Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2229

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de decembro de 2011 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas ensinanzas universitarias oficiais na Universidade da Coruña.

O Real decreto 1393/2007, de 29 de outubro, modificado por Real decreto 861/2010, de 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, dispoñendo no seu capítulo VI o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos deberán ser verificados polo Consello de Universidades e someterse a un procedemento de acreditación cada seis anos no caso dos graos e doutoramentos e catro nos de máster, contados desde a data da súa verificación inicial ou a súa última acreditación, co fin de manter a súa acreditación.

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia e no Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No artigo 12 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma farase por orde da consellería competente en materia de universidades. Previamente terá que ser informado polo Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 5.j) da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis aló dun curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de revogación.

A Secretaría Xeral de Universidades solicitou á Universidade da Coruña a conformidade de revogación da autorización para a súa impartición dos máster universitarios afectados pola nova autorización de implantación do Máster Universitario en Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais. A Universidade da Coruña manifesta a súa conformidade e comunica que, como consecuencia da autorización de implantación para o curso 2011/2012 do Máster Universitario en Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais, solicita a revogación dos títulos oficiais afectados, para o cal remite certificacións do Consello de Goberno e do Consello Social.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único.

Revogar a autorización, á Universidade da Coruña, para impartir as seguintes ensinanzas universitarias oficiais de:

– Máster Universitario en Investigación en Tecnoloxías Navais e Oceánicas. Autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro.

– Máster Universitario en Enxeñaría e Tecnoloxía Industrial. Autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria