Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 2 de febreiro de 2012 Páx. 4719

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Gonzalo López Abente.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Gonzalo López Abente, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos:

1. Félix Porto Serantes, presidente do padroado da fundación, con data do 22 de febreiro de 2011, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Gonzalo López Abente foi constituída en escritura pública outorgada en Muxía o 16 de decembro de 2010, ante a notaria Ana Mallada García, co número 714 do seu protocolo, polo Concello de Muxía, representado polo alcalde, Félix Porto Serantes, e pola concelleira de Cultura, Amparo Baña Álvarez; e por Xan Xosé Fernández Carrera, María Victoria Rivadulla Conde, José Enrique Rivadulla Conde, Xesús María Sambade Soneira, Arturo Baltasar Suárez Varela, Manuel Vilar Álvarez e Arximiro Bautista Villar González. A escritura foi rectificada por outras outorgadas en Muxía o 1 de xullo e o 21 de outubro de 2011, cos números 328 e 503 respectivamente.

3. A Fundación Gonzalo López Abente ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, promover e difundir o coñecemento da vida e da obra de Gonzalo López Abente, así como doutros poetas e escritores que teñan realizado a súa obra, na totalidade ou en parte, en lingua galega.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme aos preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Félix Porto Serantes, alcalde presidente do Concello de Muxía, como presidente; José Enrique Rivadulla Conde, como vicepresidente; María Victoria Rivadulla Conde, como secretaria; Amparo Baña Álvarez, concelleira de Cultura do Concello de Muxía; Xan Xosé Fernández Carrera; Xesús María Sambade Soneira; Arximiro Bautista Villar González; a Deputación da Coruña, representada por María del Carmen Hervada Echevarría; a Real Academia Galega, representada por Xosé Luís Méndez Ferrín; a Universidade da Coruña, representada por José María Barja Pérez; a Universidade de Santiago de Compostela, representada por Juan José Casares Long; a Asociación de Escritores en Lingua Galega, representada por Cesáreo Sánchez Iglesias; o Pen Clube de Galicia, representado por Luís Eugenio González Tosar; e o Consello da Cultura Galega, representado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira, como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Gonzalo López Abente, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 22 de novembro de 2011 (Diario Oficial de Galicia núm. 233, do 7 de decembro) clasificouse como de interese cultural a Fundación Gonzalo López Abente, e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería de Cultura e Turismo a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Gonzalo López Abente, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro; e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Gonzalo López Abente.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo