Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2012 Páx. 1655

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2011, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Lalín (expediente IN407A 2011/218-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: trav. Vigo 204, 36000 Vigo.

Denominación: L.M.T., C.T., R.B.T. Lamas.

Situación: Lalín.

Descricións técnicas: L.M.T. subterránea a 20 kV con condutor tipo R.H.Z. de 666 metros de lonxitude, con orixe nun apoio existente C-4500/20 da L.M.T. LAL803 e final no C.T. proxectado. Centro de transformación de 160 kVA, R.T. 20 kV/400-230 V, situado en Lamas, Noceda, Lalín. 25 metros de rede de baixa tensión subterránea con condutor tipo R.Z.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 9 de setembro de 2011 e no BOP do 9 de setembro de 2011.

Durante o mencionado trámite recibíronse escritos de alegacións asinados por Manuel Sanmiguel Souto, M.ª Luisa Souto Gil, María Mato Jordedo, Guadalupe Mámoa Mato, Javier Peña Rodríguez, Roberto Trabazo Sobrino, Esther Sanmiguel Souto e M.ª Eva Mámoa Sanmiguel. Os alegantes expoñen nos seus escritos o seguinte:

1)

Non existe necesidade obxectiva da liña, puntualizando:

– Que a instalación é innecesaria, xa que dispoñen de enerxía eléctrica suficiente e non teñen cortes nin faltas de subministración.

– Consideran vulnerado o seu dereito á información, xa que non se lles informou directamente do proxecto.

– Que a situación do transformador vulnera os dereitos colectivos de gozar dun ambiente san, a preservación e restauración do ambiente e cren que a instalación atravesará unha calzada romana.

Neste punto M.ª Luisa Souto Gil engade que ela é propietaria de dous predios edificables e a colocación do centro de transformación podería prexudicala. Tamén expresa o seu temor de que os campos magnéticos prexudiquen a saúde do seu irmán.

2)

Non se valorou o impacto sobre o medio humano. Neste punto recollen as súas preocupacións sobre os efectos que os campos magnéticos poidan ter sobre a saúde.

3)

Presentan un trazado alternativo, de forma que o transformador se instale nun lugar máis afastado das vivendas.

A distribuidora Unión Fenosa Distribución S.A. responde a estas alegacións:

– Que non se vulnera o dereito á información dos alegantes xa que o proxecto foi sometido a información pública tal como establece o artigo 125 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– A necesidade da instalación vén xustificada por reclamacións en canto á mala subministración na zona que lles produce caídas de tensión.

– En canto aos efectos das liñas sobre a saúde, segundo o informe elaborado polo Ministerio de Sanidade e Consumo, a partir do informe técnico realizado polo Comité de Expertos Independentes sobre campos magnéticos e saúde pública, a exposición non ocasiona efectos adversos, dentro dos límites establecidos na recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea (1999/519/CE).

– Que os predios non perderán valor senón o contrario, posto que a instalación garantirá a subministración eléctrica ás futuras construcións na zona.

– Que o proxecto presentado é tecnicamente o mais viable e ademais a alternativa proposta polos alegantes é inviable xa que afectaría terceiros e o centro de transformación se situaría a uns 700 m aproximadamente da zona onde se pretende mellorar a calidade da subministración eléctrica.

– Que consultou a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia sobre a posible afección a unha calzada romana, e esta indicoulles que non existe tal afección.

Vistas as alegacións e a contestación dada por Unión Fenosa Distribución S.A., conclúese o seguinte:

– A necesidade da instalación queda xustificada xa que existe reclamación por incumprimento da calidade da subministración de electricidade e, de acordo co artigo 105.1 e 105.5, é responsabilidade do distribuidor restablecer a calidade coas medidas oportunas e, de acordo co artigo 2.2 da Lei do sector eléctrico, os servizos de subministración eléctrica (tanto en transporte como en distribución) consideran como servizo esencial.

– En canto á información pública seguiuse o procedemento regulamentado no Real decreto 1955/2000.

– En canto ás alegacións presentadas e o exposto pola compañía, non se incumpre ningunha das limitacións recollidas no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial, resolve:

Autorizar e aprobar o proxecto de execución das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 14 de decembro de 2011.

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra