun albergue, en cuartos compartidos, no segundo.

b) Na segunda quenda, do 17 ao 28 de xullo, teñen lugar as actividades «Vela e táboa», «En bicicleta e cabalo pola natureza» e un programa de actividades para maiores de 18 anos.

As instalacións están situadas en Gandarío, Bergondo (A Coruña) e Furelos, Melide (A Coruña).

Complemento das actividades son as prácticas deportivas variadas acordes coa instalación en que se atopen residindo en cada momento (náuticas, de natureza, distintos deportes e xogos, marcha, praia, etc.).

Igualmente, prográmanse actividades culturais para coñecemento da realidade social de Galicia (charlas, proxeccións, visitas a museos ou zonas de interese cultural, etc.).

2. Campos de traballo: convócanse 20 prazas en campos de traballo, situados en distintas localidades da Comunidade Autónoma galega, para participantes con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.

3. A Consellería de Traballo e Benestar colaborará na execución deste programa poñendo á disposición dos beneficiarios dos campamentos e dos campos de traballo todos os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís, campamentos e demais aloxamentos asignados, así como os medios de desprazamento dos beneficiarios dos campamentos desde o aeroporto de chegada a Galicia ata o albergue xuvenil que lles sexa asignado, no caso das actividades de campamento.

4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo do traslado dos participantes mediante o financiamento do 100% e do 50%, segundo figura no anexo II e III das bases reguladoras, do custo dos billetes de ida e volta aéreos, así como os medios de desprazamento dos beneficiarios participantes en campos de traballo e os que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída, para tales efectos a secretaría organizará directamente a prestación destes servizos.

5. Os grupos procedentes daqueles países con máis de 15 participantes viaxarán con acompañantes propostos pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina) para Arxentina, pola Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai) para Uruguai e nos demais países propostos polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 3.2 da convocatoria, coa conformidade dos pais ou titores dos menores.

6. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e da actividade de campamento en particular. Tamén serán informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno dos campamentos ou albergues en que serán aloxados.

7. Os participantes procedentes de España percibirán unha axuda de custo para a viaxe a Galicia por importe máximo de douscentos vinte e cinco euros (225 €), polo gasto realizado nun medio de transporte público e sempre en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía que se pagará será de 0,19 euros por quilómetro, ata o máximo previsto. Os participantes deberán achegar a documentación xustificativa de todos estes gastos, de conformidade co disposto nas bases desta convocatoria.

Artigo 3. Lugar, prazo de presentación de solicitudes e prazo de resolución.

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración, na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán presentarse nas consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

2. Os interesados que así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a seguir, para a presentación en formato electrónico das súas solicitudes:

  • En Brasil:

– Peña Galega de la Casa de España (Río de Janeiro).

– Real Sociedade Española de Beneficencia (Salvador-Bahia).

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução (São Paulo).

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro (Santos).

  • En Venezuela:

-Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas).

  • En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas en Cuba.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude electronicamente. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

3. As entidades galegas remitiranlle todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral da Emigración nos catro días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de resolución.

Unha vez presentadas as solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás o disposto no punto dous do artigo catro das bases reguladoras.

Artigo 4. Desenvolvemento e aplicación.

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 5. Réxime de recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2012.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas correspondentes ao programa de actividades de campamentos e campos de traballo para o ano 2012 que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares. As axudas reguladas nestas bases terán a consideración de axudas en especie segundo a disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás o establecido no artigo 2.7 desta resolución.

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter residencia habitual fóra de Galicia.

b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de emigrante galego ata o segundo grao de consanguinidade.

c) Ter nacionalidade española.

d) Atoparse vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aqueles solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

e) Ter unha idade entre 14 e 20 anos, o 30 de xuño do ano da convocatoria, para os participantes en actividades de campamento.

f) Ter unha idade entre 18 e 30 anos, o 30 de xuño do ano da convocatoria, para os participantes en campos de traballo.

g) No caso dos solicitantes de actividades de campamentos non ter participado en edicións anteriores nesta modalidade.

h) No caso de solicitantes en campos de traballo, non ter participado en edicións anteriores na modalidade de campos de traballo.

i) Para as prazas financiadas ao 100% da axuda do custo da viaxe, estes solicitantes non deben contar a unidade económica familiar con ingresos superiores, en renda per cápita, a 2,5 veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente, de referencia para o ano da convocatoria, do país de residencia do solicitante, e para os solicitantes residentes en Cuba os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano da convocatoria.

j) Para os solicitantes que opten a prazas financiadas ao 50 % da axuda de custo da viaxe, poderán superar os límites de ingresos establecidos no punto anterior.

