Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 31 de xaneiro de 2012 Páx. 4294

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 52/2012, do 26 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 1/2012 modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia para adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, tendo en conta os criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Na súa virtude, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, establece os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia, entre os que se inclúe a Secretaría Xeral para o Turismo.

O Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desenvolve a estrutura orgánica ata o nivel de servizo. Agora é necesaria a súa modificación no que se refire á estrutura orgánica da Secretaría Xeral para o Turismo.

De conformidade co exposto, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34.4.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xaneiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificación do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Un. Engádese o punto 1.g) do artigo 1, que queda redactado nos seguintes termos:

«g) Secretaría Xeral para o Turismo».

Dous. Engádese o artigo 7, que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 7. Secretaría Xeral para o Turismo.

1. Á Secretaría Xeral para o Turismo, como órgano superior da Administración autonómica en materia de turismo, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A planificación da política de ordenación e inspección, fomento e competitividade do turismo dentro da comunidade autónoma, determinando as liñas de actuación de política turística, equilibradas e sustentables, que deben rexer no territorio galego.

b) A innovación e calidade dos produtos turísticos, así como a promoción do turismo de Galicia no ámbito autonómico, nacional e internacional.

c) A dirección e coordinación das actuacións en materia de turismo da Xunta de Galicia.

d) A instauración de canles efectivas de comunicación con outros organismos locais, provinciais e da Administración central e outras administracións, así como co sector privado.

e) A explotación e potenciación dos recursos turísticos de Galicia directamente ou a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (Turgalicia, S.A.), mediante a promoción, publicidade, relacións públicas e outras accións de notoriedade, tanto no interior de Galicia coma no resto de España e no exterior, sen prexuízo das competencias da Administración central do Estado.

f) A dirección e coordinación das actuacións, directamente ou a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, relacionadas coa posta en valor cultural e turística do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.

g) Dirixir e coordinar as actuacións relativas á análise, estudo, coñecemento e estatísticas no eido turístico.

h) A coordinación da participación da comunidade autónoma nas exposicións universais.

i) A aplicación dos mecanismos necesarios para mellorar as estruturas e os fundamentos da formación profesional turística, sen prexuízo das competencias que lles poidan corresponder a outros organismos.

j) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Secretaría Xeral para o Turismo contará coas seguintes unidades:

2.1. A Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística, á que lle corresponderán as seguintes funcións:

a) A ordenación do sector turístico, con proposta da normativa reguladora das empresas e actividades turísticas.

b) A tramitación dos expedientes administrativos relacionados con empresas e actividades turísticas.

c) A comprobación e vixilancia do cumprimento das disposicións legais en materia de turismo.

d) A coordinación do labor de inspección nos servizos centrais e provinciais.

e) A elaboración e actualización dos protocolos da inspección.

f) A dinamización xeográfica do sector turístico a través de plans de dinamización, actuacións de calidade en destinos e outras iniciativas.

g) A proposta e xestión da participación en proxectos europeos.

h) A coordinación e xestión do sistema de información turística e da rede de oficinas de turismo.

i) A supervisión do soporte técnico necesario para o desenvolvemento efectivo das funcións e tarefas propias de mesas sectoriais turísticas de interlocución público-privadas que se constitúan nas áreas da súa competencia.

j) A preparación e execución doutras accións que lle sexan encomendadas.

Para o desenvolvemento destas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Ordenación do Turismo.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A preparación, coordinación e proposta de normativa reguladora en materia turística.

b) A preparación e xestión dos expedientes administrativos relacionados con empresas e actividades turísticas, a través de autorizacións de apertura e clasificación turística, concesión de títulos-licenza, habilitacións e revogacións.

c) A xestión das inscricións e actualizacións das empresas e actividades turísticas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

d) A elaboración de informes sobre actuacións doutros organismos que afecten as competencias de turismo.

e) A tramitación dos expedientes de declaración de municipio de interese turístico.

f) Aqueloutras que lle sexan encomendadas en materia de ordenación do sector turístico.

2.1.2. Servizo de Inspección do Turismo.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento das actuacións de comprobación e vixilancia do cumprimento das disposicións legais en materia de turismo.

b) A tramitación de expedientes sancionadores en materia turística segundo a lexislación sectorial e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos nesta materia.

c) A supervisión dos mecanismos de conciliación previstos na normativa vixente, aplicables aos conflitos e expedientes sancionadores en materia turística.

d) A elaboración do plan anual de inspección turística, a súa comprobación e seguimento, así como o seu balance.

e) A realización doutras actividades de inspección en materia de turismo que lle sexan encomendadas.

2.1.3. Servizo de Planificación Turística e Programas Europeos.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A elaboración e execución, directa ou indirecta, de plans de dinamización e desenvolvemento turístico.

b) O desenvolvemento de programas de mellora da calidade turística en destino, incentivando a participación público-privada.

c) O estudo, proposta e execución de plans territoriais que contribúan á mellora do destino e produtos turísticos.

d) A proposta e participación en programas europeos, así como a execución, control e seguimento daqueles proxectos de carácter europeo nos que a Secretaría Xeral para o Turismo participe.

e) Calquera outra actuación que lle sexa encomendada.

2.1.4. Servizo de Apoio Xurídico-Administrativo.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) O estudo e a tramitación dos anteproxectos de disposicións de carácter xeral, preparación e proposta de proxectos normativos en materia de turismo.

b) O estudo, tramitación e formulación de propostas de resolución dos recursos e reclamacións que debe resolver a Secretaría Xeral para o Turismo.

c) O estudo, preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos, dentro do ámbito da súa competencia.

d) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Secretaría Xeral para o Turismo polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e institucións similares.

e) Dar soporte administrativo e técnico na execución de modelos e proxectos resultantes do desenvolvemento de políticas de fomento e competitividade turística.

f) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área xurídica para o seu uso xeral e compartido polas distintas unidades e servizos da Secretaría Xeral para o Turismo

g) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios e boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral para o Turismo.

h) O control de asistencia e puntualidade de todo o persoal adscrito á Secretaría Xeral para o Turismo, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

i) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia.

2.2. A Subdirección Xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, á que lle corresponderán as seguintes funcións:

a) O deseño e a coordinación das actividades relacionadas co fomento da competitividade do sector turístico e dos produtos turísticos de Galicia.

b) O fomento da mellora continua no sector turístico, así como da innovación e desenvolvemento tecnolóxico e a competitividade empresarial.

c) A comprobación do cumprimento do fin en todos os seus parámetros das axudas públicas convocadas con cargo aos orzamentos deste centro directivo.

d) A posta en valor e recuperación dos recursos culturais en rutas de interese turístico de Galicia.

e) A valorización dos recursos naturais de especial interese turístico.

f) O fomento para a creación e mantemento de novos produtos de oferta complementaria.

g) A colaboración con entidades públicas e privadas para a formación e reciclaxe de profesionais do sector turístico.

h) A proposta de declaración de festas de interese turístico de acordo co previsto na normativa vixente.

i) A realización de informes sobre as actuacións no ámbito turístico doutros organismos, unidades administrativas, organismos autónomos ou entidades públicas semellantes de promoción económica xeral ou sectorial.

j) A elaboración dos informes que sexan preceptivos sobre proxectos con incidencia especial nos espazos turísticos de Galicia.

k) Outras accións e proxectos que lle sexan encomendados no eido do fomento e promoción turística de Galicia.

Para o desenvolvemento destas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Xestión e Fomento.

Correspóndenlle a este servizo, ademais daqueloutras actividades que no seu ámbito de competencia lle sexan encomendadas, as seguintes funcións:

a) A elaboración de propostas e execución da política de fomento do turismo mediante axudas e subvencións ou estímulos a entidades, corporacións e sector privado, sen prexuízo das competencias doutros órganos.

b) A elaboración dos expedientes de xestión económica e orzamentaria con cargo aos orzamentos asignados ao seu centro directivo.

c) A elaboración de informes sobre as liñas de apoio ao turismo que teñan establecidos outros organismos.

d) A preparación e o seguimento de proxectos de promoción turística con entidades públicas ou privadas.

e) A elaboración e coordinación do anteproxecto de orzamentos da Secretaría, así como o control e seguimento da execución orzamentaria.

f) A tramitación das propostas de modificación orzamentaria da Secretaría Xeral para o Turismo, agás as relativas ao capítulo I.

g) Calquera outra que lle sexa encomendada.

2.2.2. Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística.

Correspóndenlle a este servizo, ademais daqueloutras actividades que no seu ámbito de competencia lle sexan encomendadas, as seguintes funcións:

a) A valoración técnica de proxectos vinculados a empresas e actividades turísticas en relación cos expedientes de axudas de fomento do turismo, ou por solicitude doutros órganos.

b) A coordinación, asistencia e supervisión de investimentos na valorización dos recursos turísticos de Galicia que se promovan desde a Secretaría Xeral para o Turismo.

c) A realización dos informes de idoneidade turística de proxectos con incidencia especial en espazos turísticos.

d) O apoio técnico sobre os investimentos en infraestruturas como consecuencia de plans ou programas nos que participa a Secretaría Xeral para o Turismo ou por instancia doutros organismos que teñan establecidas liñas de apoio ao turismo.

e) A xestión dos convenios de obras con concellos e o seguimento destes.

f) Calquera outra que lle sexa encomendada.

2.2.3. Servizo de Cooperación Institucional, Promoción e Formación.

Correspóndenlle a este servizo, ademais daqueloutras actividades que no seu ámbito de competencia lle sexan encomendadas, as seguintes funcións:

a) A coordinación e realización de accións de formación dirixidas á mellora dos recursos do sector.

b) A organización e o mantemento dos fondos documentais.

c) A tramitación das solicitudes de declaración de festas interese turístico de acordo co previsto na normativa vixente.

d) A elaboración de convenios de colaboración con entes públicos ou privados, agás os de obras.

e) A tramitación de ordes de subvencións a concellos e outras entidades para eventos de contido turístico, con cargo aos orzamentos do seu centro directivo.

f) Outras actuacións encamiñadas a potenciar e promover os recursos turísticos de Galicia.

2.2.4. Servizo de Contratación.

Correspóndenlle a este servizo, ademais daqueloutras actividades que no seu ámbito de competencia lle sexan encomendadas, as seguintes funcións:

a) A tramitación dos expedientes de contratación da Secretaría Xeral para o Turismo sometidos á normativa reguladora dos contratos do sector público, calquera que sexa o seu tipo ou forma de adxudicación.

b) O seguimento e control da execución de todos os contratos que non estea expresamente atribuída a outros órganos.

c) A tramitación económico-administrativa dos convenios de financiamento ou contratos programa con entidades públicas con personalidade xurídica propia, previstos no artigo 45 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009.

d) A coordinación, elaboración de propostas de instrucións e fixación de criterios para a mellora e homoxeneización dos procedementos de contratación da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) O impulso e desenvolvemento de ferramentas de xestión na área de contratación para o seu uso xeral e compartido polas distintas unidades e servizos da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O desenvolvemento de calquera outra función que lle sexa encomendada no ámbito da súa competencia.

3. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral para o Turismo conta con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, coa denominación de Servizo de Turismo, aos que lles corresponderá a ordenación, inspección e fomento en materia de turismo no marco do desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría Xeral para o Turismo, no ámbito territorial da provincia correspondente, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Os servizos de Turismo nos servizos periféricos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral para o Turismo e organicamente da xefatura territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

4. Co carácter, tarefas e funcións establecidos na súa norma reguladora, está constituído a nivel central o Consello Galego de Turismo, regulado polo Decreto 39/2001, de 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaracións de festas de Galicia de interese turístico, que queda adscrito á Secretaría Xeral para o Turismo».

Disposición transitoria primeira.

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, autorízase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da Secretaría Xeral da Presidencia, para adscribir o persoal funcionario e laboral que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición transitoria segunda.

De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, os órganos da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica continuarán transitoriamente no exercicio das súas funcións ata a data da constitución efectiva da Amtega.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xaneiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza