Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2012 Páx. 1406

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e a desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio seguindo criterios de eficacia e calidade. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e tamén fomentar a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega das realidades dos países empobrecidos potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade e traballando para o fortalecemento dos axentes de cooperación.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras para o ano 2012 para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 de acordo con estas bases reguladoras e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/83 do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012 e 2013 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Capítulo I - Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento:

05.06.331A.481.0, pola contía total de 400.000 euros (140.000 euros no ano 2012 e de 260.000 euros no ano 2013)

Capítulo II - Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD:

05.06.331A.481.0, pola contía total de 250.000 euros (87.500 euros no ano 2012 e de 162.500 euros no ano 2013).

Se os recursos destinados ao capítulo I – «Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento» ou ao capítulo II – «Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD» non se esgotasen, o saldo resultante podería incrementar a asignación dun deles, ao tratarse de subvencións con cargo á mesma aplicación orzamentaria.

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicion adicional primeira.

A presente resolución tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1.º da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, ao existir crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 18 de outubro de 2011.

Disposición adicional segunda.

A convocatoria e a concesión das axudas reguladas nesta resolución estará supeditada á existencia de crédito suficiente na aplicación orzamentaria 05.06.331A.481.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012.

Disposición adicional terceira.

Aprobase a delegación de atribucións do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.4 da Orde do 22 de setembro de 2011 sobre delegación de competencias na secretaría xeral técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional cuarta.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia
competitiva, para a execución de proxectos para actividades de educación para
o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións
non gobernamentais de desenvolvemento

CAPÍTULO I
Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento

Artigo 1. Obxecto.

Este capítulo regula a concesión de subvencións para actividades desenvolvidas dentro das catro dimensións que forman parte da educación para o desenvolvemento:

a) Sensibilización, concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento, difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Artigo 2. Entidades beneficiarias/solicitantes.

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento en calquera das catro dimensións definidas.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias e requisitos dos proxectos.

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes (organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento):

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con polo menos un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2010 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento e de consolidación e fortalecemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto.

e) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados pola entidade solicitante, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, alíneas b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que cumprindo os requisitos anteriores se presenten agrupadas. Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. O devandito documento estará asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade. Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á cal pertenza a devandita organización ou aquelas nas cales os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Tanto na solicitude como na resolución de concesión, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa como responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos, dende a aprobación do proxecto.

f) As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos. Financiarase un único proxecto individual a cada entidade e un único proxecto en agrupación, en ambos os casos o de maior puntuación. Si as dispoñibilidades financeiras o permiten poderase subvencionar o segundo proxecto, sempre que obteña a puntuación necesaria.

3.2. Requisitos dos proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2012, polo que é necesario que o seu inicio sexa no ano 2012. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, quedando excluídos deste requisito os proxectos de investigación para o desenvolvemento.

c) Que non vaian dirixidas exclusivamente aos membros (socios/as, traballadores/as, voluntarios/as, directivas) da propia organización.

d) No caso dos proxectos de investigación sobre o desenvolvemento estes deberán estar dirixidos por un doutor/a e non poderán servir para a identificación e formulación de proxectos nin para a avaliación de proxectos de cooperación financiados con cargo a fondos públicos que establezan unha partida específica destinada a gastos de avaliación.

Artigo 4. Solicitude.

4.1. A solicitude de subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org

4.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación, e do proxecto que se presentará no modelo oficial de formulario de presentación de proxecto. A documentación da carpeta 1 e o documento de formulación do proxecto, carpeta 2, serán presentados en orixinal e en soporte electrónico.

Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante:

a) Certificación da secretaría da entidade acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, en relación coa documentación que se recolle a continuación, con indicación do número de inscrición no dito rexistro. Esta certificación fará referencia a:

– Representación da persoa responsable legal da entidade (para aquelas entidades con domicilio social en Galicia). En defecto da certificación da secretaría, presentarase poder bastante sobre a representación para que a persoa responsable ou delegado/a en Galicia actúe en nome da entidade.

– Que dispón de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Composición do órgano de goberno da dirección da entidade (as renovacións ou modificacións da súa composición deben ser notificadas, especialmente no que atinxe aos postos de representante legal e secretaría).

– CIF da entidade.

– Número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos nesta alínea a) careza de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre este e achegarase, debidamente compulsado o dito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas das cales se dispón de datos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, deberase achegar xunto coa certificación anterior, certificación da secretaría da entidade acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Memoria da organización en Galicia na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como dos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) na que se enmarca o proxecto presentado.

No caso dos proxectos de investigación sobre o desenvolvemento deberase presentar a certificación da persoa secretaria do departamento correspondente respecto da aprobación do devandito proxecto por parte do consello de departamento e no que figure a data de aprobación e os datos básicos do proxecto aprobado: título, duración, director/a e/ou persoa responsable da investigación, orzamento. Así mesmo, presentarase o proxecto de investigación onde se recolla: o estado da cuestión, a hipótese e problemas, a metodoloxía de investigación, as fontes consultadas, a aplicabilidade e utilidade práctica dos resultados agardados, a contribución esperada á mellora da cooperación galega e o programa de difusión pública dos resultados da investigación. Tamén se engadirá o CV normalizado das persoas integrantes do equipo de investigación responsable da investigación.

d) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade en que conste que a entidade solicitante non está incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura como anexo III.

e) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

f) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

g) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, á aparte de presentar a documentación prevista nesta carpeta de cada unha das entidades, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso, mencionando expresamente o valor engadido que achegue cada un dos socios á agrupación.

h) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social española e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, conforme o establecido polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

i) No caso de que a entidade presente esta documentación ou parte dela a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, achegando a documentación que falte.

Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderá descargarse da páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es

4.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha das carpetas, impedirán a avaliación do proxecto, se non se procedese á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 15 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas alíneas b) e c) da carpeta 1 e o documento de proxecto (carpeta 2).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 5. Condicións de financiamento.

5.1. Con cargo a esta convocatoria a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE poderá financiar ata un 90% do orzamento total do proxecto non superará en ningún caso a subvención concedida os 25.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades a subvención concedida non superará o límite dos 35.000 euros.

5.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais, distribuirase do seguinte xeito: o 35% en 2012 e o 65% en 2013.

5.3. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou outros, nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no II Plan Director da Cooperación Galega. Si que se aceptará financiamento solicitado ou concedido doutros organismos financiadores que sexa distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que en ningún caso a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Gastos do proxecto.

6.1. Gastos subvencionables:

a) Aqueles derivados da identificación da intervención, ata un máximo de 1.500 euros por proxecto, sempre que se realizasen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria.

b) Gastos de locais (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización) para realizar as actividades xustificadas dentro do proxecto.

c) Axudas de custo, gastos de desprazamento do profesorado, do persoal adscrito ao proxecto e do colectivo destinatario do proxecto, e cando resulte imprescindible, as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do proxecto: profesorado, conferenciantes, monitores/as, investigadores/as.

d) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade, incluída a súa distribución.

e) Gastos propios da actividade de educación para o desenvolvemento, incluíndo o traslado de material vinculado á actividade (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

f) Gastos de persoal ao servizo do proxecto, debidamente motivados. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento. O persoal vinculado ao proxecto en cuestión debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia, e/ou no caso de proxectos de investigación no lugar onde se desenvolva a actividade. Nestes gastos inclúese salario e seguridade social.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta mais o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70% do orzamento total do proxecto.

g) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión, supervisión, non poderan exceder o 10% do orzamento total do proxecto.

Estes gastos serán imputados pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales entes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Os gastos correspondentes a telefono e á internet consideraranse incluídos neste punto.

h) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles.

i) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realice con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

j) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, presentando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 euros non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

6.2. Aceptaranse por parte da entidade solicitante e doutros financiadores (exceptuado a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do proxecto (non inclúe aqueles correspondentes á sede propia da organización).

b) Materiais: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados, material funxible que sexa o destinado ao exercicio da actividade. Deberase presentar valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores ao proxecto. Deberase establecer nestes casos un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).

c) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto, que non deberá exceder os 20 euros por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, no cal se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.

Artigo 7. Valoración das solicitudes.

