Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 16 de xaneiro de 2012 Páx. 2449

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2012.

O Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego. A Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, establece o carácter de comunidades galegas das entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio en que se atopen asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia.

No Decreto 79/2009, do 19 de abril, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a elaboración e xestión de programas de axudas e subvencións nas áreas sociais e asistenciais, formativas, culturais e de xuventude nesas comunidades galegas.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Esta resolución abrangue as bases reguladoras e a convocatoria anual das subvencións destinadas ás entidades galegas no exterior, dentro dos distintos programas previstos para o exercicio 2012.

O procedemento de concesión das axudas e subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria de subvencións e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia competitiva, a programas de actuación en favor das comunidades galegas no exterior, nas áreas sociais e asistenciais, formativas, culturais e de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento das entidades.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose sábado ou inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Imputación orzamentaria e tramitación anticipada.

1. Para a concesión das axudas previstas nesta resolución resérvase inicialmente un crédito total de 750.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.312C.481.0.-Axudas a entidades no ámbito das migracións, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012. Poderá incrementarse a devandita contía de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A dita contía distribuirase entre os programas da maneira que segue:

• Programa 1: axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento das entidades galegas no exterior, 187.000 €.

• Programa 2: axudas ás entidades galegas no exterior para proxectos culturais, socioasistenciais, promovidos pola xuventude e accións informativas, 563.000 €.

De existir remanente nalgún dos dous programas, poderá ser redistribuído pasando a incrementar a consignación do outro programa.

2. Esta convocatoria tramítase anticipadamente e, de acordo co establecido no artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, faise constar que a concesión de subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, será de aplicación todo o establecido ao respecto no devandito artigo 25.

Artigo 5. Réxime de recursos.

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2011.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

Anexo
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións correspondentes a programas de actuación en favor
das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2012

Capítulo I
Disposicións comúns aos dous programas

Artigo 1. Obxecto das subvencións.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de subvencións correspondentes aos seguintes programas de actuacións en favor das comunidades galegas no exterior para o exercicio 2012: Programa 1. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento das entidades galegas no exterior; Programa 2: Axudas ás entidades galegas no exterior para proxectos culturais, socioasistenciais, promovidos pola xuventude e accións informativas.

Artigo 2. Solicitudes.

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que para cada programa se inclúe como anexo desta resolución, e que irá acompañada dos documentos que se especifican nos artigos correspondentes das bases reguladoras.

A través do formulario proporcionáselle á Secretaría Xeral da Emigración datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para ese efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Secretaría Xeral da Emigración revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificio administrativo rúa dos Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atoparse na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Lugar de presentación das solicitudes.

As solicitudes de subvencións dirixiranse ao órgano competente, Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela-A Coruña), e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. As solicitudes tamén se poderán presentar en formato electrónico ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa, segundo o establecido no artigo 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica da Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 4. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade de conformidade coa Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, ou a súa condición de centro colaborador mediante resolución aprobatoria ditada pola Secretaría Xeral da Emigración ao abeiro da disposición adicional única do Decreto 195/1991, do 30 de maio, polo que se modifica o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, así como as institucións e asociacións sen fins de lucro radicadas no exterior, legalmente constituídas, que acrediten estar inscritas no rexistro de comunidades galegas da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións.

1. Para as entidades con domicilio social en España, a presentación da solicitude de concesión desta subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O solicitante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, e no rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro cuxo responsable será a Consellería de Facenda, ante quen se poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes deste programa serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento. As entidades solicitantes poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral da Emigración como responsable do ficheiro.

Artigo 6. Tramitación.

Correspóndelle á Secretaría Xeral da Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Cando a Secretaría Xeral da Emigración considere que a solicitude non é adecuada para o programa para o que se presenta, dará traslado ao interesado para a súa modificación.

Artigo 7. Documentación.

1. A solicitude e a documentación que deba presentarse de acordo co disposto nestas bases deberá ser asinada polos representantes legais das entidades solicitantes.

2. A documentación que as entidades galegas remitan en relación coa presente convocatoria deberá vir xunto cun escrito dirixido á Secretaría Xeral da Emigración, no que conste a descrición dos documentos que se achegan.

Artigo 8. Procedemento de concesión e instrución.

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta resolución, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O órgano instrutor será o/a subdirector/a xeral de Centros e Comunidades Galegas ou persoa funcionaria da subdirección na que delegue.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que formulará a correspondente proposta de concesión ao órgano concedente a través do órgano instrutor. O devandito órgano colexiado estará formado por tres membros e un secretario, designados polo secretario xeral da Emigración entre os funcionarios da Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe o secretario xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa polo órgano colexiado establecido no número anterior, que deberá emitir informe no que se concreten os resultados da avaliación efectuada.

6. Importes máximos para incluír nas solicitudes.

a) O importe máximo da subvención que se concederá, segundo o programa, é de: Programa 1, 10.000 €; Programa 2, 29.500 €.

b) Nos programas incluídos nesta convocatoria, o importe da subvención solicitada por unha entidade á Secretaría Xeral da Emigración non poderá superar o 80% do gasto total previsto das accións incluídas na solicitude. No caso de que o devandito importe solicitado superase esa cifra, non se tería en conta o exceso.

c) Para fixar o importe do gasto total previsto que as entidades inclúan nas súas solicitudes, estas deberán ter en conta o establecido nas letras a) e b) anteriores, e no caso de que ese gasto total previsto superase esas cantidades, a entidade deberá executar na súa totalidade as accións incluídas na solicitude, tanto nos seus conceptos como nos seus importes, ou noutro caso só percibiría a parte proporcional que corresponda da subvención concedida.

7. Forma de cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado.

O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito e o disposto no artigo 4 da convocatoria.

A contía das subvencións propostas determinarase en función do número de puntos que acade cada entidade aplicando os criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras. Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para ser beneficiarias das subvencións establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que obteñan aplicando os criterios de valoración establecidos, propoñendo conceder a cada proxecto o importe que corresponda en función da puntuación asignada, sen superar en ningún caso o 80% do orzamento subvencionable. O importe asignado a cada entidade será o resultado da multiplicación do importe solicitado, tendo en conta os límites máximos establecidos neste artigo e minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable, polo coeficiente que resulte de dividir o número de puntos que se lle asigne polo total de puntos máximo: 100. O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo esa orde de prelación, ata o seu esgotamento.

8. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará ao secretario xeral da Emigración, que é o órgano competente para resolver, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 9. Reformulación das solicitudes.

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar á entidade beneficiaria a reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. Unha vez que a solicitude mereza, de ser o caso, a conformidade da comisión ou órgano de valoración, remitiráselle o actuado ao órgano competente para que dite a resolución.

3. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

4. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web www.galiciaaberta.com. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web indicada destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

5. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes para a súa análise. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

Artigo 10. Resolución.

As resolucións serán ditadas polo secretario xeral da Emigración, e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións de contía igual ou superior a 3.000 euros concedidas a través desta convocatoria, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Ademais, e de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación dos beneficiarios e os importes das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e para a súa publicación na citada páxina web.

Artigo 11. Xustificación.

1. A acción subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 30 de setembro de 2012. Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación. A Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación de conformidade co artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificación é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe das subvencións para cada programa e beneficiario inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagamentos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 14 desta resolución, os beneficiarios de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa.

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos.

b) Relación clasificada dos gastos realizados, con identificación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pódese utilizar o modelo que figura como anexo IV desta resolución).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiaran a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo V desta resolución.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (pódese utilizar o modelo que figura como anexo V desta resolución).

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre as accións que aparecen na solicitude se inclúan algunhas referidas á edición e difusión dos libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberase enviar un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada no cal debera figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en relación co establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A falta de presentación da documentación requirida no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no número 1 deste artigo.

En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

6. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe, comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse os beneficiarios por programa e orde alfabética, asignándolles un número correlativo.

– Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. O dito número determinará o primeiro beneficiario que será obxecto da mostraxe e os seguintes serán múltiplos do devandito número.

Artigo 12. Subcontratación.

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto delas. Poderán subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 13. Concorrencia de axudas.

1. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo o beneficiario.

2. Para os programas incluídos nesta resolución cada entidade non poderá solicitar ou obter máis que unha subvención en cada programa. Así mesmo, cando o interesado presentase varias solicitudes para o mesmo programa, a Secretaría Xeral da Emigración poderá dar traslado ao interesado para que modifique a súa solicitude.

Artigo 14. Pagamento.

