Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2012 Páx. 1471

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 249/2011, do 23 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, dispón no seu artigo 8 que os bens mobles, inmobles e inmateriais máis destacados do patrimonio cultural de Galicia serán declarados bens de interese cultural mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Cultura. Os artigos seguintes regulan o procedemento correspondente.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por Resolución do 28 de xuño de 2011, incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural inmaterial en favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Buenos Aires 1950), sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego.

Ao día seguinte da publicación da dita resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG n.º 136, do 15 de xullo) ábrese o trámite de información pública durante o cal se reciben dúas alegacións, ás cales se dá resposta razoada. Con posterioridade á resolución solicítase a tres órganos consultivos e a un dos asesores en materia de patrimonio cultural previstos na lexislación vixente o seu parecer sobre tal declaración. Tanto os informes da Real Academia Galega de Belas Artes, do Consello da Cultura Galega e da Facultade de Xeografía e Historia (Departamento de Historia Contemporánea e América) da Universidade de Santiago de Compostela, como o emitido pola Comisión Territorial do Patrimonio Histórico da Coruña, son favorables a que a obra de Castelao sexa declarada ben de interese cultural segundo a proposta do acordo de incoación do procedemento.

Todos os informes recibidos destacan o carácter singular e valor excepcional da traxectoria vital e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura sen a cal non se pode comprender a significación de Galicia contemporánea. El nunca disociou arte de compromiso, ética e estética, a obra artística en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade dun pobo. De feito, a achega de Castelao ás letras, ás artes e á política é determinante para a recuperación da lingua e da cultura galega e a formación dunha conciencia de Galicia como nación, intimamente ligadas á defensa das liberdades democráticas.

A súa obra escrita, amplamente diversificada en distintos xéneros –narrativa, teatro, ensaio, pensamento, discurso, artigos de prensa, correspondencia– ten, con independencia do seu volume, un valor excepcional no panorama das letras galegas e peninsulares do século XX e na historia da creación verbal e escrita en lingua galega. A súa obra plástica –que ten valor por si e ademais, ás veces, complementaria da narrativa– é tamén moi variada. Castelao amosa unha gran capacidade para plasmar plasticamente todo un mundo de expresividade a través de técnicas e materiais moi diversos pero, por riba de todo, resalta a súa preferencia polo debuxo expresivo ou de apunte inmediato e de pequeno formato, en canto un modo de expresión idóneo para o cal foi o seu grande interese: reflectir directa e profundamente a singular identidade do pobo galego e a súa problemática específica. Como artista Castelao acercouse ao ámbito das artes plásticas sen reparar en categorías nin distincións entre o que convencionalmente se entende como belas artes e artes menores, o que en grande medida explica que a súa produción neste campo sexa tan extensa e chegase tan directamente á sociedade.

Sen prexuízo de que a súa produción creativa posúa un significado que transcenda as nosas fronteiras, e o seu legado ocupe un lugar destacado na historia da arte contemporánea, o mérito sobranceiro do conxunto da obra artística de Castelao para a súa consideración como ben de interese cultural radica en que constitúe a expresión moderna da realidade e valores que se asocian coa galeguidade.

Por todo iso, vista a resolución de incoación e demais documentación do expediente, rematada a instrución do correspondente procedemento administrativo, cómpre proceder á súa resolución definitiva, conforme o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, pola súa significación para a cultura e identidade de Galicia.

Segundo. Promover a conservación, difusión e investigación do conxunto da obra de Castelao, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, e fomentar a pervivencia da súa pegada entre as xeracións futuras.

Terceiro. Ordenar a inscrición do ben no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica que constan no anexo da dita resolución de incoación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 28 de xuño de 2011 e a relación da bibliografía que figura no expediente.

Disposición derradeira única.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo