Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2012 Páx. 1875

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO de aceptación da delegación de competencias en materia de recadación de sancións de tráfico do Concello de Carballo.

O Pleno desta Corporación, na sesión ordinaria celebrada o día 29 de abril de 2011, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«46. Aceptar a delegación de competencias tributarias acordada polo Concello de Carballo en materia de recadación voluntaria e executiva das sancións por infraccións das normas sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguranza viaria.

Aceptar a delegación das competencias en materia tributaria acordada polo Concello de Carballo en relación coa seguinte materia:

Recadación voluntaria e executiva das sancións por infraccións das normas sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguranza viaria.

O exercicio das competencias delegadas obxecto de aceptación levarase a cabo nos termos establecidos nas bases para a prestación de servizos en materia de sancións de tráfico e da taxa pola utilización privativa ou aproveitamentos especiais aos concellos que non teñan delegada a xestión tributaria e a recadación dos impostos municipais obrigatorios.

A executividade deste acordo de delegación queda condicionada á entrada en vigor das ditas bases aprobadas inicialmente na sesión plenaria do 25 de marzo de 2011, así como ao acordo de aprobación definitiva da Ordenanza fiscal número 5 reguladora da taxa pola prestación dos servizos tributarios e, ademais, á publicación no Boletín Oficial da provincia e da comunidade autónoma do acordo de aceptación da delegación pola Deputación Provincial da Coruña, conforme o establecido no artigo 7 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo».

O que se fai público para xeral coñecemento.

A Coruña, 2 de decembro de 2011.

María Padín Fernández M.ª Amparo C. Taboada Gil
Presidenta en funcións da Deputación Secretaria accidental da Deputación
Provincial da Coruña Provincial da Coruña