Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 30 de xaneiro de 2012 Páx. 4218

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2012 pola que se crea o ficheiro de videovixilancia.

A Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal establece que se considerará dato persoal calquera información concernente a persoas físicas identificadas ou identificables e precisa o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo R.D. 1720/2007, do 21 de decembro, que xa se trate de informacións numéricas, alfabéticas, gráficas, fotográficas, acústicas ou de calquera outro tipo.

Pola súa banda a Instrución 1/2006 da Axencia Española de Protección de Datos, do 8 de novembro, relativa ao tratamento dos datos persoais con fins de vixilancia a través da utilización de cámaras e videocámaras, establece que estes ficheiros, cando sexan de titularidade pública, deben someterse ao mesmo procedemento de creación xeral de ficheiros.

Na actualidade, a extensión dos centros e campus que a Universidade de Vigo posúe, así como o gran número de edificios que se deben protexer e o seu tamaño, fan imposible que os medios humanos e técnicos destinados para este efecto poidan realizar con ponderada eficacia a tarefa encomendada. Faise preciso, polo tanto, dotar ás instalacións da Universidade de Vigo de cámaras de videovixilancia para a seguridade interior e exterior das persoas e bens e iso adecuando esa videovixilancia ás exixencias do dereito fundamental á protección de datos, de maneira que o tratamento das imaxes sexa adecuado aos principios da Lei orgánica 15/1999 garantindo así os dereitos das persoas cuxas imaxes son tratadas por medio de tales procedementos e respectando o principio de proporcionalidade, tanto na súa vertente de idoneidade (instalación só naqueles lugares que resulten adecuados), como de intervención mínima (instalación previa ponderación entre os fins pretendidos e os dereitos fundamentais dos cidadáns).

É responsabilidade da Universidade de Vigo o concernente á creación, modificación ou supresión de ficheiros de datos de carácter persoal.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire o Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo,

RESOLVO:

Primeiro. Crear o ficheiro de videovixilancia da Universidade de Vigo e denominalo Videovilixancia, cuxas características se recollen no anexo a esta resolución.

Segundo. Declarar que os ficheiros automatizados que pola presente resolución se crean cumpren as medidas de seguridade e exixencias establecidas no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Terceiro. A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de xaneiro de 2012.

Salustiano Mato de la Iglesia
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO
Ficheiro de Videovixilancia da Universidade de Vigo

1. Finalidade e uso do ficheiro: gravación e tratamento automatizado de imaxes para a seguridade interior e exterior de bens e persoas que acceden e transitan por edificios e centros da Universidade de Vigo. O uso previsto é a realización de labores de seguridade e vixilancia:

A/ Control dos accesos peatonais a centros, edificios e campus da Universidade de Vigo.

B/ Vixilancia perimetral de acceso e saídas de urxencia que supoñen risco de intrusión en edificios da Universidade de Vigo.

C/ Vixilancia interior de edificios en zonas comúns.

2. Responsable do fichero: Universidade de Vigo.

3. Servizo ou unidade de acceso: os dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación son personalísimos e exerceranse ante a Xerencia (edificio Servizos Centrais, praza Erasmo s/n, CP 36310 As Lagoas, Marcosende, Vigo, Pontevedra).

4. Persoas de quen se solicitan datos: persoas físicas que acceden ou transitan por centros e campus da Universidade de Vigo:

Usuarios, alumnos, traballadores, funcionarios, invitados ou intrusos.

5. Procedemento de recollida de datos: o propio interesado. Os datos rexistrados son recollidos por cámaras de videovixilancia mediante a captura de imaxes. Nas zonas video-vixiadas existen distintivos de información.

6. Estrutura básica do ficheiro e tipos de datos de carácter persoal incluídos nel: ficheiro de imaxes obtidas a través de cámaras de videovixilancia. Os datos serán cancelados no prazo máximo dun mes desde a súa captación. Trátase dun ficheiro de carácter informatizado ao apoiarse a captación de imaxes nun videogravador dixital que admite conexión tcp/ip.

7. Cesións e transferencias de datos: non se prevé a cesión destes datos a ningún outro organismo nin a países terceiros salvo as que a lei establece ás forzas e corpos de seguridade do Estado e Administración de xustiza en relación coa comisión de delitos.

8. Nivel de seguridade: as medidas de seguridade que se aplican son as definidas para o nivel básico.