Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2012 Páx. 4496

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias na persoa titular da dirección da entidade pública empresarial Augas de Galicia e na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, crea e regula Augas de Galicia, ente público empresarial da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de augas, e con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e das competencias reguladas pola dita lei.

O 13.1.2012 foi publicado no Diario Oficial de Galicia o Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia. Esta entidade instrumental será a responsable de materializar a política en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia e substitúe nestas funcións o organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública Obras e Servizos Hidráulicos que se extinguen coa súa constitución e posta en funcionamento, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A actividade de Augas de Galicia estará suxeita ao réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común cando exerza potestades administrativas.

Segundo o previsto no artigo 6 do citado estatuto, a presidencia de Augas de Galicia será exercida pola persoa titular da consellería competente en materia de augas.

Na actualidade concorren na persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas competencias propias da súa condición de membro do Goberno da Xunta de Galicia e de titular da Presidencia de Augas de Galicia. Esta actividade administrativa leva consigo unha concentración de funcións cuxo volume aconsella naqueles asuntos que non exixan unha atención directa e persoal recorrer á delegación de competencias.

Son as competencias propias da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia as que son obxecto de delegación a través desta resolución, respectando os principios que informan a actividade administrativa, e co fin de ordenar esta co obxecto de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

En consecuencia, de acordo co disposto na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Primeiro.

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia o exercicio das seguintes competencias:

1. En materia de reclamacións previas, a resolución das que se presenten contra actos de Augas de Galicia susceptibles de impugnación ante a xurisdición civil ou laboral.

2. En materia de contratación, as competencias que lle corresponden á persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia segundo o establecido no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, e demais disposicións vixentes; en particular, as seguintes facultades:

a) En relación aos contratos menores no ámbito de competencias de Augas de Galicia, as facultades atribuídas á persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia.

b) En relación aos contratos que non teñan a consideración de contratos menores: a aprobación dos proxectos e das súas modificacións; a aprobación dos expedientes de contratación; a aprobación dos pregos de prescricións técnicas; a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas; a aprobación do gasto correspondente; de ser o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto de tramitación de emerxencia; a adxudicación e formalización dos contratos; a súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do acordado e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento, a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta e as restantes facultades que, de acordo coa lexislación vixente, lle corresponden ao órgano de contratación.

3. En materia de xestión patrimonial, o exercicio das facultades que a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e demais normativa en materia de patrimonio lle atribúan ao órgano unipersoal de goberno da entidade pública instrumental, en relación aos bens adscritos ou susceptibles de seren adscritos a Augas de Galicia.

4. En materia de potestade sancionadora, o exercicio da competencia para resolver os procedementos sancionadores por infraccións graves en materia de augas.

5. En materia de recursos contra actos doutras administracións, resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. En materia de comisións de servizo, a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

7. En materia de colaboración técnica e financeira coas entidades locais, as competencias que se lle atribúan á persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia.

Segundo.

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o exercicio da competencia para resolver os recursos administrativos de alzada por infraccións leves en materia de augas e, de ser o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

Terceiro. Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta resolución teranse en conta os seguintes criterios:

1. O exercicio das competencias que se delegan nesta resolución axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento o órgano delegante poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avogar as competencias para o coñecemento dun asunto concreto.

3. Enténdese comprendida na delegación o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que se diten en virtude das competencias que se lle delegan nesta resolución e para, se é o caso, suspender a executividade dos actos impugnados.

4. As competencias que se delegan por esta resolución, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección de Augas de Galicia e mentres persistan aquelas circunstancias, serán exercidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. No caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, as competencias que se delegan por esta resolución serán exercidas de acordo co establecido no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánicas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Cuarto. Resolucións ditadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Quinto. Eficacia.

Esta resolución producirá efectos a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2012.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente de Augas de Galicia