1. Unha vez resolto o expediente e para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderán efectuarse pagamentos á conta ou acordarse anticipos dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O resto do importe, ou a parte que corresponda, librarase logo de completar a xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 65.4 e 5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias desta resolución non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 15. Requirimentos.

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, a realización dos requirimentos que procedan poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web galiciaaberta.com

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe sinalarse que os prazos de dez días computaranse desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios.

Con carácter xeral, os beneficiarios das subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento o beneficiario que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumprise nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 8.

6. As entidades beneficiarias de subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión e revogación.

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas. A Secretaría Xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión o beneficiario poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade para minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a. O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b. Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Devolución voluntaria. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Secretaría Xeral da Emigración ou da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Aos/ás beneficiarios/as das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Réxime de recursos contra as resolucións ditadas.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación, no caso de resolucións expresas, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 20. Control e comprobación.

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Publicidade.

De conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, esta relación será obxecto de publicación na páxina web desta secretaría xeral, www.galiciaaberta.com

Artigo 22. Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa que a desenvolva.

CAPÍTULO II
Disposicións específicas para cada programa

Sección 1.ª
Programa 1. Axudas para o financiamento dos gastos de funcionamento
das entidades galegas no exterior

Artigo 23. Obxecto e finalidade das axudas.

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico en que incorran os centros e entidades galegas existentes fóra de Galicia durante o exercicio 2012 e que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria.

Poderanse subvencionar ao abeiro deste programa os gastos derivados de:

1. O arrendamento de inmobles que se utilicen, en todo caso, como sede habitual e permanente das entidades galegas solicitantes, sempre que a entidade non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de seren utilizados do xeito indicado.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, prensa, revistas ou material informático non inventariable), comunicacións telefónicas, luz, auga e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

3. Gastos de desprazamento dos representantes legais das entidades e centros galegos no exterior con motivo das reunións e sesións de traballo convocadas oficialmente pola Secretaría Xeral da Emigración.

4. Promover a conexión das entidades galegas á internet de alta velocidade e ao uso do correo electrónico.

5. Fomentar a conexión das entidades galegas ás novas canles de acceso ás televisións galega e española.

Artigo 24. Documentación que hai que presentar coa solicitude.

As entidades interesadas en concorrer ás axudas obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo I desta resolución.

b) Memoria explicativa dos gastos de funcionamento que a entidade solicitante prevexa ter durante o ano 2012.

c) Orzamento detallado que recolla os custos previstos neste ano para cada concepto de gasto.

d) Copia cotexada do contrato oficial de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, de non se atopar debidamente actualizado o exemplar que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

e) Copia do xustificante de pagamento da mensualidade referida ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

f) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas e/ou concedidas, para a mesma acción para que se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.

g) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo III).

h) Declaración en que conste que a entidade solicitante se encontra ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

j) Fotocopia do CIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, ...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 25. Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter no seu ámbito e no seu contorno, ata 60 puntos, tendo en conta o número de asociados/as, importancia e número das actividades realizadas pola entidade, traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade, distribuídos do seguinte xeito:

Gastos necesarios e imprescindibles para o funcionamento da entidade (como luz, auga, teléfono, calefacción, limpeza, alugamento) ata 60 puntos.

Outros gastos correntes como subministración material funxible, taxas, mantemento equipamento e gastos en servizos externos, ata 40 puntos.

Gastos de desprazamento dos representantes legais das entidades e centros galegos no exterior con motivo das reunións e sesións de traballo convocadas oficialmente pola Secretaría Xeral da Emigración, e a conexión das entidades á internet e ao uso do correo electrónico, así como a conexión ás novas canles de acceso ás televisións galega e española, ata 30 puntos.

As puntuacións asignadas de conformidade co establecido nesta epígrafe non poden superar 60 puntos.

2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 30 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegos e descendentes que sexan usuarios das accións realizadas pola entidade e o seu grao de aproveitamento.

3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

● Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

● Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos coa aplicación dos criterios establecidos non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2.ª
Programa 2. Axudas ás entidades galegas no exterior para proxectos culturais,
socioasistenciais, promovidos pola xuventude e accións informativas

Artigo 26. Obxecto e finalidade das axudas.

1. A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, a realización durante o exercicio 2012 das seguintes accións: 1) programación cultural e formativa dos centros e entidades galegas no exterior e, así mesmo, promover a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de acollida; 2) a edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión, así como outras accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas residentes no exterior; 3) proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración dos mozos e mozas nas estruturas orgánicas das entidades galegas no exterior, propiciando deste xeito a renovación xeracional; 4) prestación polas entidades de servizos sanitarios, socioasistenciais ou residenciais, a persoas de orixe galega residentes no exterior que carezan da correspondente cobertura e de medios económicos suficientes para afrontar o seu custo.

2. En cada unha destas accións poderanse subvencionar as seguintes finalidades:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Programación anual de actividades culturais e de carácter formativo presentada polos centros e entidades galegas no exterior.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Realización de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización de grupos corais, musicais, teatrais e de danza e actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Subscricións a publicacións e revistas de carácter periódico.

9. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polos centros e entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 4/1983, de recoñecemento da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter exclusivamente gastronómico.

B) Accións informativas.

Á edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc. ou boletíns de interese xeral, así como á realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

C) Proxectos promovidos pola xuventude, nas comunidades galegas.

1. Formación específica dos mozos e mozas na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro. Habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos de mozos e mozas pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica dos mozos e mozas para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas, en calquera especialidade, e fomento das escolas deportivas para a promoción do deporte de base.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao colectivo de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre mozos da emigración e mozos galegos, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

D) Prestación de servizos socioasistenciais.

1. Gastos de funcionamento de centros hospitalarios, residencias para maiores e centros de convivencia dependentes das entidades galegas do exterior.

2. A concertación de prazas en residencias para maiores e centros hospitalarios que presenten unha acreditada traxectoria na prestación de servizos sanitarios e/ou socioasistenciais aos galegos residentes no exterior.

3. Gastos derivados da posta en marcha e desenvolvemento de programas de apoio e atención para o mantemento da autonomía no propio domicilio (asistencia domiciliaria) ou outros programas de protección sanitaria e/ou socioasistencial.

Artigo 27. Documentación que hai que presentar coa solicitude.

As entidades interesadas en concorrer ás subvencións obxecto deste programa deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo normalizado, que figura como anexo II desta resolución.

b) Programa ou memoria descritiva que recolla detalladamente as accións que se pretenden realizar no ano 2012, a súa necesidade, datas e lugares previstos de realización. Se se inclúen actividades xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de polo representate legal da entidade, polo responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores.

c) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada acción e de todas en conxunto para as cales se solicita a subvención.

d) Declaración do conxunto das subvencións solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade para a cal se solicita a subvención, das distintas administracións públicas ou de organismos privados ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.

e) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (modelo anexo III).

f) Declaración en que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificación da entidade bancaria en que conste o número de conta e o titular, no caso de que non fose presentada con anterioridade ou se producise algún cambio.

h) Fotocopia do CIF da entidade, ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Cadastro, ...), sempre que non fose presentado con anterioridade. O interesado deberá indicar o procedemento para o que se presentou ou o expediente en que se encontra esa documentación.

Artigo 28. Criterios de valoración.

I. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese xeral dos programas e calidade técnica, atendendo ás finalidades para as que se solicita a subvención nesta resolución e ao seu carácter innovador; así mesmo valorarase a importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas, xuvenís e asistenciais realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 60 puntos, distribuídos do seguinte xeito:

1.1. Finalidades para as que se solicita a subvención, ata 30 puntos. Se as finalidades se refiren exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 30 puntos. Se se refiren exclusivamente a actuacións de tipo asistencial, ata 25 puntos. Se se refiren exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 20 puntos. Se se refiren exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 15 puntos. Para aquelas entidades que realicen varias accións a puntuación máxima que se obterá será 30 puntos.

As puntuacións asignadas de conformidade co establecido neste punto non poden superar 30 puntos.

1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos, ata 15 puntos.

1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas, xuvenís e asistenciais realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos, ata 15 puntos.

2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter as actividades que se van realizar para as que se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de usuarios, o impacto informativo e cultural do proxecto, ata 30 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegos e descendentes que sexan usuarios das accións realizadas pola entidade e o grao de aproveitamento das mesmas.

3. Emprego da lingua galega na realización das accións, ata 10 puntos:

● Utilización exclusiva da lingua galega, 10 puntos.

● Utilización compartida da lingua galega con outras linguas, de 0 a 9 puntos.

II. En todo caso, aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 10 puntos, coa aplicación dos criterios establecidos, non serán obxecto de subvención, nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file