Artigo 3. Solicitudes e documentación.

1. Os solicitantes deberán presentar, no prazo indicado na convocatoria anual correspondente, solicitude conforme o modelo oficial que figura como anexo A desta resolución, optando unicamente por unha das modalidades (campamentos ou campos de traballo), acompañado da seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou DNI do solicitante: os solicitantes que estean en posesión de DNI poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso telemático a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que conste na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento deberán presentar fotocopia do DNI e para aqueles solicitantes que non estean en posesión de DNI deberán presentar fotocopia do pasaporte.

b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou ascendencia galega ata o segundo grao de consanguinidade que inclúa documentación acreditativa do parentesco cando proceda.

c) Unha fotografía tamaño carné.

d) Certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no rexistro de matrícula como residentes, se estes aspectos non quedan debidamente acreditados polo pasaporte.

e) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos brutos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou membros da unidade económica familiar (ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade). No caso de imposibilidade de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración xurada responsable (modelo no anexo C). Para estes efectos, entenderase por unidade económica familiar cando o beneficiario conviva con outra persoa unida a el por matrimonio, por unión de feito, ou por lazos de parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao.

f) Certificado médico conforme o modelo oficial que figura como anexo D, de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Declaración do beneficiario do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

h) Modelo anexo C, en que consten o número total de membros que compoñen a UEF. Aqueles membros que convivan co solicitante e non teñan ingresos económicos deberán xustificalo (certificación negativa da Anses para os maiores de 18 anos) ou se non é posible, deberán entregar unha declaración xurada de que non perciben ingresos de ningún tipo.

Os solicitantes que foron admitidos a sorteo no último ano da convocatoria non terán que presentar a documentación das letras a) e d).

2. Os solicitantes deberán achegar debidamente cuberto o anexo B desta resolución, no cal debe figurar:

a) Preferencia para o regreso en función da quincena en que vai participar.

b) Autorización para viaxar sós, asinada polos pais ou titores legais, para os menores de idade.

c) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para os participantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade, con indicación dos datos dos familiares responsables que se farán cargo destes menores de idade.

Artigo 4. Tramitación, procedemento e réxime de concesión.

1. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas Sociais.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos de conformidade coas bases anteriores, elaboraranse listaxes provisionais de admitidos e excluídos por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listaxes serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (www.galiciaaberta.com), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 3.2.

3. Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listaxes provisionais (www.galiciaaberta.com) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase desistido da súa petición, e procederase ao arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Transcorrido este prazo elaboraranse as listaxes definitivas de admitidos e excluídos que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (www.galiciaaberta.com) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 3.2.

5. Nas actividades de campamento, elaborada a relación de admitidos e excluídos, e no caso de que o número de admitidos fose superior ao de prazas convocadas, a selección final de beneficiarios realizarase por sorteo público, axustándose ao número de prazas convocadas.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá distribuílas proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ao tipo de prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade, ata un máximo dun 25% do total das prazas.

Publicada a relación definitiva de beneficiarios na páxina web desta secretaría xeral (www.galiciaaberta.com), os interesados que queiran modificar as dúas datas de retorno, disporán de 10 días naturais para modificalas, non sendo admisible ningún outro cambio a partir desa data, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

6. Os participantes en campos de traballo en anteriores convocatorias non poderán solicitar actividades de campamentos, e quedarán automaticamente excluídos se as solicitasen.

7. No caso dos campos de traballo terán preferencia na selección aqueles solicitantes que non participaron anteriormente en actividades de campamento. Se o número de solicitantes admitidos que cumpren esta condición (non ter participado) fose inferior ao número de prazas convocadas, serán seleccionados sen necesidade de sorteo público, procedendo a sortear as prazas restantes entre aqueles solicitantes admitidos que xa participaron nas actividades de campamentos.

No caso de que o número de solicitantes admitidos que non participasen con anterioridade en actividades de campamentos sexa superior ao número de prazas convocadas, será necesario o sorteo para proceder á súa selección.

8. En ambos os dous casos, os non seleccionados no sorteo pasarán a unha listaxe de reservas e pola orde resultante do sorteo, e poderán substituír a aqueles seleccionados que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral da Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

9. Aqueles solicitantes que foron seleccionados no ano anterior ao da convocatoria para o programa de actividades de campamentos e campos de traballo e que non chegaron a viaxar sen xustificar previamente a súa ausencia, considerarase como se participasen na última convocatoria.

Artigo 5. Comisión avaliadora.

1. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas Sociais e ademais crearase unha comisión de avaliación presidida polo subdirector xeral de Programas Sociais ou persoa en que delegue, e composta polos seguintes membros:

– O xefe do Servizo de Acción Sociocultural, ou persoa en quen delegue.

– Un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a.

2. Para as solicitudes presentadas en Arxentina e Uruguai crearanse comisións de avaliación, presididas polos delegados da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente. Para as solicitudes presentadas en Brasil, Cuba e Venezuela poderanse crear comisións de avaliación, presididas por un/unha funcionario/a técnico da Secretaría Xeral da Emigración. Estas comisións estarán compostas por técnicos das delegacións, no caso de Arxentina e Uruguai, e, no caso de todos os países citados, por membros dos centros galegos de cada país como representantes das comunidades galegas e coñecedoras da realidade social en que residen, viven e se desenvolven os solicitantes. Estas comisións avaliarán as solicitudes tendo en conta o previsto nos artigos 2 e 3 das bases reguladoras.

3. Os expedientes que non fosen examinados polas comisións mencionadas no artigo 5.2 serán examinados pola comisión de avaliación indicada no artigo 5.1 tendo en conta o previsto no artigo 2 das bases reguladoras.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o estimase, poderá encargar informes socioambientais, que realizarán profesionais titulados, que comproben a veracidade dos datos presentados nas solicitudes, debendo os resultados obtidos ser tidos en conta na avaliación das correspondentes solicitudes.

5. Os expedientes serán examinados polas comisións segundo os criterios de selección establecidos nas bases do programa. Posteriormente a comisión de avaliación presidida polo/a subdirector/a xeral de Programas Sociais, ou persoa en quen delegue, e composta polo/a xefe/a servizo de Acción Sociocultural e un/unha funcionario/a da unidade que actuará como secretario/a, elaborará unha proposta de concesión que será elevada polo órgano instrutor ao/á secretario/a xeral da Emigración, para a súa resolución.

6. Unha vez realizada a selección de beneficiarios por sorteo, o secretario xeral da Emigración ditará as resolucións oportunas e publicarase na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios.

7. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

8. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6. Obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, os adxudicatarios das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve, coas peculiaridades establecidas na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia, e no artigo 3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve.

2. Os adxudicatarios das prazas quedan obrigados a respectar as normas de réxime interior dos campamentos e albergues.

3. No caso de baixa ou renuncia do programa, os beneficiarios deberán comunicar por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días antes da viaxe, a causa da renuncia. No caso de que non comunicasen a súa baixa ou renuncia con antelación á viaxe, poderán ser penalizados con non ser beneficiarios de edicións futuras do programa.

4. Os solicitantes deberán cubrir a epígrafe de declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma actividade, de acordo co modelo que figura na solicitude.

5. Os solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro do que será responsable a Consellería de Facenda, ante o cal se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4.º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

6. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude comporta a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.galiciaaberta.com

Artigo 7. Xustificación da subvención para os participantes procedentes de España.

1. Para o suposto previsto no artigo 2.7 da resolución desta convocatoria o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

a) Declaración responsable asinada pola persoa beneficiaria da axuda do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e medio de transporte utilizado.

b) No suposto de utilizar transporte público deberá presentar o correspondente billete e recibín do provedor, de conformidade co establecido no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) No suposto de utilizar vehículo propio deberá declarar e xustificar o seu lugar de residencia e a distancia ata o lugar da realización do programa.

A devandita xustificación deberá presentala no prazo de dous meses desde a finalización do programa.

Artigo 8. Concorrencia de axudas, seguimento, modificación da resolución.

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos nas bases e na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, podendo a Secretaría Xeral adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

5. O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 9. Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

ANEXO II

A asignación do número de prazas en actividades de campamento queda fixada para o ano 2012 do seguinte xeito:

País

14-17 anos

18-20 anos

Total

1-12 xullo 100%-50%

17-28 xullo 100%-50%

17-28 xullo 100%-50%

Arxentina

16/6

10/4

39/13

88

Brasil

0

6/2

7/3

18

Cuba

0

0

3

3

Uruguai

20/8

7/2

15/5

57

Venezuela

0

14/5

9/3

31

País

14-17 anos

18-20 anos

Total

1-12 xullo 100%-50%

17-28 xullo 100%-50%

17-28 xullo 100%-50%

Resto de América

3/2

3/1

1/1

11

Europa e España

2/1

1/1

0

5

ANEXO III

A repartición das prazas de campos de traballo por países será a seguinte:

País

Prazas ao 100%

Prazas ao 50%

Prazas totais

Arxentina

3

2

5

Brasil

2

1

3

Cuba

2

0

2

Uruguai

3

1

4

Venezuela

2

1

3

Resto de América

2

1

3