As actividades que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

7.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 25 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento que incorpore a perspectiva de xénero así como as prioridades transversais da cooperación galega (subvencionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou por calquera outra entidade financiadora), suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Estratexia concreta de educación para o desenvolvemento que inclúa a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade en Galicia para os vindeiros anos (dous como mínimo), e adecuación da proposta a esta. Máximo:5 puntos.

4. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto ou doutras entidades. Esta deberá ser dun mínimo do 10% para ser puntuada. Máximo: 2 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento do sector galego de cooperación (valorándose o traballo e a presenza en Galicia, a participación en redes galegas, a adecuación a liñas estratéxicas da cooperación,). Máximo: 3 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades e valor engadido desta ao proxecto: Máximo: 3 puntos.

7. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa integración da actividade noutros proxectos globais cuxos efectos teñan carácter de permanencia ou o carácter innovador das actividades previstas desde o punto de vista da temática e/ou a metodoloxía. Máximo: 2 puntos.

7.2. Aspectos relacionados co proxecto: ata 75 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do lugar/es de realización, o público obxectivo e os fins que se pretenden conseguir. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados coa temática do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3º Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Contido da acción, segundo os criterios seguintes. Máximo: 25 puntos.

a) Loita contra as causas da pobreza e as desigualdades así como das posibilidades reais de superación destas a partir do coñecemento da realidade dos países empobrecidos. Máximo: 3 puntos.

b) Fomento da formación e capacitación de colectivos cunha alta capacidade de multiplicación e réplica como: profesorado, futuros/as docentes, educadores/as de tempo libre e animación sociocultural, voluntarios/as, profesionais de medios de comunicación, colectivos feministas e/ou de mulleres así como calquera colectivo que traballe a prol das prioridades transversais da cooperación galega. Máximo: 3 puntos.

c) Accións destinadas á difusión dos obxectivos de desenvolvemento do milenio (ODM) e aquelas que difundan a situación nos países máis desfavorecidos dos sectores máis vulnerables da poboación, en particular, infancia e xuventude, mulleres, comunidades indíxenas, persoas refuxiadas e desprazadas. Tamén os proxectos de difusión, promoción e defensa das necesidades básicas e estratéxicas das mulleres orientados á superación das relacións de desigualdade; así como accións que promovan, defendan e difundan os valores ambientais, a súa conservación e mellora. Máximo: 2 puntos.

d) Accións que promovan o comercio xusto e o consumo responsable. Máximo: 2 puntos.

e) Integración en campañas globais que acheguen maior impacto, sustentabilidade e permanencia Máximo: 3 puntos.

f) Accións que fomenten o establecemento de redes estables entre centros de educación superior para a realización de investigacións que promovan a adquisición de coñecementos entre os axentes galegos de cooperación e os axentes de desenvolvemento dos países empobrecidos. Máximo: 3 puntos.

g) Accións que promovan a investigación en educación para o desenvolvemento en Galicia, a sistematización de experiencias executadas ou en execución e a difusión pública dos resultados. 3 puntos.

h) Accións que promovan o coñecemento, defensa e promoción dos dereitos humanos, especialmente das mulleres a través da visualización das desigualdades de xénero. Máximo: 3 puntos.

i) Accións que promovan a visibilidade e o empoderamento das mulleres, dando voz ás mulleres desde a súa diversidade, e intentando incidir nos patróns sexistas das sociedades en que se basea. Máximo: 3 puntos.

5. Incidencia prevista das actividades: descrición precisa dos destinatarios/as, número de persoas ás cales se dirixe e a súa pertenza aos colectivos con posibilidade de multiplicación e réplica Máximo: 5 puntos.

6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos situados no medio rural, número de concellos en que se realizan actividades. Máximo: 3 puntos.

7. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

8. Recursos humanos e técnicos adecuados ás necesidades de execución e seguimento dos obxectivos do proxecto e persoal específico con formación en xénero, en educación para o desenvolvemento e/ou nas prioridades transversais da cooperación galega. Máximo: 2 puntos.

9. Grao, tipo de impacto esperado coa intervención e ferramentas establecidas para medilo. Máximo: 3 puntos.

10. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 3 puntos.

