Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 27 de xaneiro de 2012 Páx. 4118

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2012 pola que se acorda pechar o prazo de presentación de solicitudes de incorporación de vivendas ao Programa Aluga.

Antecedentes de feito.

1. O Programa Aluga, para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, recolle as condicións, características e posta á disposición das vivendas, así como o procedemento de incorporación para o seu posterior arrendamento no marco do programa.

2. O volume de vivendas desocupadas e polo tanto susceptibles de ceder en arrendamento no marco do Programa Aluga é moi elevado, situación que ten a súa orixe no destacable número de vivendas desocupadas e en trámite, procedentes do extinto Programa de vivenda en aluguer, no momento da publicación da normativa reguladora do Programa Aluga, ás que hai que engadir as que se foron desocupando ao longo deste primeiro ano de implantación do actual programa. Neste momento hai arredor de 450 vivendas desocupadas e sobre 550 en trámite de incorporación.

Nesta situación e no contexto do actual escenario orzamentario, faise imprescindible adoptar medidas dirixidas a frear a acumulación e a reducir o excedente de vivendas co fin de axustalo aos obxectivos reais que se poden acadar no actual marco orzamentario. Neste sentido resulta necesario pechar o prazo de presentación de solicitudes de incorporación ao Programa Aluga.

Fundamentos de dereito.

1. O Decreto 84/2010, do 27 de maio, regula o Programa Aluga para o fomento do aluguer de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, dedica o capítulo II do título I ao procedemento de incorporación de vivendas.

2. Concretamente, o artigo 13.2.º do Decreto 84/2010, establece que o prazo para a presentación de solicitudes de incorporación de vivendas estará aberto entre o día 1 e o 15 dos meses de xaneiro a novembro de cada ano, e prevense que mediante resolución do/da director/a xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) poderase pechar o prazo en determinadas mensualidades por terse acadado o número de vivendas estimadas para a súa cesión en arrendamento nun determinado período ou nunha determinada anualidade.

En virtude do anterior, de conformidade co establecido no artigo 5 do Decreto 317/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e en uso das facultades que me confire o artigo 13.2.º do Decreto 84/2010,

RESOLVO:

Primeiro. Pechar o prazo para a presentación de solicitudes de incorporación de vivendas ao Programa Aluga durante doce meses.

Segundo. Poderá abrirse ou prorrogarse o período de peche do prazo de presentación de solicitudes mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2012.

Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo