Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2012 Páx. 4531

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 12 de xaneiro de 2012 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

De conformidade co establecido no artigo 29.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.4 do referido texto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, dous postos de traballo vacantes que se indican no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a eles os/as funcionarios/rias de carreira que reúnan as condicións que para os postos de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro do Fondo Galego de Garantía Agraria (rúa dos Irmandiños, s/n, 15781 Santiago de Compostela), nos seus servizos territoriais ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe no anexo II.

Cuarto.-Os/as aspirantes deberán unir á súa solicitude un currículum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de resultar seleccionado/da para ocupar un dos postos de traballo un/unha funcionario/ria con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e nas demais disposicións concordantes.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderán declararse desertos os postos de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días se o destino anterior radica na mesma localidade do novo destino, e dun mes se radica en localidade distinta ou comporta o reingreso ao servizo activo do funcionario. Este prazo empezarase a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa nova redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán impugnala directamente, perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2012.

Rosa M. Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I

Código do posto: AG.A03.00.000.15770.001.

Denominación do posto: subdirector/ra xeral de Xestión da Política Agrícola Común.

Nivel: 30.

Dependencia: Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Localidade: Santiago de Compostela.

Complemento específico: 21.905,80 €.

Grupo: A1.

Corpo/escala: especial.

Adscrición AA.PP.: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).

Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego, requisito imprescindible).

Código do posto: AG.A99.10.000.27001.001.

Denominación do posto: xefe/fa do Servizo Territorial.

Nivel: 28.

Complemento específico: 14.604,66 €.

Dependencia: Servizo Territorial do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Localidade: Lugo.

Grupo: A1-A2.

Corpo/escala: especial.

Adscrición AA.PP.: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).

Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego, requisito imprescindible).

missing image file