11. Integración do proxecto en estratexias integrais públicas de educación formal (por exemplo educación para a cidadanía) ou sensibilización, e/ou con outras ONGD.

Colaboración con asociacións e/ou grupos de acción social dos concellos e/ou parroquias en que teñan lugar as actividades. Máximo: 5 puntos.

12. Orixinalidade, innovación, valor engadido e uso de novas tecnoloxías. Difusión do proxecto, proxectos cuxo soporte e difusión estean baseados na utilización de novas tecnoloxías, campañas innovadoras. Máximo: 4 puntos.

13. Accións que recollan a difusión de proxectos de cooperación en execución ou executados con axudas da Xunta de Galicia, así como investigacións nos proxectos financiados pola Xunta de Galicia. Máximo: 5 puntos.

14. Emprego da lingua galega na realización das actividades para as que se solicita a axuda. Máximo: 2 puntos.

CAPÍTULO II
Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD

Artigo 8. Obxecto.

Este capítulo regula a concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento, con domicilio social ou sede permanente en Galicia. Coa convocatoria espérase, dunha banda, mellorar a capacidade de xestión das áreas internas da organización (de maneira que se poida completar en Galicia o máximo de fases do ciclo do proxecto), e doutra mellorar a xestión da base social da organización en Galicia.

Artigo 9. Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias e os proxectos.

9.1. As entidades solicitantes (organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) deben reunir os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con polo menos un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas, para as anualidades 2010 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento, consolidación e fortalecemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto.

e) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por varias ONGD que, cumprindo os requisitos anteriores, se presenten agrupadas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa como responsable, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á ONGD solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes.

Todos os membros da agrupación de entidades deben contribuír significativamente cos recursos financeiros e/ou outros, así como desempeñar un papel activo na acción. Cada unha das entidades agrupadas deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, agás o sinalado na letra c) deste punto, que o deberá cumprir unicamente a ONGD solicitante.

Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executar a cada unha delas. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a aprobación do proxecto.

f) A ONGD solicitante poderá presentar un máximo dun proxecto.

9.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2012, sendo necesario que o seu inicio sexa no ano 2012. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10. Solicitude.

10.1. A solicitude de subvención presentarase no modelo que figura como anexo II destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na web, www.cooperaciongalega.org

10.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación do proxecto que se recolle a continuación, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación da carpeta 1 e o documento de formulación do proxecto, carpeta 2 serán presentados en orixinal e en soporte electrónico.

Carpeta 1: Información relativa á/ás entidade/es solicitante/es:

a) Certificación da Secretaría da entidade acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, en relación á documentación que se recolle a continuación, con indicación do número de inscrición no dito rexistro. Esta certificación fará referencia á:

– Representación da persoa responsable legal da entidade (para aquelas entidades con domicilio social en Galicia). En defecto da certificación da Secretaría, presentarase poder bastante sobre a representación para que a persoa responsable ou delegada en Galicia actúe en nome da entidade.

– Que dispón de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Composición do órgano de goberno da dirección da entidade, a nivel estatal e en Galicia, se procede (as renovacións ou modificacións da súa composición deben ser notificadas, especialmente no que atinxe aos postos de representante legal e secretario/a).

– CIF da entidade.

– Número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre o mesmo e achegarase, debidamente compulsado, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas das cales se dispón de datos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, deberase achegar xunto coa certificación anterior certificación da Secretaría da entidade acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Memoria da organización en Galicia na cal se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, e aos proxectos de consolidación e fortalecemento financiados en anos anteriores e sobre todo aos resultados concretos obtidos con eles.

c) Plan/estratexia da organización en Galicia e/ou diagnóstico organizativo desta en todos os seus ámbitos de actuación ou na área que se desexa fortalecer, para os seguintes anos (dous como mínimo) na cal se enmarca o proxecto presentado, así como a previsión de gastos, ingresos, socios/as, persoal contratado e voluntario. Se é o caso tamén o Plan continuo de mellora e fortalecemento da organización.

Se o obxecto da solicitude é a elaboración do dito plan, xuntarase o orzamento e proxecto da consultora ou entidade implicada.

d) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade en que conste que a entidade solicitante non está incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo modelo que figura como anexo III.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade doutras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

f) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

g) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, á parte de presentar a documentación prevista nesta carpeta de todas as entidades, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que teñan a representación legal das entidades polo cal se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á ONGD solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso, mencionando expresamente o valor engadido que aporte cada un dos socios á agrupación.

h) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social española e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nin ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, conforme o establecido polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de que a entidade presentase esta documentación ou parte dela a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración en que se especifica que a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que está incorporada, anexando a documentación que falte.

Carpeta 2: Información relativa ao proxecto:

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderá descargarse da páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE a través do enderezo electrónico: cooperacion.exterior@xunta.es

10.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha das carpetas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 15 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas letras b) e c) da carpeta 1 e o documento de proxecto (carpeta 2).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo II) ou a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 11. Condicións de financiamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do proxecto, non superando en ningún caso a subvención concedida os 25.000 euros.

Nos proxectos presentados por varias entidades a subvención concedida non superará o límite dos 35.000 euros.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais, distribuirase do seguinte xeito: o 35% en 2012 e o 65% en 2013.

Artigo 12. Gastos do proxecto.

12.1. Gastos subvencionables:

a) Fortalecemento das áreas internas da organización. Primarase o fortalecemento da área de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria, tanto na súa planificación integral como na mellora das distintas fases de identificación, formulación, xestión ou avaliación; a área de educación para o desenvolvemento; a área de planificación estratéxica; a área de comunicación; a área de comercio xusto; así como da transversalización nestas, dos eixes transversais que se recollen no Plan Director da Cooperación Galega: dereitos humanos, loita contra a pobreza, equidade de xénero, sustentabilidade ambiental, interculturalidade.

Inclúense gastos para a realización de estudos de viabilidade, fortalecemento da organización, mellora de calidade e outros de natureza análoga, ou realización de plans estratéxicos, políticas de xénero e de educación para o desenvolvemento, adaptación e tradución ao galego de páxinas web, etc.

b) Formación técnica de persoal, de socios/as, do voluntariado e da xunta directiva da organización en Galicia, a través da realización de seminarios e/ou talleres internos, incluíndo o material didáctico, outro material consumible necesario para a realización desta actividade, os honorarios e axudas de custo do profesorado, así como os gastos de aluguer de local. No caso de ser o local da sede social da entidade solicitante, imputarase na parte que razoablemente corresponda para o desenvolvemento da formación, así como a formación nas áreas dos eixes transversais que figuran no Plan Director da Cooperación Galega: dereitos humanos, loita contra a pobreza, equidade de xénero, sustentabilidade ambiental, interculturalidade.

Primarase a formación que verse sobre: mellora da xestión da ONGD, aspectos técnicos das diferentes fases dun proxecto, técnicas de comunicación externa ou de relación con medios de comunicación, xestión por resultados, e aplicación da perspectiva de xénero cara ao interior das organizacións.

O persoal contratado para os efectos de impartir formación non poderá ter ningunha vinculación coa entidade contratante ou coas entidades membros da agrupación de entidades, de ser o caso.

c) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou talleres de formación técnica do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da entidade en Galicia, organizados por terceiros. Inclúese matrícula e axudas de custo dos asistentes.

d) Deseño ou contratación externa de campañas de captación de socios/as e voluntariado en Galicia (as campañas deberán respectar os códigos de conduta e de imaxes propios do sector, avalados polas súas organizacións máis representativas, Coordinadora Galega de ONGD e Coordinadora de ONGD-España).

e) Gastos derivados da contratación de persoal en Galicia encargado da xestión da área interna da organización que se quere fortalecer ou da xestión da base social da organización en Galicia. A inclusión de gastos derivados da contratación de persoal deberá estar xustificada. Nestes gastos inclúese salario e seguridade social.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta mais o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70% do orzamento total do proxecto.

f) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión, supervisión, que non poderán exceder estes o 5% do orzamento total do proxecto. Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales entes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

g) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles

h) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

i) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, xuntando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 euros non se poderán aceptar pagamentos en efectivo.

12.2. Aceptaranse por parte da entidade solicitante e doutros financiadores (exceptuado a Xunta e Galicia) achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Locais: poderanse valorizar os locais directamente adscritos á consecución dos resultados do proxecto, incluíndo aqueles correspondentes á sede da propia organización.

b) Materiais: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados, sen incluír os equipamentos e materiais de funcionamento en xeral. Deberase presentar valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores ao proxecto. Deberase establecer nestes casos un sistema de depreciación. Queda excluído o material inventariable.

d) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan en cada actividade e o custo suposto, que non deberá exceder dos 20 euros por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, en que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, os apelidos e o DNI da persoa voluntaria.

Artigo 13. Valoración de solicitudes.

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

13.1. Aspectos relacionados coa traxectoria da entidade solicitante: 35 puntos.

1. Experiencia e traxectoria da entidade/s en Galicia, en proxectos de cooperación para o desenvolvemento, acción humanitaria, actividades de educación para o desenvolvemento suficientemente descritas na solicitude. Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de xestión de recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade/s para o desenvolvemento de actuacións en Galicia. Máximo: 5 puntos.

3. Grao de eficacia, impacto social e eficiencia das iniciativas ou proxectos de fortalecemento, consolidación ou mellora da entidade solicitante nas súas áreas de traballo: cooperación, educación para o desenvolvemento, comunicación, xénero, etc., así como na súa base social, especialmente os financiados pola Xunta de Galicia. Máximo: 5 puntos.

4. Estratexia da ONGD en Galicia, coa visibilización da inclusión do enfoque de xénero nela e/ou política institucional de xénero e adaptación da proposta a esta. Previsións e compromisos demostrables de crecemento. Máximo: 5 puntos.

5. Existencia dun Plan continúo de mellora e fortalecemento que recolla iniciativas encamiñadas a promover a progresiva independencia da ONGD, baseada no desenvolvemento das súas capacidades estruturais internas, e adaptación da proposta a este. 5 puntos.

6. Achega financeira da ONGD ou entidades participantes no proxecto. Máximo: 2 puntos.

7. Contribución da ONGD solicitante, ao fomento do sector galego de cooperación, e medidas concretas establecidas para iso Máximo: 3 puntos.

8. Proposta presentada en agrupación de entidades e valor engadido desta ao proxecto: Máximo: 3 puntos.

13.2. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 65 puntos.

1. Contexto: antecedentes e xustificación do proxecto descritos suficientemente na solicitude, en función dos obxectivos e características e das necesidades de fortalecemento da entidade solicitante. Máximo: 7 puntos.

2. Pertinencia e coherencia da estratexia da ONGD para a súa consolidación e fortalecemento, e acomodo da proposta a esta. Máximo: 7 puntos.

3. Pertinencia e coherencia do Plan continuo de mellora e fortalecemento: Máximo: 7 puntos.

4. Incidencia e impacto previsto das actividades, en relación cun maior fortalecemento e consolidación da ONGD, así como compromiso de consecución dos obxectivos formulados e obxectividade das fontes de verificación destes mes. Máximo: 7 puntos.

5. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

6. Motivación da necesidade de contratación de persoal especializado, fixación de tarefas e compromisos de traballo e perfil requirido. Máximo: 6 puntos.

7. Proxectos que promovan o intercambio de experiencias e o transvase de coñecementos entre ONGD, outros axentes da cooperación galega ou outras entidades sociais galegas. Máximo: 5 puntos.

8. Proxectos que promovan o fortalecemento das áreas de:

– Cooperación ao desenvolvemento e acción humanitaria. Máximo: 2 puntos.

– Comunicación. Máximo: 2 puntos.

– Planificación estratéxica. Máximo: 2 puntos.

– Comercio xusto o consumo responsable. Máximo: 2 puntos.

– Xénero. Máximo: 2 puntos.

– Educación para o desenvolvemento ou a incidencia social. Máximo: 2 puntos.

9. Proxectos que promovan plans de formación internos pertinentes coa proposta presentada e as necesidades da organización. Previsións de réplica. Máximo: 2 puntos.

10. Proxectos que promovan plans de formación coordinados con outros axentes de cooperación. Máximo: 3 puntos.

11. Proxectos que inclúan plans de captación de socios innovadores tanto na metodoloxía de captación empregada, coma no tipo de socio que se pretende captar. Máximo: 2 puntos.

12. Emprego da lingua galega na realización das actividades para as que se solicita a axuda. Máximo: 2 puntos.

CAPÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 14. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa Feáns, 5 - baixo, 15705 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras, por calquera medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e así mesmo, a través da sede electrónica con domicilio en https://sede.xunta.es

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o seguinte día ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Instrución.

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desistes da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 16. Valoración das solicitudes.

16.1. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión compoñerase das seguintes persoas:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Estes informes, que en ningún caso serán vinculantes, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

16.2. Para superar a fase de valoración tanto nos proxectos de educación para o desenvolvemento como nos de fortalecemento e consolidación de ONGD, será necesario acadar unha puntuación do 50% nas epígrafes I, II e III.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria. No caso de proxectos de educación para o desenvolvemento (capítulo I destas bases reguladores), financiarase un único proxecto individual a cada entidade e un único proxecto en agrupación, en ambos os casos o de maior puntuación. Se as dispoñibilidades financeiras o permitisen poderase subvencionar o segundo proxecto, sempre que obteña a puntuación necesaria.

16.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará eses recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 17. Prazo de resolución.

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes consideraranse desestimadas.

Artigo 18. Resolución.

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente, por delegación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolverá o procedente.

Artigo 19. Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedinte a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 20. Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, contía e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 21. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación da axuda, en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se comprometen a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente, por delegación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 22. Anticipos.

22.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en atención á coherencia co obxecto e coa finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

22.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade en Galicia.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Certificación bancaria da conta da entidade beneficiaria afecta á xestión do proxecto. Nesta conta asignada ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

22.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira anualidade, de acordo coas previsións do artigo 23.3 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada polo representante legal da entidade.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto, asinado pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

22.4. As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento beneficiarias dos proxectos subvencionados ao abeiro do capítulo II «Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento» e do capítulo III «Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD» desta orde, deberán presentar declaración responsable da persoa que desempeñe a representación legal da entidade solicitante conforme esta está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social española e non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nin é debedora por resolución de procedencia de reintegro, conforme a establecido polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

23.1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente. Conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto terceiro e a segunda anualidade, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

23.2. Para a presentación do informe de seguimento e do final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web, www.cooperaciongalega.org

23.3. A xustificación da primeira anualidade realizarase mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade solicitante acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado. No caso de proxectos plurianuais, na segunda anualidade deberase entregar certificación dos gastos co importe total do proxecto na segunda anualidade e co importe total do proxecto, incluída a primeira e segunda anualidade.

b) Informe sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e en que se indique as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

23.4. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

1.ª parte. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado

– Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnica- económica do proxecto en Galicia.

2.ª parte. Xustificación económica: comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida, que se fará mediante a forma de xustificación simplificada e incluirá:

– Certificación dos gastos co importe total do proxecto, distribuído por partidas orzamentarias e no cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

– Certificación dos gastos da segunda anualidade, distribuído por partidas orzamentarias e no que se indique nas distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

– Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

– Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura e do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en euros.

– Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, o órgano competente requirirá aos beneficiarios a achega dos orixinais dos xustificantes que estime oportunos, que suporán ao menos o 25% da cantidade subvencionada.

23.5. Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión, supervisión. Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Este gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE dunha soa vez pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable da persoa que desempeñe a representación legal.

23.6. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, título abreviado do proxecto de cooperación para o desenvolvemento, así como a referencia ao financiamento da Xunta «Financiada pola Xunta de Galicia». Naqueles documentos xustificativos de gasto imputable a máis dun financiador, deberá constar a dilixencia antes mencionada, indicando ademais o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada un. No suposto de documentos de gasto nos cales resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, xuntarase cunha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Artigo 24. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos.

24.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.

24.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

24.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

24.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e a Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da cooperación galega www.cooperaciongalega.org

24.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

24.6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 25. Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 26. Reintegro por incumprimento.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da súa totalidade en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 27. Información aos órganos fiscalizadores.

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 28. Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 29. Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file